"A detención e posterior ingreso en prisión do ex director xeral de
Pemex, Emilio Lozoya, fixo emerxer as conexións dunha presunta trama
corrupta coa operación de compra do estaleiro vigués Hijos de J.
Barreras por parte dunha filial da petroleira mexicana.
O caso, que está a ser investigado polas autoridades do país azteca,
outórgalle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e a algún dos
seus asesores máis próximos un papel relevante nesas negociacións, que
permitiron á empresa pública de petróleos mexicanos facerse co control
do estaleiro no que se estaba a construír un dos floteis, e cuxa
consecución aproveitou o titular da Xunta para obter réditos políticos
na batalla electoral.
Pero antes de que se fechase a compra de Barreras e aparecera Lozoya
en escena, o presidente galego xa tivera numerosos contactos con altos
directivos da petroleira mexicana e do Goberno daquel país para garantir
carga de traballo para o naval galego. Todo o plan comezouse a fraguar
anos atrás, en 2007, e a familia Mouriño foi a chave para que os
estaleiros galegos levaran un concurso público que non será recordado
pola súa transparencia, pero si pola súa repercusión no emprego na
Galiza nos anos máis duros da crise económica.
Desas negociacións case nada se soubo na Galiza, pero cando se
anunciou, os medios mexicanos destacaron un nome propio en toda a
operación. Era o de Juan Camilo Mouriño, fillo do presidente e máximo
accionista do Real Clube Celta de Vigo, Carlos Mouriño, que emigrara a
México a mediados do século pasado. Alí fixo carreira política (mesmo
soaba o seu nome como candidato á Presidencia da República), pero un
tráxico accidente de avión rematou coa sua vida en novembro de 2007.
Man dereita de Calderón
Por aquel entón, Juan Camilo Mouriño era secretario de Gobernación do
Executivo de Felipe Calderón e persoa de máxima confianza do presidente
mexicano. Precisamente, desde a prensa azteca sinalaban no 2012, cando
se deu a coñecer o acordo para a construción dos floteis, que con el
Calderón daba cumprimento á promesa feita por Mouriño cinco anos atrás
ás empresarias viguesas, xa que en xullo de 2007, como xefe da Oficina
da Presidencia da República, o político de orixe galega comprometérase a
beneficiar a empresarios galegos co outorgamento de contratos do sector
público para salvar o naval.
Contratos ocultos
O acordo entre Pemex e a Xunta para a construción de dous floteis, un
no estaleiro público de Navantia Ferrol e outro no de Barreras, entón
en situación concursal, serviu para impulsar a carreira de Núñez Feixoo á
súa reelección á fronte do Goberno galego, pero nunca se deu a coñecer
en detalle, aludindo a un acordo de confidencialidade entre as partes.
Só os directivos das compañías implicadas e algún membro do comité de
empresa aseguran haber tido acceso ao documento, cuxa existencia mesmo
negaban desde o cuartel xeral de Pemex.
A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscosou na súa lectura na nube." (Pablo Barro, Nós, 22/02/20)
ou na súa lectura na nube.
No hay comentarios:
Publicar un comentario