29/3/23

'Burla Verde', ou como facer ver o dano que non contan das eólicas

 "'Burla Verde' é unha acción fronte a invasión dos polígonos eólicos en toda Galicia. O 29 de abril convoca unha serie de actos no curro de Sabucedo, A Estrada, onde se xuntarán, entre outros, grupos como a asociación Alarma Terra de Montes, a asociación Rapa das
Bestas de Sabucedo, o Colectivo do Vento, a asociación SOS Suído Seixo e o colectivo
de Rousmeri Caroi. A necesidade da unión de forzas entre os movementos asociativos contrarios ao actual plan eólico empurrou a varias persoas de dentro do mundo da arte e outros segementos, a buscar unha confluencia que permita pór freo ao que vén como un elemento expoliador e destrutivo no monte.

'BURLA VERDE'

Buscamos que persoas e colectivos de diferentes partes e involucrados na defensa dos montes, poidan coñecerse e participar en mesas redondas onde espoñer as disintas problemáticas que os afectan” describe Paulo Vicente, quen preside a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. Así, o 29 de abril, se todo sae como está previsto, aparecerán sinerxías encamiñadas á construción dunha fronte ampla de movementos cidadáns.

A reunión do 29 de abril busca tamén recadar fondos para a elaboración de estudos técnicos sobre impacto ambiental por parte das asociacións” debido a que os informes elaborados polas empresas “deixan moitos elementos fóra como humidais, especies endémicas ou danos patrimoniais” declara Paulo Vicente.

Previamente, o día 18 de marzo doce fotógrafos e fotógrafas e un documentalista participaron nunha acción “artivista”. Mesturando a arte co activismo estas persoas percorreron os montes do Cádavo e Montouto, lugares onde está proxectada a instalación do polígono eólico Parque Touriñan III-2 e Campo das Rosas. “Queremos mostrar o monte mediante a mirada e o son, crear conciencia mediante as sensacións dun día calquera no monte e así mostralo tal como é” di Xoán Enríquez, un dos coordinadores desta acción chamada 'O devalar do monte galego'.

“O monte é un ser, debemos presentar iso á xente e descubran por eles e elas mesmas que as instalacións de eólicos romperá un equilibrio ou unha forma de vida” quere deixar claro Enríquez. Durante o proceso cada fotógrafo estivo acompañado por guías da zona que foron “contando historias” relacionadas con regatos, nacementos de auga, bosques e outros espazos conformadores do ser chamado “monte”.

A HISTORIA QUE SE REPITE

O desastre do 'Prestige' mobilizou diversos sectores sociais e un deles foi o dos artistas e creadores agrupados en 'Burla Negra'. Coa pretensión de avisar á sociedade das consecuencias negativas dos eólicos sobre os montes galegos naceu a 'Burla Verde' coa clara intención de “levar os traballos feitos polos fotógrafos e videoartista ao festival do día 29 de abril e que estas imaxes sirvan para chamar a atención das autoridades para que tomen conciencia” di Paulo Vicente. Ademais, a exposición das diferentes imaxes tamén buscaría a mobilización das persoas levando actos de protesta alí onde “haxa problemas cos aeroxeradores”.

“O que sucede coa enerxía renovable non é normal, estamos sendo terra barata para as empresas eléctricas, alugan por catro céntimos as terras” remarca Carolina Fernández, artista e agora tamén comuneira de montes. “Deberan ser os políticos, as empresas, os medios quen solucionasen isto, mais como non é así, nacen iniciativas mediante colectivos sociais” e isto supón “investir moito do teu tempo persoal”.

Durante a marea negra de 2002 houbo especies mariñas e terrestres afectadas polo petróleo vertido. “Agora instalan muínos no alto dos montes onde nacen os regatos que levan auga ás casas, os bosques e a parte inmaterial que se pode perder” di a fotógrafa Rosa Neutro. “Ti observas todo iso e cando ves eses terreos pensas en como abrirán as pistas para subir o material, como alterará o ruído a paisaxe sonora e como se destruirá vexetación”

As accións pensadas para o día 29 de abril irán encamiñadas para dar a coñecer movementos veciñais e sociais que non estean de acordo co sistema de produción eólica actual. Alí poderase ver a exposición de fotografías e imaxes gravadas o 18 de marzo no Cádavo e Montouto que, segundo explicou Xoán Enríquez, podería acabar en diferentes exposicións a partir dos meses de xuño e xullo. Por outra parte, algúns concellos como Campo Lameiro xa se declararon terreo libre de eólicos."             (Moncho Mariño , Galicia Confidencial, 24/03/2023)

No hay comentarios: