"Camiñamos cara a irrelevancia industrial,
soportando unha perda importante de traballo no sector naval, nas
electrointensivas, na automoción... que deixan a estremecedora cifra de contarmos na actualidade con 20.000 traballadoras e traballadores menos que no ano 2.009.
Ao mesmo tempo, diversos colectivos de investigación denuncian que o
país deixou de apostar pola xeración de coñecemento e a innovación. En
Marea puxo de relevo no Parlamento que mentres en
Europa o gasto medio por habitante en I+D+I estaba no 2015 nos 593
euros; no estado a cifra é de 284 e na Galiza descende até os 181 euros.
Moitos dos problemas da industria veñen derivados da política
enerxética e o seu prezo. A este respecto, desde o BNG consideran
“insólito” que nun territorio produtor de electricidade como Galiza
“haxa miles de empregos en xogo polo alto prezo da electricidade”.
O debate para o futuro industrial de Galiza está na mesa, vexamos que propón cada formación política no seu programa electoral.
O BNG defende un plan de industrialización de Galiza e frear as deslocalizacións
O Bloque aposta no seu programa polo desenvolvemento de políticas
industriais que consoliden os sectores estratéxicos e “dean pulo a
actividades novas, co apoio á innovación e investigación”.
Acreditan en que Galiza é un país con “enorme potencial económico” e
critican as políticas do Estado por “pretenderen consolidar un papel
dependente, que beneficia os intereses do grande capital e prexudica á
clase traballadora”.
Para cambiar o rumbo da economía galega, desde a formación
nacionalista reclaman, a nivel financeiro, impulsar unha banca pública
galega e novas fórmulas de participación pública, “reformulando os
instrumentos do crédito e adoptando as medidas necesarias para que o
aforro galego reverta en crédito e investimento no noso país”.
Avogan polo saneamento dos sectores industriais en crise e unha
política de reindustrialización baseada no impulso á industria auxiliar,
na optimización dos custos loxísticos e no apoio aos sectores
industriais emerxentes e a I+D+i.
O nacionalismo oponse á deslocalización e peche da actividade
industrial que afecta a Galiza, e demanda que a Xunta se dote “dos
medios necesarios” para acometer un plan de industrialización.
Ademais, comprométese a impulsar a construción civil naval en Galiza,
“desde a modernización tecnolóxica” co obxectivo de situar os
estaleiros galegos como “referentes no ámbito mundial”.
En Marea pula por unha economía produtiva e unha política industrial verde
Desde En Marea apostan por reverter o proceso de
desindustrialización, poñendo o foco nos modelos de novas tecnoloxías
limpas e estruturas de comunicacións “en forma de maia”, ante os actuais
proxectos que, segundo afirman, concíbense como radiais ou cara á
vertente mediterránea. Apostan tamén por investir na I+D+i e reverter o
proceso de centralización das empresas públicas.
Comprométense co fomento dunha banca pública ética ao servizo das
persoas e a promoción de canles de comercialización curta, de
proximidade, poñendo o criterio de compra local nos centros públicos.
Nesa mesma liña, pulan polo fomento dos produtos locais da agricultura, a
pesca, transformados alimentarios...
En canto aos estaleiros, defenden unha política planificada para o
sector naval e garantir carga de traballo, e máis por unha política
pesqueira que compatibilice a sustentabilidade ecolóxica coa económica e
social.
En Común-Unidas Podemos aposta pola formación de clústeres industriais e impulsar a diversificación das pemes galegas
O programa presentado por En Común-Unidas Podemos conta cun epígrafe
para “defender a industria galega”, no que propón actuar contra o prezo
abusivo da enerxía, cun marco tarifario estábel e competitivo,
“impedindo a deslocalización de multinacionais que recibiron subvencións
e, chegado o caso, a propia intervención directa do sector público”
Promoven un plan de impulso do sector industrial galego, no que se
contemplaría o incremento dos investimentos para a formación de
clústeres industriais e o impulso da diversificación das pemes galegas.
Contan tamén con desenvolver programas de apoio financeiro específicos
para mellorar o valor engadido na transformación de produtos
agropecuarios, do mar e forestais; aumentar o peso das actividades do
sector naval e do aeronáutico, o de enerxía.
“Por unha estratexia de reindustrialización verde e economía
circular”, avogan desde a coalición, para a creación de emprego en
industrias cun impacto positivo sobre a contorna.
O PSOE comprométese a incrementar, como mínimo un 20%, o peso da industria no PIB
Dentro das 110 medidas coas que o PSOE se presenta ás eleccións
xerais, anuncia un pacto de Estado pola industria, “coa participación de
axentes sociais” e que “buscará dar cumprimento ao obxectivo da UE de
incrementar como mínimo o 20% o peso da industria no conxunto do PIB
estatal”.
Sánchez comprométese a aprobar unha nova lei de industria que adapte o
marco de regulación “aos novos retos de dixitalización e
descarbonización”, e que actualice a normativa sobre calidade e
seguridade industrial. Nese sentido, optan por reducir “as cargas
administrativas”, de cara a favorecer unha maior coordinación coas
comunidades autónomas e os concellos.
Así mesmo, promete un plan específico para o medio rural e apostan
por fomentar a instalación de enerxías renovábeis e de tecido industrial
asociado a estas.
A receita do PP: máis bonificacións fiscais e máis neoliberalismo
Para o impulso da industria, o Partido Popular recolle no seu
programa axilizar “ao máximo” o proceso de constitución de empresas, e
sinalan que substituirán “en todos os ámbitos posíbeis” o sistema de
licenza administrativa por un de declaración responsábel.
Así mesmo, anuncian que impulsarán o programa Startup Spain para a promoción do emprendemento e a innovación, e o apoio ao crecemento e internacionalización das pemes.
O PP quere impulsar unha reforma fiscal que “dinamice a inversión de
capital privado e opta por reformar a lei para facilitar “o peche de
empresas fallidas”.
Outras medidas versan sobre impulsar a industria de creación do
videoxogos e dos contidos dixitais e comprométense a aplicar medidas
fiscais para a implantación en empresas da industria 4.0 en España.
En sintonía coa defensa do “libre mercado”, comprométense ao avance
do mercado común europeo defendendo as “catro liberdades fundamentais”:
libre circulación de mercadorías, de traballadoras e traballadores, de
servizos e de capitais.
Ciudadanos, aínda sen programa, aposta polo traballo xuvenil desde Navantia
Xa iniciada a campaña electoral, o partido de Albert Rivera continúa
sen programa electoral. A semana pasada, a deputada nesta lexislatura
por Madrid e actual candidata pola Coruña, Marta Rivera de la Cruz,
visitou Navantia, onde salientou a importancia que ten para o emprego da
comarca esta empresa e apostou polo traballo xuvenil, xa que considera
que empresas como Navantia “precisan un cadro renovado e preparado para
os retos do século XXI”. (Alberte Mera, Sermos Galiza, 14/04/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario