"A vaga de lumes destes días deixou nús a organismos
públicos que, ata o de agora, semellaban modélicos, cando menos, a ollos
da Xunta. E un deles foi o do 112. Os seus traballadores recoñecen que o pasado domingo e a madrugada do luns vironse “absolutamente desbordados”
e cun servizo completamente colapsado.
Pero, son contundentes: “É
inevitable que se colapsara por razóns obvias”. E, cales son esas razóns
obvias?. Pois, a descoordinación entre os departamentos da Xunta e a inexistencia dun plan de crise para situacións de catástrofes como esta.
Galicia Confidencial foi quen de falar con
profesionais que estiveron horas e horas atendendo chamada de teléfonos
e, aínda así, non deron abasto. E non deron abasto porque se viron superados pola magnitude da traxedia e, especialmente, pola falla de directrices claras de como actuar. “E este servizo fundamental non serviu de nada”, apuntan.
“Demostrouse que só está para tapar buracos e pouco máis”, engaden, “e se está colapsado non serve. É inoperativo por completo”, como pasou o pasado domingo e a madrugada do luns.
“É inevitable que haxa situacións que desborden, como
aconteceu coa terrible vaga de lumes do domingo, pero hai que tentar
regular situacións así, porque non se pode ter á xente desatendida”,
indican. De feito, foron centos, milleiros, as persoas que chamaron ao
112 e non foron quen de comunicarse co servizo en horas críticas, nas que había vidas en xogo.
Así o testemuña este vídeo que un lector nos enviou o
mesmo domingo. “Isto é tercermundista. O 112 non vai, non funciona,
ninguén colle”, dicíanos.
E Feijóo animaba a chamar ao 112
E isto pasou mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros cargos do seu goberno insistían e facían chamamentos á xente para que chamara ao 112
en caso de problemas para recibir consellos e certas medidas de
prevención en caso de perigo. “E mentres Feijóo e outros dicían iso, nós
vimos que estabamos sós e sen indicacións”, comentan as fontes
consultadas.
“A Xunta non nos deu directrices,
nin informou directamente de como estaba a situación en todo momento. A
sala de operacións non tivo acceso a información que tiña a Xunta e iso
xerou unha distancia terrible entre o papel que ten o 112 e o papel que
desempeñou realmente”, indican. “Eles –os mandos da Xunta-- tiñan que
ter planeado antes unha situación destas características”, engaden ao
recoñecer que é certo que houbo factores excepcionais, pero para os que
este servizo de emerxencias non estaba preparado.
De feito, tal era o caos que tanto os cidadáns, coma
outros servizos básicos de emerxencias, compartían as mesmas liñas e
tiñan que agardar a ser atendidos. “Non había unha liña para organismos
públicos de emerxencias, de policías, de bombeiros. Tiñan que esperar na
cola como calquera cidadán”, recoñecen. “Iso xerou unha falta de información fundamental para o que non estabamos preparados”, apuntan.
De feito, tal foi a descoordinación que, cando se
soubo das primeiras mortes, en Chandebrito (Nigrán), bombeiros e
policías tentaron comunicarse co 112 para informar do acontecido. Pero
non foron quen de facelo. Algúns dos traballadores de emerxencias
souberon desas mortes por whatsapp lendo a noticia que acababa de adiantar Galicia Confidencial.
E os traballadores tamén sofren
E como en todas as traxedias os traballadores son os
que máis sofren. Pasou cos bombeiros, con policías e gardas civís, pasou
cos xornalistas dos medios públicos e tamén cos traballadores do 112
que tiveron que aguantar berros e mesmo insultos
de veciños desamparados, indignados e destrozados polo que estaban
vendo.
“Tamén nós nos sentimos impotentes porque a xente busca solucións
e era difícil incluso ofrecer solucións dada a magintude da catástrofe e
a inoperacia de certos canais que tiñan que ser operativos e non o eran
pola falta dunha cadea de mando e coordinación”, apuntan.
“É neses momentos cando se poñen a proba e se verifica a verdadeira operatividade de servizos como o 112. Vimos que non tiñamos a capacidade para realizar o noso traballo e iso xerou moita frustración e impotencia
en moitos de nós”, aclaran. “Nós recibiamos insultos e queixas, e
entendemolo. Fixemos o posible por ofrecer solucións, pero cando non hai
medios pois, humanamente, afecta moito porque ti queres facer ben o
traballo, pero non podes”, comentan consternados.
Por iso, critican á Xunta por non ter previsto un plan de contixencias. “Deberiamos estar afeitos a reaccionar con plans de crise axeitados, coordinación e un mando operativo
que coordine todos os recursos que temos, e iso demostrouse que non
funcionou”, din.
Frustra moito pensar que se puido ter feito mellor”,
afirman e lembran que non foi unha cuestión da implicación do persoal
porque “houbo traballadores que quedaron máis horas das que lle
correspondían e outros que foron chamados de urxencia en día libre”,
senón do colapso total do servizo." (Galicia Confidencial, 20/10/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario