6/2/18

Así desapareceron da estatística do Sergas os peores datos de listas de espera de cada ano

"A pasada semana a Consellería de Sanidade fixo públicos os datos das listas de espera no Servizo Galego de Saúde, datados no 31 de decembro de 2017. No que atinxe á agarda para operacións cirúrxicas o dato medio situouse en 66,4 días, uns dous días menos que no remate de 2016 e máis de seis por riba do límite que a Xunta introduciu na lei. 

O cómputo vai, en calquera caso, na liña descendente da última media década, cando ademais o Goberno galego se librou a si mesmo de facer públicos os que adoitaban ser os dous peores datos de cada ano, os que arrastraban os efectos dos picos da gripe no inverno e dos peches de camas no verán.

A lei de garantías de prestacións sanitarias, en vigor dende 2014, inclúe mecanismos cuestionados dende a oposición e plataformas na defensa da sanidade pública como o que facilita o transvasamento de pacientes do Sergas a centros privados, pero tamén trouxo consigo unha redución da información sobre as listas de espera que a Consellería comezou a aplicar en 2015: pasou de informar trimestralmente a facelo semestralmente e elixiu como xanelas informativas o 31 de decembro e o 30 de xuño

Suprimiu, daquela, os datos correspondentes ao 31 de marzo e ao 30 de setembro, e esta eliminación suavizou moi notablemente a curva estatística anual: xa non hai un pico no verán e o do inverno é moito menos pronunciado.

Un repaso da base de datos completa -a información divulgada na web do Sergas tamén foi recortada e a serie histórica comeza agora en 2014, aínda que o IGE segue a ofrecela íntegra, dende 2005- e debullada por trimestres amosa ás claras por que o dato do terceiro trimestre, o que reflectía o impacto da menor actividade cirúrxica do verán, era o máis incómodo para o Goberno galego e, daquela, o máis proclive a ser eliminado da difusión pública. 

Agás nunha ocasión -o 2006-, o do terceiro trimestre sempre foi o dato de espera media cirúrxica máis elevado e nunca baixou dos 90 días de media. O último coñecido, o de 2013, achegábase aos 100.

O outro dato suprimido, o do primeiro trimestre, foi o segundo máis elevado da serie anual ata 2008 e volveuno ser en 2014, último coñecido, cando estivo por riba dos 82 días. Os que o Sergas foi divulgando nos últimos tres anos -os de decembro e xuño- tenderon á baixa, se ben só o do segundo trimestre -agora, primeiro semestre- se achega aos 60 días do límite legal. 

Sanidade non especifica, non obstante, ata que punto inflúe neste cómputo total o feito de que o propio Goberno se facultase a si mesmo para remitir á sanidade privada aos doentes que superasen ese limiar de dous meses a agardar. 


Durante o trámite parlamentario da lei que amparou esta supresión de información pública sobre as listas de espera o PP defendeu o novo modelo como unha decisión "valente" que permitiría que a demora cirúrxica "pasase a un segundo plano" do debate político no país. 

A imposibilidade de observar os efectos na espera dos peches de camas durante o verán comezou pouco antes da remuda na persoa titular da Consellería e, dende que Jesús Vázquez Almuiña substituíu a Rocío Mosquera, o novo conselleiro vén defendendo que a cuestión destes peches é un debate "anticuado"

Así e todo, a Consellería vén negando ao Parlamento información ao respecto de xeito sistemático, polo que os datos que manexan oposición e colectivos de doentes son só estimacións realizadas a partir da información que manexan os sindicatos."            (Praza Pública, David Lombao)

No hay comentarios: