"O 28 de decembro de 2002 máis de 15.000 persoas participaron na Coruña no Velorio do Mar,
unha das máis simbólicas manifestacións convocadas polo movemento Nunca
Máis, na que as persoas asistentes, vestidas de loito, portaban cruces
negras, que acabaron en gran parte chantadas no xardín da Delegación do
Goberno ou na praia de Riazor.
Na xénese desta mobilización estiveron
artistas como Pepe Galán, ao igual que a moi recordada Manifestación das Maletas
(10 de febreiro de 2003) na que decenas de miles de persoas marcharon
polas rúas da Coruña ao berro de "Salvemos o mar, ou só nos quedará a
maleta".
Pepe Galán é, xunto con Pepe Barro e Anxo Varela, un dos comisarios da exposición Máis Nunca Máis, que este xoves se inaugura no Palexco da cidade herculina, no marco das actividades de Unha Burla Negra. A mostra, dirixida e deseñada polo colectivo Radio Buguina, permanecerá aberta ata o 3 de marzo, e poderá visitarse libremente todos os días en horario de 12 a 14 e de 18 a 21.
A
apertura da mostra terá como acto inicial unha mesa redonda (este xoves
ás 20 horas no propio Palexco) na que intervirán Manuel Rivas, Uxía
Senlle, Felipe Louzán e Suso de Toro. A mesa redonda dálle continuidade
ás actividades de Unha Burla Negra na Coruña, que comezaron o pasado
venres cunha conferencia de Amador Fernández Savater no Paraninfo da UDC
baixo o título de "Unha mutación antropolóxica: imaxes e prácticas da
revolución cultural".
A programación completarase o xoves
24 de xaneiro cunha mesa redonda titulada "O Nunca Máis como fin do
réxime fraguián. Dezaseis anos dun vergoñento consello de ministros".
En efecto, o acto coincidirá co 16º aniversario do Consello de
Ministros que acolleu o Concello de Coruña, ofrecido a José María Aznar
polo alcalde Francisco Vázquez. A mesa, que se celebrará no Salón de
Plenos, contará coa participación dos xornalistas Xosé Hermida, José
Precedo e Comba Campoy.
A mostra compose principalmente de 4.000 imaxes, procedentes do fondo documental da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas,
que serán emitidas de forma continua por vinte proxectores. Fotografías
das actividades dos voluntarios, de manifestacións e doutras accións de
protesta nas semanas posteriores ao inicio da catástrofe do Prestige, e a pegada de Nunca Máis, tanto en Galicia como noutros lugares do planeta. "Será
un maremagnum de imaxes proxectándose sen parar", explica Pepe Galán,
que engade que á vez se proxectará un un vídeo con algunha das frases
máis polémicas lanzadas polos políticos gobernantes.
Noutra parte da exposición proxéctanse os nomes de 300
persoas que tiveron un papel destacado naqueles días. Ademais, pódense
consultar os libros que sobre o tema editou Difusora. Así mesmo, ao longo do percorrido da exposición presentarase unha nova obra sobre o Prestige e Nunca Mais que recolle textos
de políticos, poetas, manifestos ecoloxistas e científicos, que
incluirá un prólogo de Manuel Rivas e un epílogo de Xurxo Souto.
“Eses días estabamos alucinados, primeiro, polo nivel da catástrofe, o chapapote que o cubría todo. Pero tamén pola gran mobilización que existía. Estabamos todos activados, dun xeito case compulsivo e coñecendo xente nova”,
destaca Galán. “Queríamos actuar e cada un facía o que sabía facer: os
poetas e escritores escribían, os músicos actuaban, os deseñadores
gráficos creaban os símbolos, e os artistas plásticos poñíamos a nosa
experiencia na creación de elementos, por exemplo para as
manifestacións”, di. "Era outro xeito de deseñar as protestas, non sei
se máis creativo, pero sen dúbida máis divertido", engade.
"Foi unha grande explosión de
creatividade que durou un tempo. Pensaba que iso ía callar, pero teño a
sensación de que ao final todo volveu ao seu sitio e mantívose
o funcionamento cultural que imperaba anteriormente, que non é
precisamente o mellor", reflexiona. "Temos que aprender do que pasou
nese tempo e por iso é interesante o traballo de análise que está
facendo Unha Burla Negra, unha nova xeración que reivindica o que se
fixo neses anos", di." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 17/01/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario