"Por mor dun erro de previsión da Xunta de Galiza na convocatoria de
bolsas posdoutorais até 34 investigadoras e investigadores que estaban
contratados polas tres universidades galegas a través do programa da
Xunta I2C quedan no paro. Ademais, este ano o programa penaliza a
aqueles investigadores e investigadoras que soliciten baixas por
maternidade ou paternidade.
Inés Viana é unha das investigadoras afectadas e, ao igual que as súas compañeiras e compañeiros cos que Sermos Galiza conversou a pasada semana, ve con preocupación o desentendemento da Xunta de Galiza perante esta problemática. Precisamente, o día 1 de xullo unha delegación do grupo de investigadoras e investigadores afectados reuníronse coa Consellaría de Educación
para tentar paliar o agravio, mais desde a Xunta, e a pesar da súa
responsabilidade, instaron o colectivo afectado a pedir solución ás
universidades.
Inés Viana ten 34
anos e unha filla de 14 meses coa que vive en Vigo. Traballa no campo da
ecoloxía mariña na UVigo investigando organismos mariños do litoral que
constitúen un auténtico bosque do mar. Durante tres anos traballou para
distintos centros investigando coa bolsa da Xunta dunha modalidade
contractual denominada A.
Ao igual que as outras 34 investigadoras e investigadores a súa idea é continuar dous anos máis mediante o contrato B
que tamén convoca a Xunta. Porén, esta institución retrasou a
convocatoria e como mínimo até novembro non se poderán incorporar
algunhas destas persoas á universidade, co cal todos estes meses ficarán
no desemprego e sen poder prever se terán a bolsa para poder continuar
os seu traballo.
En que afecta a incertidume en que vos deixa a Xunta á túa investigación e á túa actividade académica?
No meu caso non estou afectada polo paro de 5 meses, senón por desfrutar
dun permiso por maternidade. O programa contempla a paralización dos
contratos durante o permiso de maternidade para reanudalos cando te
incorporas. Pero esta paralización supón na realidade unha penalización e
unha discriminación fronte as mulleres que somos nais, pois quédome
descolgada do resto da xente da miña convocatoria e teño que esperar
indefinidamente e sen contrato por unha convocatoria que non sabemos nin
en que termos nin cando sucederá.
De que me sirve a min que me prorroguen o contrato se
o ano que ven mándanme ao paro indefinidamente? É importante facer
chegar que en investigación se ti paras, a túa ciencia para contigo, por
iso as mulleres que decidimos ser nais e científicas necesitamos dun
especial apoio institucional.
Levo traballando en ciencia dende que rematei a
carreira hai xa 12 anos, e non quero renunciar ao meu traballo, e non
renuncio. Pero eu acollinme o meu dereito de desfrutar do permiso de
maternidade, porque penso que teño un compromiso coa miña filla. Quero
ser nai e científica, quero aplicar o aprendido na miña terra e que a
miña filla se críe nela. Quero que todo o diñeiro publico invertido na
miña formación repercuta en melloras para a sociedade e economía galega.
Mais a nivel persoal reformúlome o meu futuro científico constantemente
ao ver diferentes casos ao meu arredor, co desgaste que iso implica.
Máis da metade das mulleres de 45 anos que non
tiveron fillos quixera telos, máis manifestan como un dos principais
motivos de non dar o paso as razóns laborais e de conciliación. E parece
que teñen razón, pois esta etapa inicial da carreira científica é
altamente competitiva e coincide coa etapa, bioloxicamente, co coidado
dos menores.
Que lle pedirías á túa Universidade e á Xunta de Galiza?
Á Universidade pediríalle que aposte por esta
xeración de científicos e que aproveite as ganas que temos de traballar e
de facer ciencia nas universidades da Galiza grazas a este programa
I2C.
Pediríalle á Xunta que o seu compromiso coa
natalidade inclúa a conciliación, escoitando as mulleres que decidimos
ser nais e precisamos dunha especial protección mediante medidas
concretas de continuidade na carreira investigadora como o mantemento de
prazos fixos das convocatorias, prazos flexíbeis de incorporación, ter
en conta o tempo efectivo de traballo, aumento dun ano por fillo nas
solicitudes das convocatorias, etc.
Estas medidas xa existen en diversas convocatorias
estatais e europeas. Eu pediría á Universidade de Vigo e á Xunta de que
aposten pola investigación e a conciliación escoitando as persoas.
En que consiste o proxecto de investigación no que traballaches na convocatoria A?
Traballo en ecoloxía mariña. A miña investigación
céntrase no impacto dos aportes antropoxénicos de nutrientes nos
macrófitos mariños, macroalgas e fanerógamas, dos sistemas litorais.
Estes organismos son os bosques do mar, a súa importancia radica nos
seus servizos ao ecosistema que inclúen, entre outros, a produción de
osíxeno ou o mantemento doutros organismos proporcionándolles alimento e
protección.
Os aportes extra de nutrientes ao medio, provenientes
por exemplo da agricultura ou augas residuais, poden exceder a
capacidade de autorregulación do sistema producindo un desequilibrio
ecolóxico denominado hipereutrofización, que leva asociados cambios,
primeiro a nivel fisiolóxico nos organismos, e despois nas comunidades,
como perda de biodiversidade.
Estes impactos do ser humano a nivel rexional, xunto
cos cambios a escala global, repercuten nas respostas e no equilibrio
destes organismos e do sistema.
En que centros de
investigación traballaches estes anos coa bolsa da Xunta e que
consideras que achegou a túa estadía ao sistema de investigación galego?
Durante a estadía no estranxeiro coa axuda
posdoutoral da Xunta de Galiza estiven no Leibniz Centre for Tropical
Marine Research (ZMT) en Bremen (Alemaña) e no Centro Interdisciplinar
de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) en Porto. Anteriormente
fixera estadías no Marine Biological Laboratory nos EEUU e no
Inter-University Institute for Marine Sciences de Israel.
Nestas estadías aprendín técnicas de análise, deseño
experimental e apertura dos meus estudos a un escenario de cambio global
do que a Galiza forma parte. Estou a adoptar as ferramentas aprendidas
para desenvolver indicadores fronte a contaminación mariña nas costas
galegas.
Estudar os efectos nos produtores primarios mariños é
importante, especialmente na Galiza, que con máis de 1600 km de costa
(a máis extensa do territorio nacional) ten parte da súa economía
baseada nestas áreas, como o marisqueo ou turismo, o mesmo tempo que
concentra a maioría da súa poboación na costa." (Entrevista a INÉS VIANA, INVESTIGADORA E NAI, Sermos Galiza, 06/07/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario