"En só unha década Galiza perdeu máis do 20% das embarcacións da súa
frota pesqueira. Unha 'reestruturación', como a cualifican desde as
diferentes administracións, sexa europea, estatal ou autonómica; que se
levou por diante uns mil trescentos barcos en 10 anos. En concreto,
1.361, segundo os propios datos oficiais da Xunta dispoñíbeis no
rexistro de buques pesqueiros.
Así pois, e de media, cada dous ou tres días Galiza tiña unha
embarcación pesqueira menos. En 2004 eran 5.565, das cales 4.867 eran do
sector de 'artes menores', o tradicional, que faena perto da costa e é o
sostíbel ambiental e socialmente. En 2014 hai 4.204 embarcacións. De
'artes menores' ou baixura, 4.017.
Foi, logo, a baixura a máis damnificada por unha política de
despezamentos (desguaces) e axudas á paralización da actividade que
supuxo que nesta década desaparecesen 850 embarcacións deste sector.
Mais a sangría afecta tamén a aqueles barcos que faenan nas pesqueirías
comunitarias (en caladoiros da UE), de maior eslora e porte,
loxicamente.
En 2004 Galiza tiña unha frota de 144 buques con licenza para faenar
nesas zonas. Dez anos despois só fican 87. Unha perda de peso e presenza
que deixa un baleiro que axiña é cuberto por frotas doutros estados da
Unión Europea.
Segundo dados dos servizos estatísticos da Xunta, os sectores
extractivo, acuícola e transformador empregan conxuntamente en Galiza a
38.000 persoas (o 52% do emprego total pesqueiro no Estado español e o
10% no conxunto da UE). Un dado: a produción extractiva galega anual
supón, en termos de valor, o 15% da Unión Europea, superando así a
produción conxunta de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Grecia e Suecia." (Sermos Galiza, 21/01/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario