Mostrando entradas con la etiqueta Antropologia campesina: pobreza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antropologia campesina: pobreza. Mostrar todas las entradas

3/8/21

Adelina a 'Jabalina', a muller do saco que a todos asustaba e "tan ben cantaba nas misas"

Adelina Franco 'A Jabalina' en Santa María de Xeve. | Fonte: Fonte: Ángela Rivas Fontán.

 "A Jabalina de Xeve foi unha muller que naceu aló polo 1912. Alta, sucia e vestida con trapos. "Parecía un espantallo" e os nenos tíñanlle medo. A historia de Adelina Franco agocha unha historia triste pero que fixo rir a moitos. Quedan poucos, pero algúns aínda a recordan.

 A historia de Adelina a Jabalina é unha desas historias nas que unha persoa, por mor das súas singularidades, se convirte en personaxe. En patrimonio inmaterial dunha vila, imaxinario colectivo das xentes. Chamábase Adelina Franco e foi unha muller moi alta, de pelo curto e pel cuberta de costras, moura, de ollos fondos, andaba descalza, vestida con trapos, ao lombo con sacos e un can pequecho ao que chamaba Luisiño. 

Natural de Xeve e de sobra coñecida tamén por Pontevedra, andaba pola rúa e aínda que tiña propiedades, cobizábase en recunchos. Vendía leña, non lle daba para moito, pero non vendía o carballo. "Iso véndese unha vez e nada máis", dicía. E como andaba sempre sucia dicíanlle que se fora lavar e ela contestaba: "tanto lavarse, tanto lavarse, así hai tanto tuberculoso". Non facía dano a ninguén pero os nenos tíñanlle medo.Tan alta, descalza, con sacos e así como vestía "era como mirar para un espantallo", di Ángela Rivas Fontán, que non lle tiña medo pero si "moito respeto".

Hoxe non hai tantos que poidan falar dela porque "os vellos xa case morreron todos". Pero Ángela Rivas (Lita) si a coñeceu ben, con 15 ou 16 anos, cando Adelina ía pola súa casa e lle pedía á súa nai, Dolores, unha cunquiña de viño e algo para meter na boca. "Ai, Dolores, pola almiña de quen che vai alá...", lembra que lle dicía. Entón Dolores dáballe viño e algo de comida e aí sentaba no chan de Santa María.

Sucedía cada certo tempo porque Adelina non andaba sempre pola aldea, aparecía e desaparecía: "andaba fóra e collía o tren ata Redondela ou marchaba para Santiago e como non collía billete botábana sempre, pero ela baixaba e subía no seguinte e así recorreu toda España". Nunha desas, recorda, foi a Madrid co seu pai e xa ninguén volveu ver nin saber de Severino. Preguntábanlle que fora del pero ela non contestaba. O irmá de Ángela, Manuel, dicíalle: "e logo que fixeches co teu pai, embarcáchelo?". E Adelina contestaba "si, embarqueino".

- Pois xa me podías embarcar a min tamén.

- Non, xa teño a embarcación completa.

Era un muller moi seca, moi seria, que daba moi boas respostas. Lita lembra como a súa amiga Maruja Ameijeiras falaba coa Jabalina: "preguntáballe sobre xeografía e política e Adelina sabía moito, tiña moitos libros". Era moi difícil de enganar porque era moi lista e moi desconfiada, di, pero unha vez o seu irmá Manuel conseguiuno. Gustáballe moito facela rabiar e deulle un papel e retouna a firmar para ver se sabía escribir. "Que vas saber saber ti..." Ela díxolle que si sabía e cando firmou, Manuel espetoulle: "alá che vai todo o capital". Ela non o acababa de crer pero aínda así toleou e berraba polo pai deles: "Juanito, Juanito, vén aquí que ese teu fillo está loco!".

Esa é unha das historias que recorda Ángela Rivas, pero hai outras. Recorda cando andaban na finca unhas xornaleiras e Adelina se xuntou a elas. Púxose a sachar a viña mentres as escoitaba falar das malas linguas, que dicían que os fillos dunha delas eran fillos dun cura. Falaban e falaban e Adelina non dicía nada. A xornaleira aludida defendíase e dicía que non era certo, falaban e falaban, Adelina escoitaba. Pero cravou o sacho na terra e dixo: "eu críache millor". Porque para a Jabalina era mellor ter fillos cun crego que co "ghrilo" co que andaba casada.

Sobre os seus amores ninguén soubo moito nunca. Só que cando lle preguntaban que por que non tiña fillos, ela contestaba "eu dixen que fillos non quería, porque mira, eu sonche moi ghrande e o fillo podía ser alto coma min, e altos non hai ninghún listo". Tamén, conta Ángela Rivas, disque andaba namorada dun tal Salvador que ninguén coñecía "pero non mirou para ela. Sabíase porque falaba soa, como cantando "Ai Salvador, non me quixeches, Salvador..".

O certo é que a loucura da Jabalina tiña razón de ser. Cando tiña vinte anos morréralle a nai e segundo conta Ángela Rivas, ese foi o momento no que "houbo un curtocircuíto". Non o único, tampouco. Porque lembra tamén que foi máis tarde cando se volveu "realmente tola". Ía á fonte a coller auga cos cántaros e había unhas rapazas que se metían moito con ela: "non sei que lle dicían pero o caso é que se metían con ela e Adelina, farta de seguirlles a corrente, enfadouse e cravou na espalda dunha un compás que levaba con ela".

Lita non o viu, conta, pero lembra á súa nai Dolores falar de Adelina como unha rapaza "moi guapa, ben feita, e que cantaba moi ben nas misas".                (Alicia Casas, Galicia Confidencial, 20/06/21)

18/10/19

A pobreza cébase co rural galego

"A crise demográfica fai que a riqueza se concentre cada vez máis nos grandes núcleos de poboación. Oleiros mantense como o concello con maior renda per cápita da Galiza e figura xunto cos da Coruña e Santiago de Compostela entre os 50 máis ricos do Estado español. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza. 

O 17 de outubro foi o día elixido polas Nacións Unidas como o Día internacional para a erradicación da pobreza para pór en valor a loita das persoas que se atopan nesta situación e que empregan a súa experiencia para contribuír á súa erradicación. Na Galiza, case unha de cada catro galegas (23% da poboación) forma parte do colectivo en risco de pobreza ou exclusión social. 

Son 4 décimas máis que o ano pasado, segundo reflicten os datos da Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao exercicio 2018. Ben é certo que desa cifra 13,1% da poboación está afectada unicamente por un dos factores, o que se refire a situacións de risco de pobreza relativa, mentres que 3,7% das galegas atópase en situación de privación material severa. 

As persoas afectadas polos tres compoñentes da taxa AROPE, a que mide o risco de exclusión e de pobreza, alcanzan na Galiza a 1,1% da poboación, o que supón algo máis de 30.000 persoas en risco de pobreza relativa, privación material severa e baixa intensidade laboral. Segundo apunta a Fundación Fomento de Estudos Sociais e Socioloxía Aplicada (Foessa) no seu Informe sobre Exclusión e Desenvolvemento Social na Galiza, perto de dous millóns de galegas viven alleas a situacións de exclusión social ou pobreza monetaria, mentres que 198.000 atópanse no grupo máis desfavorecido, no que á pobreza económica súmase a exclusión social. 

Fenda de xénero


Outro indicador sobre a situación económica das galegas é a Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga), que o pasado ano beneficiou 14.338 persoas. O perfil de receptor desta prestación autonómica, segundo o Informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social encargado pola Consellaría de Política social da Xunta, corresponde a unha muller de entre 35 e 54 anos que vive de aluguer, soa ou con familiares ao seu cargo, con estudios primarios e nun municipio de máis de 50.000 habitantes. 

De feito, as mulleres representan 63% das beneficiarias desta prestación. En canto á formación das persoas que perciben esta renda, 7,2% rematara a secundaria ou tiña estudos superiores. E no que atinxe ás problemáticas asociadas á súa situación, 14,8% eran persoas estranxeiras de fóra da Unión Europea, 14,2% persoas cun algún tipo de discapacidade, 13,7% sustentadoras de familias monoparentais, 10% por pertenza a unha minoría étnica, 3,1% por dependencia das drogas e 1,5% con problemas de alcoholismo. 90% de todas elas coa problemática común de non ter traballo.


Os efectos da crise


O duro golpe da crise tamén pasou factura na sociedade galega e contribuíu a marcar aínda máis as desigualdades. Entre 2008 e 2017, o único grupo que acusou unha perda de renda foi precisamente o 20% más pobre; as persoas ricas experimentaron un moderado incremento dos seus ingresos, mentres que a maior alza rexistrouse en 60% da poboación que constitúe as clases medias. Esas mesmas clases medias están a padecer agora o problema do acceso á vivenda, que é un dos factores que condiciona a economía de calquera familia. Segundo un informe da Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE), alugar un inmoble na Galiza é hoxe 13% máis caro que antes da crise, mentres que mercalo é 21% máis barato. 

Aínda así, as galegas deberían dedicar oito anos e medio de salario íntegro para custealo. A alza no prezo dos alugueiros débese fundamentalmente ao incremento da demanda. Comprar un piso hoxe en día é un luxo para moitos. Os soldos non dan para pagar os altos prezos da vivenda en propiedade e as dificultades para acceder a unha hipoteca son outra importante barreira de acceso. Esta situación leva a xuventude a optar polo alugueiro, aínda que tamén hai un crecente compoñente ideolóxico en contra da propiedade, xa que a inestabilidade do mercado laboral non pode garantir a continuidade dun traballador nun mesmo lugar por moito tempo. 

Pero na suba dos alugueiros tamén influíu o cambio de tendencia nas persoas propietarias que buscan converter a súa vivenda nunha fonte de ingreso, na que cada vez cobran maior importancia os alugueiros vacacionais, xa que xeran moito máis beneficio, a pesar das implicacións fiscais e económicas que conleva o feito de ser unha actividade regulada que obriga o propietario a estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas. Cobrar 60 euros ao día dun turista pode ser máis rendíbel que asegurar 600 euros dun inquilino ao mes.


A riqueza vai por barrios


Relacionado coa maior oferta de empregos nas cidades ou non, os datos do INE certifican a concentración de rendas nas grandes áreas urbanas en detrimento das zonas rurais. Así, na comarca da Coruña concéntranse as rendas máis altas, sendo o Concello de Oleiros o que lidera o listado, cunha renda media por fogar de 41.150 euros. Xunto con el, A Coruña e Santiago de Compostela, con 34.068 e 31.973 euros por fogar concentran boa parte da riqueza na Galiza e sitúanse ademais entre os 50 concellos do estado español con maior renda por habitante. 


As outras clases de pobreza 


Ter emprego hoxe en día tampouco garante escapar da pobreza. Segundo a Organización Internacional do Traballo, unha de cada dez traballadoras é pobre como consecuencia da caída dos salarios. As persoas expertas consideran que esta nova realidade ten moito que ver coa maneira en que se enfronta a crise e as políticas comerciais que levaron a deslocar moitas empresas para abaratar custos. Con rendas baixas, as familias ven como a factura da luz leva boa parte dos seus fondos, o que as obriga a prescindir ou restrinxir o uso da calefacción no inverno ou a optar por alternativas máis perigosas como o uso de candeas. 

É a chamada pobreza enerxética, fogares nos que non poden ser satisfeitas as necesidades básicas de subministracións de enerxía polo baixo nivel de ingresos. Unha situación que pode verse agravada por non ter unha vivenda eficiente. Na Galiza afecta en maior ou menor medida a un de cada dez fogares. Para evitar esta situación, á parte dos bonos sociais e eléctricos, existen mecanismos como as restricións aos cortes de subministración, axudas á rehabilitación e eficiencia enerxética e medias de concienciación social. O problema é que na Galiza segue existindo a fenda entre o rural e a cidade e non todos os trucos serven para as mesmas situacións, e menos cando existen diferenzas tan notábeis no nivel de renda, e o kilovatio segue a costar o mesmo en Oleiros que en Avión.


[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]"                    (Pablo Barro, Sermos Galiza, 17/10/19)