"Falseamento de contas, suborno e delito electoral".
Son os presuntos delitos que a xuíza Pilar de Lara lle atribúe a José
Luis Baltar, expresidente da Deputación de Ourense e do PP nesa
provincia.
A instrutora do caso Pokémon vén de culminar o primeiro
treito da investigación da suposta "caixa B" dos populares ourensáns,
que xa dá por confirmada, e ante a necesidade de ter que remitir parte
do caso -todo agás o directamente ligado á Pokémon- aos xulgados de
Ourense por tratarse de delitos presuntamente cometidos na súa
xurisdicción, concreta nunha causa separada os cargos que lle
atribúe ao que fora barón provincial do PP, cargo que agora ocupa o seu
fillo, tanto no partido como na Deputación.
Nun auto emitido o pasado día 25 e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública a maxistrada indica que
as investigacións de Vixilancia Aduaneira "corroboran" que, durante
anos, o PP de Ourense manexou un "elaborado sistema de facturación falsa
e ficticia" que viría encubrir gastos abonados con cartos en
metálico procedentes de diversas empresas, entre elas, algunhas do grupo
Véndex, compañía considerada centro da trama Pokémon. Baltar, afirma De
Lara, era o "encargado de recoller persoalmente os cartos que diversas
empresas abonaban, teoricamente, en concepto de doazón ao partido".
As indagacións que a xuíza dá por referendadas avanzaron, en
boa medida, grazas ao testemuño do ex xerente do partido, Emilio
Pascual. Así, a maxistrada explica que as "distintas empresas"
ás que se dirixiu confirman que "de forma habitual" recibiron pagamentos
en metálico do PP de Ourense.
Do mesmo xeito, "empregados do partido"
xa "recoñeceron" que eses cartos alleos á contabilidade oficial serviron
para pagarlles "gratificacións extraordinarias", isto é, asobresoldos.
Todo isto, indica, sucede sen que haxa "ningunha anotación contable nin
movemento bancario que poida xustificar ditos pagamentos en efectivo".
A hipótese de De Lara toma forma, ademais, a través das declaracións
que Vixilancia Aduaneira lles tomou a diversos membros das listas
electorais do PP ourensán nas municipais de 2011, cuxos nomes figuraban
nalgunhas das facturas investigadas.
Segundo estas declaracións os
candidatos indican que "nunca concertaran servizo ningún coas empresas",
polo que, indica a instrutora, "sería o propio partido quen fixo os encargos e quen, finalmente, abonou as facturas", o que implicaría "un delito de falsidade documental, sempre que sexan certas as aseveracións dos candidatos".
Só un candidato se afasta desta liña argumental. É segundo o
auto, quen ata o pasado 24M exerceu como voceiro municipal do PP na
cidade de Ourense, ademais de como home forte da Deputación, Rosendo
Fernández.
"Este -afirma a xuíza- manifestou que si recoñece a
factura e que se corres co encargo realizado" a unha empresa de
publicidade da cidade, á que lle pagou "en efectivo con cartos que tiña
na súa casa e que, dende un ano antes, fora retirando da súa conta
bancaria ante a previsión destes gastos". Para Vixilancia Aduaneira "as
declaracións realizadas" por Rosendo Fernández "son carentes de toda
lóxica e poderían indicar un desexo de encubrir o pagamento real
efectuado polo partido".
Con todos estes "indicios" sobre a mesa a xuíza "presupón" que o diñeiro manexado "podería ter a súa orixe en fondos opacos ou 'B' a favor do PP de Ourense",
que contaría cunha "estrutura paralela de xestión económica a modo de
caixa B".
Estes movementos de fondos, abonda, "realizaríanse con falta
de transparencia e respecto das prohibicións e limitacións establecidas
na lexislación reguladora do financiamento dos partidos políticos".
Asemade, indica, "descoñécese" se o propio José Luis Baltar "puido estar
lucrándose con este sistema", o que implicaría que tería cometido non
só "un presunto delito de falseamento de contas, senón tamén de
suborno". (Praza Pública, 01/07/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario