8/11/17

Orzamentos participativos: Modesta participación na incipiente ‘democracia directa’

"Os orzamentos participativos son a promesa dunha democracia directa que aínda está moi lonxe de se cumprir. 

As responsábeis de experiencias máis vellas e doutras máis novas piden convicción e paciencia para levar adiante programas que tardan en mostrar resultados palpábeis e esixen un esforzo orzamentario que, no caso dun pequeno concello como San Sadurniño, se ven afogadas polos recortes no financiamento do Estado. 

Mentres, perfeccionan métodos e buscan espazos, dentro e fóra da rede, para animar unha veciñanza aínda remisa. Recollemos unha reportaxe ao respeito no Sermos

En Compostela, as veciñas e veciños que en 2016 tomaron parte no proceso de decisión sobre unha pequena partida do orzamento municipal pediron un tractor para limpar estradas e camiños nas barriadas rurais. A compra do tractor está na fase de licitación.

 A semana pasada completáronse os encontros veciñais nas catro zonas en que se dividiu o proceso. Esta semana conclúe o prazo de votacións das propostas de 2017. A maioría demandan arranxos de rúas, fontes, mobiliario urbano, máis zonas verdes… O Concello puxo a disposición da veciñanza 1,5 millóns para investimentos.

 Na Coruña, a primeira das propostas veciñais que se levou adiante foi a instalación, en maio deste ano, de aparatos de exercicio físico nun parque do barrio do Castrillón. Costou 7.800 euros e recibira 192 votos na primeira edición dos orzamentos participativos o ano pasado. Acaba de rematar o período de votación para as propostas deste ano.

 Presentáronse máis de 400. Unhas 3 mil persoas participaron no proceso, exclusivamente telemático. Hai 3 millóns para que a veciñanza decida que necesidades cubrir. A proposta de cidade máis votada (recollida de aceite doméstico, 580 apoios) levará un orzamento de 14 mil euros. Nos dez distritos en que se dividiu o proceso, a maioría das demandas refírense a melloras no alumeado, parques, instalacións deportivas, máis árbores e carrís para as bicicletas."               (Erik Dobaño, Sermos Galiza, 11/10/17)

No hay comentarios: