9/5/14

Quen está detrás da privatización do hospital vigués?

"Os laboratorios Cerba Internacional pertencen a Unilabs que, a súa vez, é da multinacional CVC-Capio, imputada pola privatización da sanidade madrileña.
 
Un entramado de empresas, de coñecidos empresarios vinculados ao PP e de multinacioniais está detrás da privatización dos principais servizos do futuro novo Hospital de Vigo (NHV). 
Así o cre a Asociación Galega para a Defensa da Sanidad Pública. E é que o goberno popular tería decidido construír este centro hospitalario con financiamento privado (PFI) a cambio de ceder a xestión de todos os servizos non sanitarios e espazos non asistenciais a unha UTE liderada por Acciona e Bankia.
A Xunta adxudicou o pasado 12 de marzo o Laboratorio Central de Galicia, que realizará as determinacións analíticas máis avanzadas e as probas de xenética e bioloxía molecular de todo o SERGAS, a unha UTE formada por dúas empresas privadas, un pequeno laboratorio de Vigo, “Lema y Bandín” e os laboratorios Cerba Internacional, con sé en Barcelona.
 O custo da adxudicación, 38% inferior á media das outras 4 empresas concursantes, considerouse inicialmente temerario, pero a UTE foi posteriormente readmitida e seleccionada.
Na data da adxudicación do laboratorio central de Galicia, Unilabs estaba asociado a Bankia. O consello de administración de Bankia imputado pola xustiza está moi vinculado ao PP. De feito, este mesmo martes, Feijóo coincidiu nunha xornada que organizou La Voz de Galicia cun dos seus principais dirixentes.
 
O presidente e máximo propietario de laboratorios Cerba é Marcelo Weisz, da familia propietaria dos laboratorios Unilabs. Actualmente dirixe Unilabs Rusia. A empresa Unilabs, como apunta Nueva Tribuna, pertence a multinacional CVC-Capio que está imputada polo proceso de privatización da sanidade pública madrileña. 
No seu consello de administración estaba o conselleiro Güemes (obrigado a dimitir por conflito de intereses), quen tamén privatizou o laboratorio central de Madrid por un prezo temerario, e un ano despois decretou o peche de tres laboratorios públicos para derivar as probas ao laboratorio privatizado.
O 4 de abril de 2014 Bankia vendeulle a súa parte ao grupo estadounidense 'Centene Corporation' empresa privada intermediaria para o aseguramento e a provisión de servizos sanitarios, centrada na xestión dos pacientes estadounidenses de Medicare e agora vinculada a Unilabs, e xa que logo á sanidade pública galega.
 
Por outra banda, e segundo apunta a Asociación Galega para a Defensa da Sanidad Pública a decisión da Xunta de prescindir do laboratorio no NHV, para situalo no hospital Meixoeiro. E isto non parece responder a necesidades funcionais, senón a unha decisión premeditada. No hospital Meixoeiro atópanse todos os servizos do CHUVI de xestión privada:
- A ciruxía cardiaca, a cardioloxía intervencionista, a radioterapia, a Medicina Nuclear e a Resonancia Magnética, xestionados por Galaria SA, cuxa directora provén da consultora estadounidense Arthur Andersen (Deloitte).
- Os servizos de Radiofísica e control de calidade de radiodiagnóstico, coxestionados pola multinacional estadounidense General Electric.
- O Biobanco de tumores, de cerebro e de ADN de Vigo, xestionados mediante colaboración público-privada (CPP)
- O instituto de investigación biomédica de Vigo, coxestionado pola compañía Farmacéutica estadounidense Janssen (Johnson and Johson).
Ademais, tamén está pendente a posible privatización de Hematoloxía e Oncoloxía, se os profesionais aceptan reconverterse en unidades de Xestión Clínica con Autonomía de Xestión que o "obxectivo prioritario do Ministerio de Ana Mato, da Consellería de Sanidade e da Sociedade Española de Directivos sanitarios “SEDISA” asociación de 900 directivos da sanidade pública e privada, patrocinados pola industria sanitaria privada e constituídos como grupo de presión para implantar a colaboración público-privada, co fin de incrementar a autoridade dos xestores sobre os profesionais sanitarios e eliminar a rixidez na contratación dos empregados públicos e na compra de produtos sanitarios”, segundo Nueva Tribuna.
O NHV estaba proxectado como un gran hospital público, cos servizos e a tecnoloxía suficientes para atender a toda a poboación de Vigo e a súa área de influencia e converterse en Centro de Referencia de toda a poboación do Sur de Galicia. Co pretesto da crise, a Xunta quere privatizar servizos tan relevantes como a ciruxía cardíaca, a cardioloxía intervencionista, os laboratorios, a alta tecnoloxía, a investigación (I D i) e probablemente a oncoloxía."               (Galicia Confidencial, 30/04/2014)

No hay comentarios: