"Esta crise deixou paisaxes inauditas ao seu paso polas cidades: rúas
desérticas, comercios enreixados, estradas en silencio... Nos días do
confinamento máis duro, as urbes habitáronse desde as xanelas, coa vista
fixada naquela tenda que sempre visitabamos, naquel bar de parada
obrigada, naquela rúa pola que volviamos do traballo todos os días...
Pouco a pouco estamos regresando ao espazo público, mais facémolo dun
xeito diferente a cando nos retiramos del.
Polo camiño tivemos que
acostumarnos a vestir máscaras e gardar distancias, tivemos (e teremos)
que asumir peches definitivos de pequenos comercios e tivemos que
reaprender a habitar unhas cidades nas que o virus é o novo inquilino.
Pero ao mesmo tempo, as urbes volveron adquirir algo daquel pobo que foran noutro tempo.
"O primeiro día que saín á rúa subín á praza do Obradoiro; foi impresionante.
Nunca a vira sen espectáculos para turistas en cada esquina, sen xente
que a abarrotara sacando fotos... Alí só estaban unhas cantas persoas
sentadas nunha esquina". Antía Celeiro, unha moza compostelá de toda a
vida, agradeceu esa tranquilidade insólita que se respiraba ao pé da
catedral de Santiago. O turismo transforma as paisaxes das cidades e a
forma de vida de quen as habita sempre. A ausencia del deixa unha
Compostela que dá para reflexionar.
Os albergues que se espallan pola cidade agardan ansiosos o regreso dos
peregrinos, os trens turísticos desapareceron do día a día, moitos
bares da masificada rúa do Franco aínda colgan o cartel de 'pechado'...
Contrasta todo isto co que acontecía hai só uns meses: 2019 remataba con
Santiago á cabeza dos destinos turísticos de todo o Estado.
Os ingresos
dos hoteis medraban un 11,3% e un total de 3.936 empregos dependían directa ou indirectamente do sector,
un 7,3% máis ca o ano anterior (segundo o balance de Exceltur). As
cifras tendían a consolidar o seu aumento ás portas do Ano Santo e da
celebración do Xacobeo 2021. Máis alá de datos, os propios usos da
cidade tamén evidencian a crecente importancia do turismo cada vez que
un ultramarinos pecha para dar paso a unha tenda de souvenirs ou cada
vez que unha vivenda de uso residencial se converte nun piso para
visitantes.
Que pasa cando lle quitas o turismo a unha cidade que cada vez depende máis del? Que renace? Que queda inerte?
A FINA LIÑA ENTRE "CIDADE PANTASMA" E TRANQUILIDADE
O golpe económico é fondo. Eses case 4.000 empregos miran con incerteza
o futuro, que enfronta o gran reto de reactivar o sector. Se algo
evidenciou esta crise da Covid son os perigos de que a economía dunha
cidade se enfoque nunha soa dirección. "Cando se aposta todo a unha carta e esa carta falla desmorónanse moitas cousas detrás". Quen fala agora é Patriza Portopaderne, outra
habitante de Santiago, máis concretamente de Sar, e libreira da Lila de
Lilith. Lembra que camiñar pola zona vella en pleno confinamento era
como atravesar unha "cidade pantasma". Cando só os servizos esenciais
tiñan permitida a apertura, Compostela constatou que o seu casco
histórico estaba falto "dese comercio que é útil para o día a día" dos
habitantes.
Mentres
no corazón da cidade todo permanecía coa reixa baixada, o barrio de
Sar, pola contra, si que mantiña esa "mínima vida permitida" grazas ás
tendas de barrio que o dinamizaban. Nisto tamén concorda Antía: "Cando
saías da améndoa da zona vella vías moitas tendiñas pequenas que
continuaban tal cal estaban porque os servizos que ofrecían eran para a
xente que vivía ao redor". De non saír, só o Mercado de Abastos se libraba dese ambiente pantasmagórico.
Nel, a
falta de turistas tamén se evidenciou no xeito de mercar. O comercio
destinado á venda de recordos deixou de funcionar e aqueles que nunca
dependeron do turismo continúan a súa actividade incluso con máis
"tranquilidade". "Eu penso que xa comezaban a saturar un pouco; algúns
dos meus clientes deixan de vir os sábados tarde
porque non se daba andado", relata unha das mulleres que leva anos
vendendo na praza, concretamente, na froitería A Casa da Quenlla. "É
importante aprender a sobrevivir sen turistas, porque chega unha
pandemia destas e aquí hai que seguir comendo. Hai que ver máis o que
temos á beira da casa", engade.
Esa tranquilidade reitérase en todas as conversas que fían esta
reportaxe. Pepe é santiagués e taberneiro na rúa de San Pedro en
Compostela. Como residente da zona monumental, di que a falta de
turistas "crea un ambiente máis relaxado na rúa". "Antes había rúas máis
aglomeradas que evitaba - como O Preguntoiro ou O Franco -, e ás que
agora se pode acceder sen problema". O seu negocio, A Casa do
Taberneiro, se ben aínda non abriu pola "incerteza da evolución da
pandemia", "foi creado para o uso da xente da cidade", de maneira que a
ausencia de turismo non lle afecta directamente.
O MOMENTO DE PASEAR
O silencio tamén se apodera desta cidade sen peregrinos. Os seus
bastóns xa non baten polas beirarrúas e os seus cánticos non espertan a
veciñanza da cidade. Camiñar por certas rúas convértese nunha
experiencia única para as persoas habitantes de Compostela, que ademais
"recuperan espazos da cidade que antes só utilizaban os guiris". "O
outro día pasei pola praza da Quintana e a terraza estaba chea de xente,
e a miña reflexión foi: 'toda esa xente que está aquí sentada agora
mesmo é de Santiago'. Resultoume raro pensalo", explícase Patriza.
"É o momento de pasear pola zona vella".
Nunha praza preto do Mercado rexenta outra tenda de comercio local
Sagrario Pena, A Marusía. Desde o resgardo do seu comercio, estoutra
muller vai observando os cambios que se producen no seu entorno máis
achegado. "Durante o confinamento notei que a falta de terrazas deixara
paso a que a cativada xogara na praza".
En pleno Camiño Francés atópase María Augusto, que rexenta o bar
Londres. No seu caso tamén decidiu non orientar o seu negocio ao
turismo: "Nunca quixen entrar nese rol; somos moito de intentar que
veñan a costa de moitísimo sacrificio". Enfrente, á esquerda e á
dereita, o bar Londres está rodeado de albergues. "Dóeme moitísimo na
alma polos meus compañeiros". Ela, di, sabe que perde diñeiro por non
enfocarse ás demandas dos peregrinos, pero non lle preocupa.
"Reláxame
non depender deles. Sempre o tiven moi claro: eu son soldado raso,
prefiro ter sempre a mesma xente e camiñar en liña recta que non
traballar con altibaixos". Con todo, considera que é "inevitable e
irremediable" que en unha cidade como Santiago o turismo non se
masifique. "O problema é que interesan máis os números que a calidade.
Falta unha boa ópera!".
UN XIRO Á HISTORIA
Quizais este sexa un bo momento para repensar e reformular que turismo
se quere en Galicia. Dunha Compostela sen peregrinos tamén se sacan
aprendizaxes. "Os turistas ofrécennos integración cultural, apertura ideolóxica, de coñecemento doutra xente...
Nótase tamén na falta da vida universitaria de Santiago", relata Antía
Celeiro.
Pero a súa ausencia, dalgún xeito, tamén "serve para parar no
que se estaba convertendo a zona vella, que se esquecía da xente que
vivimos aquí, sobre todo, coa proliferación de pisos turísticos". É
pronto para saber se algo cambiará de aquí en diante, pero ese
"sentimento de baleiro" que se experimentou no confinamento e na
desescalada pode aproveitarse como palanca de cambio. "Gustaríame que todo isto servira para darlle un xiro á historia", fala Antía.
"Cómpre buscar un equilibrio entre ser cidade receptora como sempre o
foi, de estudantes e visitantes, e xestionar unha economía máis
circular, que flúa internamente aínda que exista esoutra que depende da
xente de fóra". Patriza, desde a Lila de Lilith, cre que eses cambios
que non se querían enfrontar, "agora están máis que xustificados". "Que modelo económico e que relacións económicas e sociais queremos na cidade?".
Non é inusual que os habitantes de Santiago se refiran á súa urbe como "o pueblo".
Algo permanece por riba do paso dos tempos. A de hoxe é unha Compostela
que recorda á nenez, á cidade que era hai 20 anos, e que solta
preguntas que urxen resposta." (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 20/06/20)

No hay comentarios:
Publicar un comentario