24/11/20

El ginecólogo que lideró la lucha por mantener el paritorio de Verín, expedientado por el SERGAS... "Foi unha vinganza; xa me advertiran de que gardase ben as costas"

 "O Sergas vén de abrir un expediente disciplinario contra Javier Castrillo, xefe do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Veríne un dos referentes da mobilización que se levou a cabo en protesta contra o peche do paridoiro no hospital comarcal. O proceso aberto podería supor a súa inhabilitación, logo de que o pasado 30 de novembro mantivese unha "diferenza de criterio", segundo di, cunha compañeira pediatra, e despois negarse ao traslado a Ourense dun neonato.

 Agora, case un ano despoi, o Sergas considera unha falta grave aquel suceso e sinala un profesional que se significou abertamente contra a decisión de clausurar a sala de partos no seu centro hospitalario. O doutor considera a decisión unha "vinganza" e lembra as ameazas que recibiu de instancias superiores ao estoupar o conflito. "As mesmas persoas que falaron da falta de pericia dos profesionais son os que están, moi probablemente, detrás de todo isto", asegura. 

Cre que o expediente que lle abriron é unha vinganza ou desquite por ter sido unha das caras visibles na loita contra o peche do paridoiro?

Creo que si, non ten outra explicación. O que ocorreu non ten substancia como para incoar un expediente, e hai que ter en conta que eu xa recibira avisos, no seu momento, de que gardase ben as costas: non direi de quen chegaron eses avisos, pero foron de persoas xerarquicamente moi por riba de min. 

O expediente alude á súa negativa a trasladar un neonato a Ourense...

Foi unha diferenza de criterio, algo que ocorre en calquera traballo e todos os días. Un dos motivos polo que incoan o expediente é porque, supostamente, eu fun contra os protocolos dun servizo, e iso non é verdade. Cuestionei o feito de que se trasladase un bebé que a todas luces parecía que estaba totalmente san. E trasladeilles aos pais que os que tomaban finalmente a decisión e a última palabra eran eles ou, no caso de que se quixese forzar, tería que intervir un xuíz. Se de verdade había uns motivos médicos reais, podería ter intervido a Xustiza.  

Pero o pequeno acabou sendo trasladado...

Os pais dixeron que non se movía e, ao pouco tempo, deberon ergurese teléfonos desde outros niveis ata que se fixo vir aquí un dos responsables desde Ourense e o pequeno foi trasladado, si. É máis cuestionable o que fixeron eles, presionar daquela maneira os pais, que o que eu fixen. O único que houbo foi unha discrepancia de opinións cunha compañeira, nada máis. 

Alude sempre a instancias superiores. Cre que lle tiñan ganas?

Si, creo que si. Houbo persoas que non asimilaron nin foron quen de entender que a xente, e non eu aínda que fose unha cara máis visible, foi a que acabou por torcer a súa vontade. Esas persoas non foron capaz de aceptar a vontade dunha maioría enorme de xente e de que os seus criterios e mandatos fosen cuestionados. As mesmas persoas que viñeron dicindo que se pechaba un paridoiro por falta de pericia dos profesionais son os que están, moi probablemente, detrás de todo isto. 

Cre que a decisión de incoarlle o expediente vén de máis aló da área sanitaria de Ourense, de máis arriba?

Non o creo. As persoas que viñeron aquí a dicir que non tiñamos pericia, sobre todo dúas delas, son os que, na miña opinión, argallaron isto. Un deles díxome no seu momento que gardase ben as costas e iso soa a ameaza. É posible que estivesen esperando a que pasase algo, nin tan sequera a que cometésemos un erro, porque se iso ocorrese eu tería o inimigo dentro da casa, igualiño que o teño agora. 

Na loita contra o peche, vostede participou en roldas de prensa xunto a líderes políticos da oposición ao goberno do PP na Xunta. Cre que iso tamén lle puido pasar factura?

Probablemente haxa aldo diso, algo de vinganza política tamén. Pero, se reparamos, eu aparecín na prensa con todos, con todos os políticos que viñeron defender o paridoiro. Tamén recibín certo apoio e boas palabras do presidente da Deputación de Ourense e líder do PP na provincia, Manuel Baltar. Non son amigo del nin me une nada con el, pero se despois de apoiarme nunha reunión, como así fixo, vén á porta do hospital, eu tamén me tería feito unha unha foto con el igual que a fixen con Gonzalo Caballero, con representantes de En Marea ou con quen fose... Non apoiei especificamente ningún partido nin organización, pero si que creo que todo aquilo puido ser un leit motiv importante para o que pasou despois. 

Un ano despois de iniciarse o conflito, o Hospital de Verín recuperou parte do servizo. Funciona con normalidade?

Temos un pediatra adscrito ao hospital e outra pediatra de Atención Primaria que atende os partos. Con estes dous imos cubrindo, pero seguimos moi en precario e precisaríamos, como mínimo outro pediatra ou dous máis para ter un servizo que nos permitise cubrir gardas, ter unha consulta, poder marchar de vacacións sen que o servizo que de descuberto... Para un servizo normal, vaia. Non lle podo dicir se non atoparon outro profesional máis ou non se buscou, pero si podo dicir que neste período de tempo o Sergas si que o atopou para o hospital do Barco de Valdeorras. 

Visto en perspectiva, cal cre que foi o motivo principal para que o Sergas intentase aquel peche que finalmente non se deu?

Como en todas as cousas, cadaquén leva a auga polo seu rego... E motivos hai varios. O xerente tiña uns motivos, probablemente económicos, e buscaba arranxar un problema xerado en Pediatría, onde tiñan dificultades para cubrir o servizo, con profesionais que viñan de Ourense de mala gana e que xa presentaran querelas por ter que acudir a hospitais comarcais. 

O xefe de servizo de Pediatría tería motivos semellantes, pero ademais, e ante o descenso xeneralizado do número de partos, víñalle moi ben contar cos cento e pico partos de Verín para poder xustificar unha dotación de persoal establecida nunha época co dobre de nacementos. En canto ao servizo de Obstetrica e Xinecoloxía, pois o mesmo: era un servizo dotado para unha época de 2.000 partos e agora teñen 1.000; xustificar o mesmo persoal nesta altura é máis complicado. Víñanlles moi ben os nosos partos... Pero se tivesen sido os do Barco de Valdeorras, exactamente igual.  

Cre que a mobilización en Verín supuxo algo máis que deter o peche do paridoiro na vila?

Se o Sergas chega a ter éxito nesta acometida que fixo contra o Hospital de Verín, logo tocaríalle ao do Barco moi probablemente. 

Recibiu moitas mostras de apoio nestes días?

Moitísimas. E se non fose por iso, probablemente a min xa me terían fulminado. Se isto ocorre de maneira silenciosa e só eu, de maneira individual, me opoño, estaría moi preocupado e convencido de que xa me terían apartado. Se todo fose normal, isto teríase resolto de maneira interna no Sergas, pero o balbordo mediático e na rúa e o apoio recibido evitou que xa fose afastado. "           (Miguel Pardo, Praza Pública, 23/11/20)


  "O responsábel do servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo,  recibiu notificación da apertura dun expediente disciplinario, segundo adiantaba o Diario do Támega,  en relación aos feitos que sucederon hai case un ano, xusto antes de que se fixese efectivo o polémico feche do paritorio comarcal, posteriormente reaberto pola Xunta.

O doutor ve neste expediente, "que se incoa en Vigo, onde Félix Rubial estivo tamén á fronte da área sanitaria", unha "vinganza" do agora xerente da área ourensá. O castigo ao que o expón podería acadar os dous anos de inhabilitación profesional.

Segundo explica a Europa Press o propio Castrillo, a actuación pola que se lle incoa o expediente remóntase ao pasado 30 de novembro de 2019, xornada na que naceu o que, en principio, estaba chamado a ser o derradeiro neno que nacería n o centro sanitario comarcal.

Castrillo sostén que o neno naceu "sen complicacións nin ningún problema" e sinala que as matronas ratificaron que así era, pero a pediatra de garda recomendou que "se derivase o neno a Ourense", atopando a oposición do xefe de Xinecoloxía, por non ver razón para iso.

Finalmente, o bebé acabou sendo trasladado, pero o Sergas notifica agora un expediente ao xinecólogo, segundo di, por contravir a decisión doutra profesional, neste caso a pediatra, o que se considera unha falta "grave".

Á espera dos pasos administrativos que poidan derivar tras a notificación en chave interna, Castrillo, que recibiu o aviso do expediente o pasado luns, prevé solicitar que se lle entregue unha copia do contido das actuacións iniciadas contra el, co fin de poder defenderse.

Desde Europa Press infórmase de que a Consellaría de Sanidade se limitou a dicir ao respecto que "son procedementos internos dos que só se traslada información directamente aos interesados".

Desde o Bloque Nacionalista Galego, parte activa nas reivindicacións arredor do paritorio de Verín, a súa deputada Noa Presas afirmaba hoxe que a formación recibe “con sorpresa e alarma a noticia”, por tratarse dun ”un acontecemento sen consecuencias, cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica coa separación de bebés e nais nas primeiras horas postparto” e pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

Tanto o BNG como as formacións feministas denunciaron no seu día “situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado”, lembra Noa Presas.

Posteriormente sucedéronse graves feitos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia.

Para Presas “estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento desta embergadura contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín”.              (Nós, 21/11/20)

No hay comentarios: