A nave Soyuz, a piques de despegar da base espacial rusa de Vostochny. Foto: GKLaunch
“Todo comezou o 30 de novembro de 2007 cunha primeira
chamada dunha exalumna da Universidade de Vigo para convidarnos a
participar no que sería a primeira experiencia espacial da Universidade de Vigo”.
Así lembrou este xoves o profesor e investigador
Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial, os inicios do que
denominou a “aventura espacial da Universidade de Vigo”, unha historia
que arrancou con forza en febreiro de 2012 co lanzamento do satélite
Xatcobeo, continuou co Humsat-D en novembro de 2013, co Serpens en
agosto de 2015 e que agora se consolida co exitoso lanzamento de LUME-1,
o cuarto satélite lanzado ao espazo pola Universidade de Vigo, unha
especie de vixía automático dotado con tecnoloxía punteira para loitar contra os incendios forestais.
Cos mesmos nervios e emoción que naquela ocasión,
“pero tamén con toda a bagaxe que che dá toda a experiencia adquirida ao
longo destes anos”, os e as investigadoras da Agrupación Aeroespacial
reuníronse ás tres da madrugada nunha sala de reunións da Escola de
Enxeñaría de Telecomunicación para seguir en directo o lanzamento,
lanzamento que, nesta ocasión, se realizaba a bordo dunha nave Soyuz na base espacial rusa de Vostochny, en Siberia.
“Todo foi segundo o previsto, todo correcto”,
explicou horas despois o profesor Fernando Aguado nunha rolda de prensa
que comezou con palabras de lembranza e agradecemento para o profesor
José Antonio Vilán, exvicerreitor de Transferencia e primeiro
comisionado do reitor para o Vigo Tecnolóxico que segue convalecente
logo de sufrir un grave accidente de tráfico en marzo de 2016.
Xunto
a Aguado compareceron ante os medios de comunicación a vicerreitora de
Investigación, Belén Rubio, e Diego Nodar, exalumno da escola que formou
parte desta “aventura” desde os seus inicios e que asistiu como
cofundador da empresa Alén Space, spin-off da Universidade de Vigo que
se presentará nas vindeiras semanas e a través da cal se transferirá á
industria todos os avances tecnolóxicos acadados nestes anos.
Os tres asistiron tamén ao primeiro pase do satélite
por Vigo, pasados apenas un cuarto de hora das 11.00 da mañá na estación
de control da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde puideron
comprobar que todo ía segundo o agardado, “batería cargada, antenas
despregadas, todos os comandos en funcionamento…”. Houbo aplausos e,
como xa vén sendo tradición, un pequeno brinde co que dar os parabéns “a
todos cantos fixeron posible un novo fito histórico”.
Na rolda de prensa posterior tanto Aguado como Rubio e
Nodar amosáronse “tremendamente orgullosos” do éxito acadado e moi
ilusionados coa posibilidade de sacar “o máximo proveito posible” a toda
esta tecnoloxía “desenvolta en Galicia pero que conta coa calidade suficiente para poder ser exportada a calquera parte do mundo”.
Un sistema de comunicacións con baixo custo e cobertura global inserido no proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais, financiado pola Unión Europea con máis de dous millóns de euros e no que ademais da Universidade de Vigo participan a Universidade de Porto e o CNRS francés.
O LUME-1 é un satélite cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 x 10 x 10 e un peso de 2,1 quilogramos. Aproximadamente cara hora e media dará unha volta completa á terra
–cada día haberá un total de entre catro e seis pases polo campus de
Vigo- e súa misión fundamental será dar soporte de comunicación
bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo
grupo Cima da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos
avións non tripulados, UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da
Universidade de Porto.
A idea é que a través de sensores -que son como
vixías automáticos que se colocan en emprazamentos elevados e que teñen
un software que pode detectar un radio de ata dous quilómetros de
altura- se poida detectar o comezo dun potencial fogo.
“Ao momento esta información recollerase no satélite
LUME, que automaticamente o notifica ao centro de control de fogo, onde
este datos se actualizan con información sobre a evolución previsible
das chamas. Todo dun xeito absolutamente automático”, explicou Aguado,
que fixo fincapé en que LUME-1 permitirá o contacto permanente tanto cos
sensores como cos avións non tripulados.
“É
un sistema de comunicación que estará en todo momento á disposición das
autoridades encargadas da loita contra o lume”, recalcou Aguado, quen
deixou a porta aberta á posibilidade de integrar novos satélites nesta
rede e tamén vehículos autónomos dotados de sensores que permitan
incrementar aínda máis a eficacia do sistema. “No futuro imos ter tamén
capacidade de monitorización de avións e, incluso, de monitorización do
propio espectro, un ben tremendamente prezado na actualidade”, explicou
Aguado.
Lembrando tamén o lanzamento do Xatcobeo, a
vicerreitora de Investigación puxo en valor nesta rolda de prensa o
traballo do equipo que coordina Aguado e que contribuíu a facer da
Universidade de Vigo “un referente na construción e posta en órbita” de
pequenos satélites.
“O que hai anos fora un fito histórico, hoxe xa é unha traxectoria”,
salientou Rubio, quen puxo en valor o “traballo multidisciplinar” como
un dos factores do éxito do Lume-1, á vez que o “carácter didáctico” dun
proxecto que permitiu a estudantes de diferentes enxeñarías “seguir
todo o proceso e aproveitar todo o que ven nas clases nun proxecto
real”.
Así mesmo, a vicerreitora valorou tamén esta iniciativa como “un
verdadeiro exemplo de transferencia do coñecemento”, ao estar ligado
este lanzamento ao nacemento dunha nova empresa, a spin-off Alén Space,
xurdida da propia Agrupación Aeroespacial.
Diego Nodar interviú pois non só como cofundador
deste novo proxecto empresarial, senón tamén como exalumno e
investigador ligado a agrupación desde os seus inicios. “Foron dez anos de moitos esforzos nos que fomos capaces de crear o noso propio oco no mundo dos pequenos satélites”, resume.
Nodar lembrou nese senso a celebración en Vigo hai apenas uns mes do evento New Space España, “no que conseguimos traer ata aquí a toda a industria espacial española”, e sinalou nese senso que a culminación a esa década de traballo foi a creación de Alén Space, que ten como obxectivo “comercializar toda a tecnoloxía” desenvolvida nos últimos anos no deseño destes satélites,
proxecto para o que, ademais de coa Universidade, contaron tamén co
apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través do seu programa
Ignicia.
Neste
senso, apuntou Nodar, o proxecto Fire-RS contribuirá a “validar en
órbita” unha tecnoloxía para a que “comezan a aparecer oportunidades
comerciais” e que esta spin off intentará levar ao mercado co propósito
de “crear oportunidades de emprego estables a longo prazo e crear industria” en Vigo arredor dos pequenos satélites,
un campo en expansión, lembrou, como amosa o dato de que nos próximos
cinco anos está previsto o lanzamento ao espazo de preto de 1500
nanosatélites.
Con este lanzamento culmina o traballo que durante
máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo:
10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en
tarefas de coordinación.
“Todos os estudantes e investigadores que participan
no proxecto FIRE-RS pertencen ás escolas de Enxeñería Industrial, de
Telecomunicación e Informática, que son o núcleo do Agrupación
Aeroespacial”, detallou Fernando Aguado, quen lembrou que nos meses
previos a este lanzamento o satélite completou durante meses un esixente
calendario de probas, incluídas as de aceptación de todos os
subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel do sistema.
Nos vindeiros meses levaranse a cabo novas probas de
comprobación do sistema, incluídas varias probas piloto con fogo real,
para o que se contará coa colaboración da Axencia Galega de Emerxencias e
d Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do
Deza e Tabeirós-Montes, que está a ser o encargado de testar as
tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, a través de varios
simulacros parciais e un final con lume real e controlado." (Xornal de Vigo, 27/12/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario