"Hai unhas semanas o Concello de Trabada, na Mariña Oriental, recibiu con
preocupación a nova de que podía perder a unidade de Infantil no seu
colexio, o CEIP Celso Currás. O centro conta con 33 nenos e nenas
matriculadas, entre Infantil e Primaria, pero para o vindeiro
curso tan só están inscritos dous nenos e nenas entre 3 e 6 anos, lonxe
do mínimo de seis fixado pola Xunta para manter aberta a aula.
O Concello decidiu reaccionar, sumando ás axudas e incentivos cos que xa contaba para fixar poboación nova na localidade, a
oferta dunha vivenda de balde para aquelas familias que teñan "dous ou
máis fillos/as con idades comprendidas entre tres e seis anos que se
asenten en Trabada e que escolaricen aos nenos/as no CEIP Plurilingüe
Celso Currás". O colexio necesita catro matrículas máis antes
de que remate o mes de xullo para manter os servizo que está a prestar
na actualidade.
A situación que vive Trabada é compartida por
moitas localidades da zona rural, mesmo por colexios situados ben preto
dos núcleos urbanos, coma o de Verducido (Pontevedra). Na última década, sete de cada dez concellos sufriron recortes de profesorado.
Trabada é un concello envellecido, cunha media de idade de algo máis de
55 anos (55,47) e unha porcentaxe de poboación menor de 20 anos que non
chega ao 10% (9,17%), uns indicadores que empeoran a media galega (47
anos e 15% de poboación nova), pero que non chegan aos niveis dunha
parte importante das localidades de Lugo e Ourense. E as súas opcións de
reverter esta situación pasan por manter os seus actuais servizos
públicos, comezando polo colexio.
A falta de matriculas en Infantil está provocada polo baixo número de
nacementos nos últimos anos, catro entre o 2014 e o 2016, moi lonxe dos
vinte que houbera entre 2011 e 2013. En 2017 naceron cinco nenos e
nenas, e os menores de 3 anos suman un total de 14, polo que no curso
2020-21 a continuidade da aula de Infantil podería estar asegurada, pero
pode que iso dependa de que a unidade se manteña no curso que comezará
este outono. "No momento en que nun centro de ensino rural se perde unha unidade, despois é moi difícil recuperala", subliña a alcaldesa de Trabada, Mayra García.
García fai un chamamento aos veciños e veciñas de Trabada para que escolaricen os seus nenos e nenas no colexio da vila.
O Concello salienta a alta calidade do ensino que ofrece o CEIP, que
este curso se converteu nun Centro Plurilingüe, contando cun auxiliar de
conversa de nacionalidade británica. Igualmente salienta que "dado o
ambiente familiar, ofrécese atención personalizada e foméntase a
integración do alumnado" e que o centro conta coas mellores
instalacións, con zonas verdes, horto ecolóxico, pavillón cuberto ou
biblioteca. Finalmente, o colexio "fomenta o coñecemento e defensa do
medio natural e de hábitos ecolóxicos e alimentación saudable".
"É
unha comunidade escolar moi activa e está traballando moi ben para que
os nenos e as nenas de Trabada teñan as mesmas oportunidades das que
carecen outros rapaces e rapazas de concellos pequenos”,
destaca a alcaldesa, que salienta a colaboración que manteñen Concello e
colexio para a organización continua de actividades gratuítas para os
rapaces e rapazas: campamentos de verán, programas de conciliación ou
Punto de atención á infancia de 0 a 3.
Mayra García fai fincapé na importancia de que os concellos rurais
conten cos mellores servizos no ensino, sanidade ou transporte público,
pero tamén na oferta de actividades, de ocio ou de cultura. "Temos que promover que haxa servizos no rural.
Se a xente se ten que desprazar fóra para traballar, e se ten que
desprazar porque non hai servizos e se ten que desprazar porque non hai
unha oferta cultural para todas as idades, pois acaba marchando e ao
final non quedará ninguén". "Ten que haber vida, ten que haber
actividades para todos, e a xente ten que sentirse orgullosa de onde vive. Isto tamén é moi importante", engade.
A alcaldesa pídelle á Xunta "que non peche a unidade, xa que a escola pública é fundamental para manter o futuro do rural".
A rexedora anuncia ademais que nos vindeiros meses se publicarán -coma
nos dous anos anteriores- as bases de axudas ás familias de fomento da
natalidade ofrecendo 800€ por nacido e familia empadroada (400€ ao nacer
e 400€ no momento de escolarizarse no colexio público de Trabada),
engadido ás axudas para a compra de material escolar nos cursos de
educación infantil." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 08/07/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario