Mostrando entradas con la etiqueta Subdesarrollo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Subdesarrollo. Mostrar todas las entradas

15/10/21

Feijóo é non só un xestor mediocre, senón, ademais, un líder de provincias: carece de visión, e de peso, para decidir grandes políticas de Estado beneficiosas para Galicia... Para o PP Galicia é importante por dous motivos: polo aporte de votos e deputados, e porque Galicia é a única nacionalidade histórica, con idioma propio, que goberna... Sen Galicia sería practicamente, un partido da España central e do sur, da España monolingüe. ¿Pódese gobernar España sobre esa base? Pero Feijóo non obtivo desa posición estratéxica ningunha capacidade de negociación favorable a Galicia nin tan sequera cando o PP gobernaba en Madrid... ¿No retorno da AP-9? ¿Nun plan para Ferrol? ¿Nunha industria eólica na que se contemplen os dereitos da comunidade e dos veciños?... a confianza dos cidadáns no mesmo Feijóo é, en realidade, pequena... pero é aínda maior a desconfianza nas virtudes da oposición

 "A España baleira e o eixe mediterráneo son os grandes temas da axenda da política territorial hoxe en España. 

Non cabe dúbida de que o fenómeno de fondo, que explica a aparición da candidatura de La España Vacía, despois do éxito de Teruel Existe, vén dado pola repentina conciencia de que Madrid é hoxe unha cidade global, unha métropole de servizos -o 84% da economía madrileña está centrada nese sector- rodeada por un baleiro de poboación.   

 O outro grande polo de actividade, por suposto, é o eixe mediterráneo, de Cataluña e Valencia a Andalucía -o de Alxeciras é hoxe o porto máis importante de España en volume de tráfico- cunha Y grega de Euskadi a Zaragoza.

Pero Galicia, polo momento, foi incapaz de converter o desenvolvemento do arco atlántico en política de Estado. Farían ben BNG e PSdeG en estudar e poñer o acento sobre este feito, do que dependen en boa medida as oportunidades de traballo das xeracións futuras. 

Un exemplo: o sistema portuario español pechou 2020 con 515 millóns de toneladas movidas. Os cinco portos galegos moveron 28 millóns de toneladas. Ningún dos galegos está entre os dez máis importantes de España. Pero a súa posición estratéxica nas rutas mundiais fai que a marxe para o crecemento sexa enorme. 

O problema de Feijóo reside en que, a efectos prácticos, é non só un xestor mediocre, senón, ademais, un líder de provincias: carece de visión, e de peso, para decidir grandes políticas de Estado beneficiosas para Galicia.  

Para o PP Galicia é importante por dous motivos. Por unha banda, polo aporte de votos e deputados; por outra, porque Galicia é a única nacionalidade histórica, con idioma propio, que goberna. Sen Galicia sería practicamente, un partido da España central e do sur, da España monolingüe. Pódese gobernar España sobre esa base? Non é unha pregunta retórica. 

Pero Feijóo non obtivo desa posición estratéxica ningunha capacidade de negociación favorable a Galicia nin tan sequera cando o PP gobernaba en Madrid. Só estivo atento a postularse como candidato in pectore da dereita española, sen atreverse a facelo cando chegou o momento.  

 Pódese, de feito, preguntar: alguén pode citar algún ámbito no que esa capacidade de negociación se fixera efectiva para desenvolver algunha iniciativa? No retorno da AP-9? Nun plan para Ferrol? Nunha industria eólica na que se contemplen os dereitos da comunidade e dos veciños?  

Málaga estáse convertendo nun hub tecnolóxico. Non hai ningunha posibilidade de que algo semellante suceda aquí? Non hai talento entre nós? A colaboración entre a Universidade de Braga e as galegas no ámbito da nanotecnoloxía é un dos moitos polos tecnolóxicos a incentivar... Se hai ideas e proxecto. 

Tan inexistente é esa capacidade que ata o chamado Corredor Atlántico ferroviario ía, no deseño orixinal, da fronteira francesa a Madrid e dende aí a Porto e Lisboa. Ata o Club Financiero vigués viuse obrigado no seu momento a dicir algo.  

Só dende hai pouco comezouse a planificar, xa co ministro Ábalos, un ramal a Galicia por León, pero sen que os orzamentos acaben de concretarse, nin a conexión con Portugal dende Vigo. É unha planificación ferroviaria que nos retrotrae ao século XIX.  

 Pero o tren é o futuro, sexa para persoas ou para mercadorías. Para articular Galicia internamente ou para levar mercadorías a longa distancia. Os trens de cercanías deberían ser o principal medio de transporte de pasaxeiros dentro de Galicia e substituír, na medida do posible, o tráfico por estrada das mercadorías. Un dato: o aéreo é un medio de transporte altamente contaminante, nada menos que o triplo dun automóvil e vinte veces máis que un tren convencional. 

A cuadrícula noroeste da península está en declive. Dende logo, Galicia non é Zamora ou León, e, como nesas provincias castelás, o nivel de vida mellorou nas últimas décadas -moito, se se quere- pero o peso do PIB de Galicia en relación ao total español decaeu nos últimos lustros e as perspectivas demográficas son aterradoras. Son datos obxectivos, indiscutibles. 

Tal vez a continuidade humana e urbana dende A Coruña ata Lisboa poidera introducir outros matices e ofreza algunhas opcións. É urxente explorar as complementariedades e as especializacións respectivas para crear un círculo virtuoso. Vista dende o aire, a Península consiste en dúas costas con Madrid no medio rodeada pola España baleira. Pero a costa atlántica apenas si existe para a mentalidade dominante nos poderes do Estado, movidos por outros intereses. 

Non cabe dúbida de que os servizos públicos en Galicia dependen dos criterios do financiamento autonómico en España pero o desenvolvemento da economía propia, se ben pode ser promovido polo sector público antes ou despois corresponde ao sector privado. 

O goberno de Feijóo, oficinistas con manguitos, xestionou os primeiros con maior ou menor acerto -máis ben menor- pero pouco aportou nestas décadas para favorecer o segundo. De aí a perda de peso da actividade económica e a perda de poboación. O economista Albino Prada, usando datos de Eurostat, o INE e o IGE, entre outras fontes, concluíu en 2020 que, tomando como referencia unha ducia de indicadores, a situación económica de Galicia tiña empeorado, na década anterior, en dez deles. 

 O PIB por habitante pasou do 83 ao 75 tomando como referencia a media de UE=100, pero tamén baixou o peso do PIB e do emprego galegos en España. Nos últimos 25 anos, Galicia recibiu menos do 1% do investimento estranxeiro realizado en toda España, moi por debaixo do seu peso porcentual. Madrid, no entanto, incrementa a seu poder de atracción mediante o dumping fiscal. Sería moito peor sen Inditex ou Citröen, ou a pesca e os seus derivados. 

En todo caso, a continuidade urbana, humana, económica e social de Galicia e Portugal é un feito evidente e innegable, máis dende a desaparición da fronteira e a integración na UE. En dez anos o AVE, por iniciativa portuguesa, unirá Vigo e Porto nunha hora e A Coruña e Lisboa en tres horas e media. Grande número de empresas galegas están radicadas en Portugal. Se Galicia non espabila quedará atrasada, mesmo en relación ao veciño portugués. O certo é que Portugal ten un deseño de futuro e Galicia non.  

Así que as dúas tarefas fundamentais dun goberno galego consisten en negociar de modo apropiado o financiamento autonómico e promover o desenvolvemento do sector privado. Se se quere, xestionar ben e ter un modelo económico e social de país.  

Como queira que un hipotético goberno alternativo ao do PP, ineficiente e sen ideas, dependería dunha coalición entre BNG e PSdeG-PSOE -pode que tamén do apoio de Unidas Podemos- está claro que a forma de evitar a colisión entre os posibles socios sería elaborar un documento programático que especificara moi concretas medidas e obxectivos. 

Teño para min que a confianza dos cidadáns no goberno do PP ou no mesmo Feijóo é, en realidade, pequena. Máis pequena do que suxire a opinión publicada. En realidade, o grande hándicap para un goberno alternativo e a grande baza do actual presidente é a aínda maior desconfianza nas virtudes da oposición.  

Elaborar un programa concreto e facer visible que dispoñen de persoal confiable para desempeñar a xestión nos diferentes niveis da administración son os dous grandes retos tanto de Ana Pontón como de Gonzalo Caballero, ou de quen substitúa a este último, dado que todo o mundo parece dalo por amortizado.  

Todo iso, se poden.  Hai unhas semanas Ignacio Camuñas foi noticia porque, á beira de Pablo Casado, atribuíulle á República a responsabilidade da Guerra Civil e negou que Franco dera un golpe de Estado. Iso foi motivo de escándalo, pero o que pasou máis desapercibido é que, acto seguido, Ignacio Camuñas instou a Casado a cambiar a Lei electoral para prohibir aos partidos nacionalistas por "traición a España" (sic). 176 deputados abondan, afirmou. Na súa opinión hai que desmontar o Estado Autonómico para volver a unha planta de Estado centralista.

Cada vez oénse máis voces así nunha dereita que ama a radicalización. Unha lei electoral á medida dos que votan ben, impediría, virtualmente que PSOE-UP gobernen. A dereita extrema dáselle moi ben prohibir a realidade. Din que son conservadores, pero non se ve ben que queren conservar. E pouco hai de calmado neles, máis ben unha desinhibición adolescente, chulesca no caso de Ayuso, moi da era dos trolls e das redes sociais.

A dereita está dinamitando os consensos cunha política de machado. A través da axitación e a propaganda busca impoñer unha visión de España autoritaria e centralista -os dous aspectos son caras da mesma moeda en España- allea a todo sentido de pacto ou transacción. A tal punto que a Transición hoxe non sería posible con esa actitude.  

Pode que, de gobernar PP-Vox, consigan o obxectivo. Nada está escrito. A pregunta é a que prezo, con que feridas, con que roturas e con que pesares e desolacións. E se despois será posible recoser e suturar. (...)"                      (Antón Baamonde , eldiario.es, 10/10/21)

30/8/21

Galicia 1981-2021 - Catro decadas e todo segue igual... entón falábase como hoxe, verbas, e máis verbas: "Gustaríame pensar que seremos capaces de rachar co camiño polo que vai Galicia, envellecida pola falta de futuro para a mocidade"

 "Hai 40 anos, no período que vai do 21 de decembro de 1980, no que se aprobou en referéndum o Estatuto, ao 20 de outubro de 1981, cando se celebraron as primeiras eleccións ao Parlamento, Galicia comezou a concretar a súa autonomía política.

 Nestas catro décadas afondouse nela e en transformacións non só políticas senón da sociedade en xeral que ao longo das cinco fins de semana de agosto repasamos con cinco persoas representativas dun ou doutro xeito dos cinco grandes gobernos que tivo a Xunta (Albor, Laxe, Fraga, Touriño e Feijóo). 

Todos foron tamén deputados nalgún momento e polo tanto electos pola cidadanía, e pola diversidade das súas orixes xeográfica, profesional, partidista ou por idade axudan a configurar unha imaxe transversal dos últimos 40 anos de Galicia, que se complementa co podcast Retrocorenta no que ao longo deste ano vimos facendo un exercidio de memoria colectiva.

Tras as catro primeiras entregas da serie con Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, Fernando Salgado, Pilar Rojo e Teresa Táboas, o quinto presidente que tivo a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, contou con Agustín Hernández (Madrid, 1961) como conselleiro Medio Ambiente e Infraestruturas entre 2009 e 2014.

 Pero este galego de adopción neofalante que comezou a vivir en Galicia con 25 anos xa fora director xeral de Obras Públicas con Fraga entre 1998 e 2005, traballara despois para a Deputación de Pontevedra e ao saír da consellería seguiría coñecendo outros postos como o de alcalde de Santiago entre 2014 e 2015 ou o de presidente do Consello Económico e Social que ocupa actualmente.

¿Que facía Vostede en 1981 cando se aprobou o Estatuto?

No curso 80/81 estaba no segundo ano da Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos en Madrid. Era o curso máis complicado posto que era o primeiro ano con materias específicas da profesión, o que marcaba que continuaras coa carreira ou que abandonaras. Era moi esixente e polo tanto foi un ano de encerro e de estudo.

Xa pensaba na política? En que momento os cargos técnicos que foi ocupando pasaron a ser políticos?

Eu comecei como director xeral desde unha vocación totalmente técnica. O salto á política xurdiu como consecuencia de que tras entrar nunha estrutura pola porta técnica, dáste de conta de que se non te involucras, se non das o paso, podes quedar sen unha proxección que che interesa, profesional e no ámbito da xestión pública, e daquela involúcraste máis. Con independencia de que estás situado onde ideoloxicamente estás cómodo, claro. Pero eu como director xeral, entre 1998 e 2005, non estiven afiliado ao PP. Na oposición Alberto pediume que me implicase, en 2006, e cando gañamos as eleccións chamáronme do partido porque non atopaban a miña ficha para o congreso interno que celebramos. Díxenlles que non a atopaban porque non estaba afiliado, así que aí me afiliei. O que buscaban en min era un currante que resolvese problemas. 

Cal foi o principal cambio de Galicia nestas catro décadas?

Comecei a vivir en Galicia en Febreiro de 1987, polo que a miña referencia temporal arranca nese ano. O avance foi inmenso dende entón. Especialmente no referente aos equipamentos e infraestruturas de todo tipo: as tecnolóxicas, as educativas, as sanitarias, as culturais, as viarias, etc... Ese salto cara á modernidade tamén significou un cambio de mentalidade e unha apertura de Galicia cara o exterior. Durante estes anos a proxección de Galicia cara ao exterior, en España e no mundo, incrementouse dunha forma moi notable. Probablemente a difusión do fenómeno Xacobeo, como algo máis que un acontecemento exclusivamente relixioso, tivo moito que ver.

Cal foi a medida política tomada no marco das competencias autonómicas que considera máis importante neste tempo?

 Quizais non sexa a máis importante pero considero que foi transcendente: A aprobación da Lei 1/1982 de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia. Foi un primeiro paso para rachar cos enfrontamentos entre o sur e o norte de Galicia. Posibilitou o inicio dun período do impulso de Santiago de Compostela como a capital de todos os galegos.

Cal é a medida da que se sinte máis orgulloso de tomar ou de influír o de axudar a que se tomase?

Son consciente do grao de polémica que pode reflectir esta resposta pero sen dúbida foi a miña participación na posta en marcha do proxecto de Sogama. Era subdirector xeral da Xunta e participei no proxecto. Estamos falando de mediada a década dos 90. Galicia tiña centos de vertedoiros espallados pola súa xeografía sen control e causando un impacto inaceptable. O goberno decidiu impulsar un proxecto integral e global de recollida e tratamento do lixo para Galicia, que ademais fora innovador. Foi un proxecto xestionado con ambición técnica e tecnolóxica e tamén con moita negociación política para atopar un emprazamento que non xerara un rexeitamento que fixera inviable o proxecto. Houbo un comité de expertos que asesoraban ao goberno no que estaban personalidades da talla dos profesores Bao, Macías ou Redondo. E dende unha perspectiva máis sentimental e persoal, o viaduto da variante de Noia ten unha especial significación para min. Vivín en Noia durante anos e, sen desmerecer ningún lugar de Galicia, porque non podería elixir un, o Barbanza tenme conquistado. Ademais de facilitar as comunicacións entre as dúas marxes da ría, o viaduto é hoxe en día un referente na paisaxe.

Cal foi o seu peor momento como Conselleiro?

Sen dúbida a tarde-noite do 24 de xullo de 2013 en Angrois. Estiven no lugar do accidente desde os primeiros instantes ata altas horas da madrugada. Nunca esquecerei o que vin.

 Vostede é madrileño pero durante a súa actividade institucional sempre se esforzou por falar galego. A pregunta é sinxela: por que?

Considero que as institucións propias de Galicia "son en Galego” e polo tanto os responsables institucionais temos a obriga de expresarnos utilizando o galego. Desde o máximo respecto á liberdade individual e practicando o bilingüismo harmónico, os responsables das institucións galegas deben expresarse na nosa lingua. O que máis lamento é que, como aprendín a lingua “de oído”, non me expreso tan correctamente como quixera, teño importantes carencias léxicas e ortográficas pero, con todo, avancei moito no emprego do galego, tamén en relacións persoais, fóra do institucional.

Como variou a participación das mulleres en política nestes 40 anos?

Sen dúbida é un dos cambios máis intensos dos derradeiros anos. Pasamos en poucos anos de ser noticia que un goberno tivera unha muller entre os seus membros, a normalizar a presenza de mulleres en todos os ámbitos. O cambio foi intenso, aínda que queda percorrido para acadar unha normalización total da presenza da muller. Non precisamente no ámbito político, senón no referente aos postos de responsabilidade no ámbito da empresa, a educación ou a investigación. Hai que valorar o papel das primeiras mulleres que iniciaron esa senda, posto que é certo que fai uns anos as medidas de conciliación non eran as que existen hoxe en día e, a pesares diso, moitas mulleres percorreron o camiño dunha carreira profesional de éxito, superando ditas barreiras. 

Cando usou por primeira vez un teléfono móbil no exercicio dun cargo público?

Non me lembro. Penso que foi a finais dos 90.

E a primeira vez que usou internet?

Tampouco lle podo dar unha data exacta diso. Sei que tiven acceso antes no ámbito persoal que no desempeño da función pública. Como exemplo do avance tecnolóxico que vivimos nas últimas décadas, cando comecei a traballar no salto hidroeléctrico de santa Uxía de Ézaro, en Dumbría, ano 1987, tiñamos que percorrer uns 5 quilómetros para chegar ao que denominabamos o “bar do teléfono” que era o sitio con teléfono máis cércano desde a obra. Hoxe, e xa dende fai anos, podes contactar desde ese mesmo punto con calquera parte do mundo a través do móbil, ou ter acceso a internet. Xa sei que pasaron anos pero a min paréceme que foi onte.

Cal é a viaxe oficial que lembra máis accidentada?

O 13 de xaneiro de 1998, con motivo do accidente do Discoverer Enterprise encomendáronme dirixirme ao lugar dos feitos para supervisar sobre o terreo as actuacións a levar a cabo para resolver as incidencias xeradas pola rotura da ponte das Pías. Eu era responsable das obras hidráulicas da Xunta e coa rotura da ponte quedou sen servizo a tubaria de abastecemento a Ferrol co que a cidade quedaba sen subministro. Tardei moitísimo en chegar posto que o atasco era monumental. Temos que lembrar que daquela a AP-9 unicamente chegaba a Miño. Dende alí a única estrada era a Nacional. Estando xa en Fene, diante da popa do barco empotrado no viaduto, contactaron desde o gabinete da consellería para que foramos a Ferrol a unha xuntanza co director xeral de Estradas que viña de Madrid. Como non eramos capaces de acceder por estrada, dado o atasco, conseguimos cruzar a ría cunha lancha que pasaba xusto nese momento pola zona (desde a beira fixemos sinais ao piloto que amablemente nos cruzou á outra marxe). Aquel día o presidente da Xunta tiña axenda na illa da Toxa e desprazouse ata Ferrol en helicóptero. O vendaval era dos que facían época e aínda lembro as expresións de susto dos acompañantes do presidente, entre os que estaban varios conselleiros, cando baixaron do helicóptero e contaban a experiencia vivida. Lembro tamén como aquel accidente posibilitou que a reconstrución da ponte fora con catro carrís en lugar dos dous que tiña a ponte orixinal. Por parte da Xunta de Galicia fomos capaces de instalar en tempo récord unha tubaria nova polo fondo da ría para recuperar o subministro en poucos días. En concreto o servizo logrouse restituír en nove días. Por certo, obra executada por unha empresa galega de Santiago, Espina&Delfín.

Que obra de arte (música, literatura, arquitectura, pintura…) lle di a vostede máis sobre estes 40 anos en Galicia?

Sen dúbida, a rehabilitación e restauración da obra de arte de referencia en Galicia, a Catedral de Santiago, coas que se conseguiu achegarnos ao seu aspecto orixinal e desfrutala en todo o seu esplendor. Mencionar tamén a colección de arte do Parlamento de Galicia, especialmente a pintura. Non sei quen tivo a idea orixinal, pero cónstame que o presidente Santalices dá moita importancia a esa faceta do noso Parlamento: Pousa, Quesada, Peteiro, Criado, Lamazares, Laxeiro, Sucasas, Barreiro, Pulido e moitos outros. Gran idea a de recoller no Parlamento unha mostra ampla da arte galega contemporánea. E xa dende un punto de vista puramente sentimental, dúas expresións artísticas que me conmoveron e me deslumbraron dun xeito moi intenso: o concerto que celebrou Carlos Núñez en Castrelos o 18 de xullo de 2004 e a película Mar Adentro. Son dúas referencias que me sitúan mentalmente en Galicia en todo o seu esplendor, especialmente coa película de Amenábar polas súas paisaxes e música, tamén a clásica coa magnífica aria da ópera Turandot. Parece mentira que un director chileno e un actor principal nado en Las Palmas de Gran Canaria, Bardem, sexan capaces de conseguir ese grao de identificación con Galicia.

Como imaxina a Galicia de 2061, dentro doutros 40 anos?

Esta contestación ten, na miña opinión, dúas versións. Como creo que será Galicia e como me gustaría que fora. Penso que por desgraza Galicia vai camiñando cara a ser un territorio con inmensos espazos baleiros, cun gran desequilibrio entre a zona costeira, o eixo atlántico entre Vigo e A Coruña, e o resto do país. Un territorio no que as actividades económicas que xeran máis valor engadido (industria manufactureira, I+D+i, novas tecnoloxías, dixitalización, etc...) cada vez terán menos peso. Unha Galicia económicamente centrada nos servizos máis que no sectores industriais ou tecnolóxicos. Unha Galicia cun problema demográfico importante, envellecida pola falta de futuro para a xente moza. Fronte a esa tendencia, gustaríame pensar que entre todos seremos capaces de rachar con esa realidade e acadar unha Galicia máis próspera, capaz de xerar actividades de maior valor engadido aproveitando a súa riqueza natural e paisaxística. Ser capaces de poñer en valor o noso rural como fonte de produtos de proximidade e de gran calidade e tamén como lugar para vivir en base á utilización das novas tecnoloxías. Unha Galicia conectada física e dixitalmente, que pode competir con calquera outro territorio de España, Europa e o mundo en pé de igualdade, ofrecendo un atractivo territorial e climático inigualable. Unha Galicia que sexa capaz de fixar a súa xuventude ao seu territorio e tamén ser atractiva para xente de fora. Neste escenario Galicia podería, sen dúbida, ser un referente da península ibérica para vivir é prosperar." 

Podes reler aquí a serie de cinco conversas sobre a evolución de Galicia desde a aprobación do Estatuto hai 40 anos que fomos publicando ao longo das fins de semana de agosto."          (David Reinero, Praza Pública, 27/08/21)

13/12/07

Renta y salarios bajos, déficit público alto y servicios pésimos en la Galicia de Fraga, con subsidios europeos y bonanza económica

“EN CONTRA de lo que dicen sus detractores, no es cierto que Fraga Iribarne nos haya dejado en el furgón de cola de todas las magnitudes económicas. Porque si bien es cierto que nuestra renta y salarios son de los más bajos de España, que disponemos de servicios de pésimo nivel, que disfrutamos las pensiones más escuálidas del país y que llevamos diez años creciendo por debajo de la media, nadie puede discutirnos el honor de figurar entre las autonomías más endeudadas de España, sólo por detrás de Valencia y Cataluña. Los 3.326 millones de deuda que se contabilizan en San Caetano equivalen al 7,2% del PIB gallego. Y si fuese verdad que la ingeniería financiera del anterior ejecutivo consiguió disimular cerca de 800 millones más, alcanzaríamos un montante deudor de 4.100 millones de euros, equivalentes al 8,7% del PIB, sólo superados por el balance deudor (11,2%) que el gran Zaplana dejó en Valencia. (...)

Por si este razonamiento no fuese suficiente, conviene recordar que nuestra cabalgada deudora -la de Fraga, quiero decir- coincidió en tiempo y lugar con el maná de los fondos europeos, con los tipos de interés más bajos de la historia, con un decenio de bonanza económica que no tiene precedentes y con la expansión del sistema financiero de las comunidades autónomas. Y por eso hay que considerar como una gravísima noticia que esta afortunada combinación de oportunidades se haya resuelto en un decenio de clara divergencia entre la economía, los equipamientos y los servicios de Galicia y de España.” (XOSÉ LUÍS BARREIRO RIVAS: Galicia entera está en el diván. La Voz de Galicia - 27/10/2005 | Opinión)