"Desapareceron -todos sabemos de qué
maneira- as dúas caixas de aforro galegas, tamén o Banco Pastor
e o Banco Etcheverría. Pescanova, esa fraude de proporcións ciclópeas, será adquirida por bancos ou fondos de inversión.Barreras
pasou a ser propiedade de Pemex por dous duros e unha foto.
Miles de empresas, moitas delas ligadas á construción quebraron e
fóronse co vento, comezando por Fadesa. O estado do sector naval é
agónico. O leite deixou de ser local -fica o raro caso de
Feiraco e pouco máis-. Boa parte do sector vinícola está tamén
en mans foráneas.
En definitiva, dicían os clásicos que en
Galicia non existía unha burguesía digna dese nome: tal e
como van as cousas non haberá burguesía local, nin digna nin
indigna. Dubido entre lamentalo ou celebralo, considerando a
caste de xente que era.
Neste preciso momento, os directivos das antigas caixas, os do Banco Pastor e os de Pescanova están sendo procesados por estafa. Fadesa
segue nos xulgados, o mesmo que moitos construtores de renome,
comezando polo último presidente da patronal.
A lista de
posibles delincuentes é tan avultada que un perde a conta. O
máis ilustre e principal, mimado e adulado por tirios e
troianos, o máis selecto e avezado non o era máis que no
timo e no desfalco. Tal vez toda a nosa burguesía non era
–non é- senón un fraude maiúsculo.
Ata onde chega a miña
experiencia a maior parte dos ricos que da o país son ladinos
e desconfiados, frecuentemente obtusos e certamente fachendosos. A
suposición de que son intelixentes, dado que teñen diñeiro,
rara vez se confirma no trato cara a cara. É a excepción, máis
do que a regra. A pesares diso case todos eles gozaron da
aquiescencia xeneral, tal vez porque os modestos paxariños
esperaban que lles caira unha miga da boca do cabalo.
A
inocencia coa que teño visto tratar a algúns ricos raia no
patolóxico, por non dicir na idiocia.Outras veces tenme
producido vergoña allea a obsequiosidade con que se lles trata e
o modo en que se lles perdoa.
Pero, en fin, velaí que os
empresarios locais están en transo de extinción. Serán
substituídos por executivos desprazados polas súas empresas
matriz. ¿ Será unha catástrofe esa desaparición ?. Non o penso. Un
país pode prescindir perfectamente do persoal que se está indo
polos sumidoiros.
Non é para escribir unha tese -ou si- pero
teño para min que hai hoxe capas de técnicos e executivos con
máis formación, honradez e conciencia de Galicia que esa panda
de xente enriquecida tantas veces máis polas ubres magnánimas
do poder político que polo seu propio aquilatado valer." (Antón Baamonde, El País, 28/02/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario