Mostrando entradas con la etiqueta Buenas prácticas agricolas: residuos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Buenas prácticas agricolas: residuos. Mostrar todas las entradas

13/9/17

Allariz presume en Europa de modelo de reciclaxe de residuos

"Allariz saca peito e demostra que outro modelo de reciclaxe de residuos é posible. O Concello vén de presentar a Europa os exitosos resultados do seu programa pioneiro de reciclaxe de lixo e separación de materia orgánica, co que se dotou da loxística precisa aos veciños e veciñas co reparto de composteiros individuais e a creación dunha ampla rede de composteiros comunitarios.

 Un modelo descentralizado, fronte ao de SOGAMA, que durante o primeiro ano de posta en marcha acadou un bo nivel de aceptación cidadá, o que se reflectiu en moi boas cifras na reciclaxe de residuos. Así o salientan os responsables deste programa nun informe presentado no libro 'Solid Waste Management in Rural Areas', coordinado polo doutor Florin Constantin Mihai, da Universidade Alexandru Ioan Cuza de Romanía, e publicado pola editorial de acceso aberto InTech.

No capítulo cuarto deste libro preséntase o caso de Allariz como un modelo de éxito aplicado a un contexto rural. Co título 'Decentralized Composting of Organic Waste in a European Rural Region: A Case Study in Allariz (Galicia, Spain)', Iria Villar Comesaña, David Alves e Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Romero e Bernardo Varela, por parte do Concello de Allariz, exhiben os resultados deste programa de reciclaxe que conseguiu no seu primeiro ano de funcionamento "unha redución darredor do 8% dos residuos mesturados enviados á instalación de tratamento centralizada [SOGAMA]", salientan no informe.

Os responsables do proxecto tamén subliñan o impacto positivo acadado entre os cidadáns, xa que coas campañas realizadas e a instalación e posta en marcha de toda a loxística se conseguiu que "os residuos biolóxicos se segregasen correctamente" nos distintos colectores e "obtívose un compost de boa calidade para o fertilizante do chan", resumen os autores do informe, que engaden: "A recuperación dos residuos biolóxicos tamén deu lugar a unha mellora da reciclaxe de todas as fraccións restantes".

Con todo, o obxectivo fixado polos reponsables do proxecto aínda está lonxe. A idea do Concello é chegar nun futuro a reducir até nun 80% os residuos enviados a SOGAMA. Para isto, o goberno local conta co soporte técnico das universidades de Vigo e da Coruña e coas campañas de concienciación social da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Unha colaboración a tres bandas -entre a Academia, a Administración Pública local e os ecoloxistas- pioneira en Galicia e que agora se presenta como un exemplo para o resto de Europa.

Recentemente, o Concello daba a coñecer algúns dos datos máis destacados do proxecto no seu primeiro ano de actividade. Allariz incrementou a taxa de reciclaxe ata un 40% de lixo que se está a reciclar e recuperar nas distintas fraccións como orgánica, papel-cartón, vidro e envases e plásticos. Ademais, e segundo os datos que manexa o propio goberno local, Allariz xa é un dos concellos galegos que máis recicla; de feito, case triplica a media galega de recollida de lixo, que é duns 12 quilos por habitante ao ano, mentres que en Allariz xa é de 31,4 quilos por habitante e ano.

ORIXE DO PROXECTO E OBXECTIVOS

A finais de 2014, Allariz puxo en marcha a implementación da separación, tratamento e uso de materia orgánica en todo o municipio co obxectivo de aumentar a taxa de reciclaxe e minimizar a porcentaxe de residuos que se segregan entre si para ser incinerados. Para isto instaláronse 24 illas de compostaxe ubicadas na zona urbana e máis de 130 composteiros. 

Ademais púxose en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, punto ao que vai parar a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes produtores, como hostaleiros e comerciantes.

O obxectivo é traballar na redución de residuos a nivel local, promover unha boa separación para favorecer a reciclaxe e compostar no propio concello a fracción orgánica. Con este proxecto a vila de Allariz, alén de millorar as súas taxas de reciclaxe, gaña en autónoma na xestión do lixo, reducirá cada vez máis a cantidade de residuos que envía a SOGAMA (diminuindo sensibelmente a súa factura) e inviste en emprego local."                       (Galicia Confidencial, 12/09/17)

14/6/16

Os restos de castañas, augardentes e zumes poden ser reutilizados como antioxidantes

 
  A investigadora Beatriz Díaz | Fonte: DUVI.

"Usando tecnoloxías de limitado impacto ambiental e fácil implementación pódese obter antioxidantes de natureza fenólica a partir de residuos agroindustriais e forestais procedentes das castañas e da elaboración de augardentes e zumes. Así o demosta a investigadora Beatriz Díaz, da Universidade de Vigo, que vén de defender a súa tese 'Recuperación de antioxidantes por tecnoloxías emerxentes a partir de efluentes industriais e residuos forestais'.

Este traballo é unha das liñas de investigación do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, dedicada ao desenvolvemento de procesos para obter compostos como prebióticos ou antioxidantes de subprodutos da industria terciaria mediante tecnoloxías respectuosas co medio ambiente. 

Neste contexto de traballo, na súa tese de doutoramento, Díaz utilizou na súa investigación viñazas e bagazos destilados de uva branca procedentes da elaboración de augardente; ourizos e follas do castiñeiro e bagazos de distintas clases de froitos do bosque procedentes da elaboración de zumes.

 Para a obtención dos antioxidantes empregáronse procesos de extracción con dióxido de carbono supercrítico e disolventes de baixo impacto ambiental e desenvolvéronse procesos baseados en tecnoloxías de membranas para a concentración e/ou purificación de compostos fenólicos. Finalmente, avaliáronse as propiedades antioxidantes e de irritabilidade cutánea dos produtos finais obtidos.

BENEFICIO ECONÓMICO E AMBIENTAL

Os antioxidantes naturais, segundo a técnica do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, teñen importancia tanto nos sistemas alimentarios, evitando as reaccións de oxidación que alteran os alimentos, coma nos sistemas biolóxicos, onde axudan a previr o estrés oxidativo provocado polos radicais libres protexendo fronte a diversas enfermidades dexenerativas ou distintos tipos de cancro.

Un dos grupos de antioxidantes naturais máis abundantes e amplamente distribuídos no reino vexetal, segundo Díaz, son os compostos fenólicos. Froitas e verduras, herbas medicinais, cereais ou algas son fontes tradicionais empregadas na obtención de compostos fenólicos con actividade antioxidante. 

Porén, indica na tese de doutoramento, “estes compostos fenólicos atópanse tamén en residuos agroindustriais e forestais, polo que a súa reutilización podería supoñer un beneficio económico para o proceso de partida, ademais de minimizar o impacto ambiental que en moitos casos pode supoñer a súa eliminación”.

Segundo sinala Díaz Reinoso, nos últimos anos incentivouse a procura de novas fontes de antioxidantes naturais debido “á crecente demanda por parte dos consumidores de aditivos de orixe natural fronte a aqueles obtidos mediante síntese química, unido ademais a resultados toxicolóxicos que poñen en dúbida a seguridade dos devanditos antioxidantes sintéticos”.

TÉCNICAS

Polo que respecta ás técnicas empregadas, a investigadora salienta que tradicionalmente a extracción de compostos fenólicos lévase a cabo mediante o emprego de disolventes orgánicos. Estes procesos presentan numerosas limitacións tales como o emprego de grandes volumes de disolvente, nalgúns casos tóxicos ou prexudiciais para o medio ambiente, a súa baixa selectividade ou a necesidade de engadir etapas de eliminación do disolvente, polo que actualmente se están centrando os esforzos na busca de tecnoloxías alternativas de limitado impacto ambiental que permitan a extracción e a purificación de compostos antioxidantes de maneira eficaz. 

Atendendo a esta situación, na tese de doutoramento póñense a proba dúas técnicas alternativas. Por unha banda, o uso de dióxido de carbono supercrítico, que presenta un gran potencial para a extracción selectiva de compostos fenólicos. “Na extracción con fluídos supercríticos emprégase como disolvente un composto (dióxido de carbono, neste caso) en condicións de presión e temperaturas superiores ás do seu punto crítico.

 Nestas condicións, as propiedades do fluído supercrítico son intermedias entre un gas e un líquido, o que fai que o seu emprego sexa especialmente interesante en procesos de extracción, xa que se difunde como un gas, penetrando máis facilmente na mostra, e a súa densidade é comparable á dun líquido polo que favorece a solubilización dos compostos de interese", explica a investigadora, que subliña que "é barato, non tóxico e é gas en condicións ambientais, o que permite obter un extracto final libre de disolvente". 

Doutra banda, a investigación salienta que a concentración e/ou fraccionamento de compostos activos presentes en correntes líquidas pódese realizar eficazmente mediante tecnoloxía de membranas. “Esta tecnoloxía presenta vantaxes interesantes fronte a outros procesos convencionais de concentración como son o emprego de baixas temperaturas ou un menor consumo enerxético”, comenta Beatriz Díaz. 

Os procesos de filtración con membranas permiten separar compoñentes presentes nunha corrente líquida, actuando a membrana como unha parede selectiva deixando pasar uns compostos e impedindo o paso doutros.

Como conclusión xeral da tese, Díaz Reinoso recalca que pode dicirse que os procesos levados a cabo resultaron "eficaces e de fácil implementación" para a obtención de produtos con actividade antioxidante. Os produtos finais obtidos presentaron actividades antioxidantes similares ás de distintos antioxidantes sintéticos. 

Ademais, engade a investigadora, os produtos obtidos a partir de vinazas de viño branco ou ourizos de castiñeiro non presentaron irritabilidade en pel polo que poderían resultar útiles na formulación de cosméticos. Estes resultados atópanse recollidos nun total de seis traballos publicados así como nunha patente realizada conxuntamente coa Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, informa Rosa Tedín no DUVI."               (Galicia Confidencial, 30/05/16)

24/9/12

Apertura do composteiro comunitario e reparto do compost en San Sadurniño

"Despois dun ano da instalación do composteiro comunitario no concello de San Sadurniño, o próximo xoves 20 de setembro ás 12:00 h procederemos a súa apertura e retirada do compost.

Este composteiro foi instalado no centro do concello, no lugar de Outeiro. Durante este primeiro ano este composteiro foi asumindo os restos orgánicos das veciñas e veciños de San sadurniño, ademais dos restos do bar e supermercado do pobo. Restos orgánicos que xa se transformaron en compost, un produto hixiénico con gran poder fertilizante que será devolto a terra.

 Restos orgánicos (restos de comidas, froitas, pelas, herba, follas…) que evitaron ser transportados e incinerados en SOGAMA, e dicir transformados en fumes e dioxinas. 

O concello de San Sadurniño aposta pola compostaxe implicándose neste tipo de iniciativas máis sostibles co medio, o xoves as veciñas e veciños terán a oportunidade de comprobar os resultados e tamén poderán levar o compost para a súas casas, ben para a horta ou para as plantas do xardín."              (MundoGaliza, 19/09/2012)