3/7/15

Como é posible acertar os nomes dos gañadores dunhas oposicións da Xunta?

"CSI-F denuncia fraude nas oposicións de Turismo e presenta unha acta notarial outorgada 48 horas antes do proceso selectivo no que aparecían os nomes das persoas que, finalmente, aprobaron ese concurso. No tribunal estaban cargos do PP afíns a Carlos Negreira. 

Había moitos aspirantes pero só uns poucos podían conseguir a praza de traballador público en Turismo de Galicia. E, curiosamente, eses poucos xa foran “elixidos” a dedo antes de que esas probas se celebraran.
Así o denuncia o sindicato CSI-F que, ademais, presenta como proba un acta notarial na Coruña realizada 48 horas antes da realizacións do proceso selectivo no que aparecían os nomes das 6 persoas e o seu DNI que acabaron sendo seleccionadas, así como tamén se deixaba constancia que outras seis prazas, das 12 que eran, quedarían descubertas.
Estas oposicións para o acceso á Escala de Inspección Turística, que datan do 2001, tiveron que ser repetidas despois de que unha sentenza xudicial de TSXG achase graves irregularidades na súa primeira convocatoria. “E agora volven realizarse de maneira irregular nun proceso totalmente politizado”, apunta este sindicato.
Foi en 2009 cando o TSXG anulou a oposición de 2001 por graves irregularidades no proceso, e obrigou á Xunta a convocar 12 novas prazas de Inspector de Turismo para os 25 opositores que ilegalmente foron privadas das mesmas. Tras varios anos de inanición por parte da Xunta, o TSXG obrigoulle recentemente á execución forzosa desta sentenza baixo a ameaza de multas coercitivas ao titular da dirección xeral da Función Pública.
Segundo o CSI-F, a convocatoria destes últimos exercicios desenvolveuse incumprindo os  requisitos legais necesarios previos e conculcando os informes emitidos pola Asesoría Xurídica Xeral e a propia Dirección Xeral de Función Pública, que esixían que as 12 novas prazas contasen con dotación orzamentaria e que estivesen incluídas na Relación de Postos de Traballo do centro directivo competente en materia de Turismo.
É a primeira vez en Galicia que quedan vacantes o 50% das prazas nun proceso de acceso libre en Corpos Xerais: Das 12 prazas ofertadas, só se cubriron 6 e, curiosamente, 5 dos 6 aprobados teñen relación directa laboral (actual ou pasada) tanto cos membros do Tribunal Calificador ou prestaron relación de servizos no centro directivo competente en materia de Turismo”, di.
A denuncia de afectados e sindicatos provocou que, en primeira instancia, renunciase como membro do Tribunal Pilar Fernández Maroño, responsable da área de Emprego do Goberno de Carlos Negreira.
Tamén di que sorprende a coincidencia no Tribunal de tres membros de entidades locais da mesma cidade (A Coruña) e afíns ao PP, coincidindo, ademais, que o director xeral de Función Pública, órgano convocante das oposicións, foi durante longo tempo o secretario xeral do PP na devandita cidade.
Este sindicato, destaca a ausencia no Tribunal de persoal técnico en materia Turística, ausencia que foi unha das causas que levou ao TS a anular a oposición no 2001. “Só a presidenta do Tribunal, Paloma Vázquez, posúe coñecementos específicos en materia de turismo. 
 A presidenta é un destacada membro do PP en Lugo, que chegou a ir nas listas do Partido Popular nas Eleccións Locais de 2011 pola devandita cidade, ademais de ser a  inmediata superior xerárquica de dúas dos aprobados, citados na acta notarial”, engade.
Por iso, CSI-F pide que, á marxe das accións xudiciais que poidan presentar os afectados,  se repita o proceso selectivo cun Tribunal Cualificador independente. “Esiximos, ademais, que a Xunta deixe de xogar á simulación administrativa xa que consideramos de extrema gravidade que volva cometer irregularidades nunhas oposicións despois de que se vise obrigada a repetilas por mandato xudicial”, conclúe."               (Galicia Confidencial, 02/07/2015)

No hay comentarios: