7/5/15

Como se legalizou a maior urbanización ilegal de Galicia?

"A urbanización de Santa Mariña estivo 40 anos na completa ilegalizade. Este núcleo urbano da parroquia de Cabreiros, no Corgo, comezou sendo unha zona rural e hoxe ten 67 casas, igrexa, zona deportiva e un pazo. Nela teñen vivenda destacados políticos e empresarios lucenses, entre eles, o imputado Jorge Dorrivo e alí viviu durante moito tempo o portavoz de Vivenda do PPdeG no Parlamento galego e líder do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira.
Este núcleo urbano foi legalizado en 2014, logo de tres anos de xestións urbanísticas. Até entón era o núcleo galego de maior entidade habitado de maneira irregular. A superficie delimitada agora como núcleo rural é de case 300.000 metros cadrados. Conta cunha superficie deportiva de 16.756 metros cadrados. No centro do pobo hai unha igrexa de orixe románico e de uso público, e próximas a ela existen catro tumbas medievais escavadas na roca, catalogadas e valadas, así como un pazo sen acabar de restaurar.
Nos anos 70 era un bosque, de uso agropecuario como o resto da parroquia. Entón, media ducia de lucenses compraron e dividiron a zona en parcelas duns dous mil metros para construír as súas casas. Co tempo, foron vendendo o resto da terra ata acadar as 67 vivendas actuais. O lugar, a pesar de carecer de permisos de urbanización, foi asfaltado cunha rede de pistas que comunican as parcelas, creouse mesmo unha zona deportiva común e dotouse de iluminación pública.
Foi nos últimos anos cando saltaron todas as alarmas. Os propietarios decatáronse que Santa Mariña era unha urbanización ilegal. Todas as casas estaba asentadas en chan rústico, e por tanto sen licenza. Os propietarios non podían facer obras ou mesmo regularizar as súas vivendas sen unha legalización de toda a urbanización, a pesar de que durante anos fixeron esas obras sen permiso.
Entón, un equipo liderado polo arquitecto lucense Carlos Moyano Pérez, apoiado polos avogados Carlos Somoza López e Pablo Cervelo Rodríguez, comezaron a traballar para a legalización de todas as parcelas. Unha legalización que finalmente conseguiron coa axuda das diferentes administracións, desde o Concello ata a Xunta. 
Sen embargo, este proceso ten sombras que o PSdeG quere aclarar. Este grupo xa lle pedíu información á Xunta. Información que non recibiu. Por iso, acaba de presentar unha pregunta no Parlamento galego na que lle pide a Xunta que aclare se recibiu algunha notificación ou escrito do concello de O Corgo para evitar a situación de ilegalidade das vivendas de Santa Mariña. Tamén quere saber se a súa urbanización se fixo con fondos públicos e a quen correspondeu facer estas obras.
"Que actuacións levou a cabo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas relacionadas con esa urbanización? E a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística?", preguntan ademais os socialistas. Ademais queren saber se houbo denuncias nestes anos por pesuntas ilegalidades e cal é a situación, nesta data, da urbanización, tras a súa suposta legalización.
Precisamente esta urbanización saltou a luz en 2012 cando, por decisión xudicial, se precintou e embargou a vivenda que o empresario investigado na Pokemon, Jorge Dorribo, tiña alí. Nas súas paredes atopáronse carísimas antigüidades e obras de arte e ornamentais adquiridas polo xerente de Laboratorios Nupel nos últimos anos."           (Galicia Confidencial, 04/05/2015)

No hay comentarios: