"O colapso de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión entre Caixa Galicia e Caixanova
en plena crise financeira de hai unha década, trouxo consigo
importantes consecuencias para o tecido industrial e empresarial galego.
A entidade fusionada, rescatada con máis de 9.000 millóns de euros dos que as arcas públicas apenas recuperaron 1.000, tivo que desfacerse da súa participación en múltiples empresas antes de ser privatizada.
Un deses desinvestimentos deu lugar a que quedasen en mans
multinacionais as residencias de persoas maiores ata ese momento
controladas polas caixas e que nestes días, case unha década despois
daquela fracasada fusión, están de amarga actualidade por seren as que
máis casos de coronavirus acumulan en Galicia entre os seus residentes.
Ata o punto de que dúas delas foron intervidas pola Xunta en virtude do
estado de alarma pola covid-19. Falamos do grupo DomusVi, antes Geriatros, que ata este 4 de abril acumulaba 227 dos 554 casos positivos activos de coronavirus en Galicia.
As
desaparecidas grandes caixas galegas entraron no sector das residencias
de maiores a principios de século. A comezos de 2003, Caixanova e o Banco Gallego -entidade participada pola caixa do sur- mercaron a totalidade das accións de Geriatros,
unha empresa galega fundada en 1994 que daquela facturaba uns catro
millóns de euros anuais e que se dispuña a abrir varios centros para
persoas anciás tanto en Galicia como noutros puntos do Estado.
Coa devandita fusión, Geriatros pasou a ser propiedade de Novacaixagalicia. A entidade tamén xestionaba residencias de maiores a través de Sogaserso,
unha sociedade creada dende a Xunta no ano 2006, en tempos do Goberno
da coalición de PSdeG e BNG, en cuxo accionariado participaba cun 45% o
Goberno galego. No ano 2010, tras o retorno do PP ao poder, a Xunta
abandonou Sogaserso e deixou a sociedade nas mans das caixas pouco antes
da fracasada fusión que o propio Executivo impulsaba.
Dous anos despois, en 2012, Novacaixagalicia xa recibira máis de
3.000 millóns de euros de rescate público para evitar a súa quebra e
comezaba a gañar intensidade o conflito das participacións preferentes,
con especial impacto entre persoas de avanzada idade. Foi neste punto no
que Geriatros, que na altura contaba con 27 residencias e unha vintena
de centros de día, pasou ao terreo da compra e a venda entre fondos de
investimento multinacionais. NCG Banco vendeu a empresa de centros de maiores ao fondo de investimento portugués Magnum Capital.
Geriatros estivo baixo o control de Magnum ata 2015, cando o fondo portugués pechou a súa venda a outro fondo, o francés PAI Partners,
nunha operación cifrada daquela pola prensa especializada nuns 300
millóns de euros. O fondo, presente daquela noutros sectores como a
téxtil Cortefiel, adquiriu pouco despois, en 2016 outra empresa dedicada ás residencias de maiores, a catalá SARquavitae
por uns 500 millóns de euros. Ao ano seguinte, en 2017, PAI Partners
utilizou o novo conglomerado para outra operación de venda e
Geriatros-SARquavitae pasou a mans doutros dous fondos cos que PAI
estaba xa asociado en diversos negocios, o británico ICG e o francés Sagesse Retraite Santé (SRS).
Malia todos estes avatares accionariais, a compañía sempre tivo á fronte á mesma persoa, Josefina Fernández,
conselleira delegada, que se incorporou a Geriatros no ano 2000. Ela
mesma presentaba a finais de 2017 en Santiago a marca DomusVi, nova
denominación que pasou a identificar o conglomerado tras a integración
de Geriatros con SARquavitae e que xa era empregada polos accionistas
nos seus negocios xeriátricos noutros países do mundo dentro do holding HomeVi.
DomusVi, con sede en Vigo, anotouse en 2018 uns beneficios superiores
aos 20 millóns euros antes de impostos, como informou recentemente Economía Digital.
A
rede de DomusVi ten na actualidade case 200 centros por todo o Estado,
140 deles residencias. Só en Galicia, segundo a propia compañía,
xestiona 18 residencias privadas e outras 12 de titularidade pública
pero con xestión privatizada. Dúas delas, DomusVi Barreiro en Vigo e DomusVi Cangas foron intervidas esta semana pola Xunta no marco do estado de alarma polo coronavirus, dado o gran número de persoas contaxiadas nelas.
Máis de 500 residentes contaxiados, máis de 200 de DomusVi
Segundo datos da Consellería de Política Social actualizados este
sábado, 4 de abril, só nesas dúas residencias rexistránse xa 168
positivos por covid-19 e cando menos 16 persoas anciás que vivían nestes
centros faleceron vítimas da pandemia. No conxunto de Galicia, sempre
segundo a información da Consellería, as residencias de DomusVi
acumulaban ata este sábado 227 das 554 persoas contaxiadas por
coronavirus en residencias da terceira idade en Galicia e 26 das 44
residentes falecidas pola pandemia. Outras 106 residentes
contaxiadas rexistráronse na residencia Nuestra Señora de La Esperanza,
da Fundación San Rosendo en Ourense.
No que atinxe ao persoal contaxiado, de 194
rexistrados por Política Social ata este sábado en centros de maiores e
tamén de persoas con discapacidade, 45 correspondíanse a centros da
cadea DomusVi. Diante da situación nos seus centros pola
pandemia da covid-19, DomusVi emitiu o pasado día 17 un comunicado no
que a dirección da empresa aseguraba ser "plenamente cosnciente da
preocupación e da alarma social" entre as familias e garantía o
"cumprimento escrupuloso dos protocolos e medidas de hixiene e
prevención. Tamén lamentaba que "as múltiples noticias publicadas nos
medios de comunicación sobre novos casos e contaxios non chaman á
tranquilidade".
No hay comentarios:
Publicar un comentario