Mostrando entradas con la etiqueta incendios forestales: soluciones. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta incendios forestales: soluciones. Mostrar todas las entradas

16/8/25

A loita contra as lapas da veciñanza de Chandrexa: “Ninguén nos preguntou nada, pero estamos preparados. Temos o noso propio plan de evacuación, comezando pola xente maior da aldea, e unha casa preparada para levalos alí. Sabemos por onde vai vir o lume se atravesa o río e por onde saír. Se miras agora a fachada da miña casa parece un expositor: temos colgadas as botas, os monos de traballo, os pallastros, todas as mangueiras estendidas... Meu pai pasou moitos días no monte apagando lumes e cada noite é quen de predicir o que vai pasar ao día seguinte, de verdade que ninguén pensa que sería bo falar coa xente que leva aquí toda a vida para saber mellor como enfrontar os incendios?”... A veciña de Acevedo conta que esa noite viron pasar moitos helicópteros, pero que ningún deixou caer auga sobre a súa serra. “Neste punto, e mira que é horrible que eu diga isto, podería entender que den por perdida a serra de Queixa e se centren en salvar as aldeas e as casas”... “Tal e como están agora as leis, nas terras queimadas non se pode pastar durante catro anos. Se cando a chegue a primavera non hai alternativa ningunha en dous anos pechamos e marchamos de aquí. Supoño que algo inventarán... Agora mesmo a xente sobrevivirá coa forraxe acumulada do inverno e tirando do penso, que seguro subirá de prezo" (Ana G. Liste)

 "Son as tres da mañá e o lume permanece activo no horizonte. Raquel, veciña da aldea de Acevedo, no municipio de Chandrexa de Queixa, vixía o avance das lapas pola serra adiante xunto a unha trintena de veciñas e veciños. Saben que se o incendio que afecta dende o 8 de agosto a este concello da comarca da Terra de Trives cruza o río Navea, tardará menos de dúas horas en chegar ao pé das súas casas.

“Ninguén nos preguntou nada, pero estamos preparados. Temos o noso propio plan de evacuación, comezando pola xente maior da aldea, e unha casa preparada para levalos alí. Sabemos por onde vai vir o lume se atravesa o río e por onde saír. Se miras agora a fachada da miña casa parece un expositor: temos colgadas as botas, os monos de traballo, os pallastros, todas as mangueiras estendidas...”, conta Raquel a Praza.gal mentres fai a comida.

A vida non para, nin sequera cando o lume ameazou xa varias veces as casas das aldeas de Vilar, Senra, Taboazas, Espasa, Zamorela, Requeixo, Bretelo, Forcadas, Parafita, Chao, Casteligo e Paradaseca durante estes días nos que case ninguén concilia o sono en Ourense.

Na madrugada do mércores 13 ao xoves 14 tiña toda a traza de que o lume ía atravesar o río Navea e chegar ata Acevedo “e de aí xa pode non parar ata o río Sil”, como alerta Raquel. “O río agora vai case seco, é un paso. Vendo isto, non sería necesario que un axente forestal ou algunha mente pensante se achegase ata aquí e falase coa veciñanza que está nesta situación de estrés desde hai unha semana vendo como arde toda a serra?”, pregúntase. A veciña de Acevedo conta que esa noite viron pasar moitos helicópteros, pero que ningún deixou caer auga sobre a súa serra.

“Neste punto, e mira que é horrible que eu diga isto, podería entender que den por perdida a serra de Queixa e se centren en salvar as aldeas e as casas”, di con pesar Raquel, que necesita explicar que as causas deste gran lume, que se vén de unir ao do Macizo Central ourensán superando as dez mil hectáreas queimadas, veñen de moi atrás: “Antes os pobos estaban cheos de xente con gando e todo estaba limpo, había cortalumes naturais. A xente foi marchando, cada vez hai menos animais pero ninguén fai nada, todo segue como cando aquí vivía moita xente que se ocupaba do terreo. Así claro que arde a terra, e arde moi profundamente porque nada llo impide, porque a maleza avanza de forma imparable mentres ningunha Administración pública fai nada en materia de organización do territorio ou xestión forestal”.

Todo o gando de Chandrexa de Queixa vai pastar á serra en primavera. “Que imos facer agora?”, exclama Raquel, que pide desculpas pola carraxe que sente ao falar da impotencia das veciñas e veciños. “Tal e como están agora as leis, nas terras queimadas non se pode pastar durante catro anos. Se cando a chegue a primavera non hai alternativa ningunha en dous anos pechamos e marchamos de aquí. Supoño que algo inventarán... Agora mesmo a xente sobrevivirá coa forraxe acumulada do inverno e tirando do penso, que seguro subirá de prezo. Vin onte unha imaxe de todas as vacas que lograron reunir os gandeiros concentradas na pista de esquí da estación de Manzaneda, déronme moita pena as vaquiñas, pero polo menos os gandeiros conseguiron salvalas. A ver que sucede agora...”, razoa.

Raquel conta que a moitos dos pobos non chegou ninguén e que se defenderon das lapas cos seus propios medios. Nunha aldea de Chandrexa foron un matrimonio e a súa filla de vinte anos os que defenderon as casas. “Alguén terá que dirixir isto”, afirma a ourensá. “Son consciente de que a situación é moi complexa, pero non vexo os medios que din que están traballando; non nego que estean, pero falta coordinación e información á veciñanza das zonas afectadas. Meu pai pasou moitos días no monte apagando lumes e cada noite é quen de predicir o que vai pasar ao día seguinte, de verdade que ninguén pensa que sería bo falar coa xente que leva aquí toda a vida para saber mellor como enfrontar os incendios?”, manifesta."                    (Ana G. Liste , Praza.Gal, 14/08/25) 

9/9/22

¿Hai propietarios de terreos queimando espazos protexidos da Rede Natura? Na maioría dos casos a clasificación ZEC da Xunta de Galicia “pareceu responder só á obriga legal de acadar unha superficie suficiente” e “tentou centrarse nas zonas menos poboadas, probablemente para conseguir unha menor oposición social”... as condicións socioeconómicas non se tiveron en conta durante o proceso de selección destas zonas... a poboación desas zonas perciben a rede Natura 2000 como un risco para as súas condicións de vida... se as zonas da Rede Natura 2000 fosen seleccionadas por criterios puramente ambientais, o número de incendios sería sen dúbida menor... é probable que se estean protexendo zonas que non posúen o valor ecolóxico necesario para ser protexidas, mentres que as zonas de alto valor ecolóxico queden desprotexidas

 "Investigadores da USC certifican que as hectáreas queimadas aumentaron nas Zonas Especiais de Conservación (ZEC) tras a súa declaración e suxiren que detrás deses lumes poden estar propietarios contrarios á Rede Natura. O científico Adrián Regos pide mudar as políticas antiincendios.

O estudo pode ser polémico, pero os datos falan por si sós. Os espazos protexidos como Zonas Especiais de Conservación (ZEC) da Rede Natura en Galicia arderon máis desde que adquiriron ese status. Así o evidencia un traballo realizado polo grupo de investigación PROePLA GI-1716, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que se demostra que, “tras a declaración de protección, se produciu un incremento estatisticamente significativo da superficie queimada por lume nestas zonas, principalmente en terreos particulares”. Isto apuntaría a unha intencionalidade por parte dalgúns propietarios de terreos como presuntos responsables de incendios. Cando menos é a hipótese que se baralla para explicar este aumento de lumes nas ZEC, onde se demostrou que “a declaración de protección non supuxo ningún beneficio para o réxime de incendios”, afirman os investigadores.

Gervasio López Rodríguez, Verónica Rodríguez Vicente e Manuel Francisco Marey Pérez asinan este traballo de investigación que abrangue o período 1999-2014. Como explican, desde a adopción da Directiva 92/43 do Consello da Unión Europea sobre conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, en Galicia “xurdiu certa oposición entre os propietarios e xestores dos terreos afectados pola directiva”. De feito, lembran que xa algúns estudos previos ao seu indicaron que “parte desta oposición atopou expresión en incendios provocados nestas zonas” tras ser declaradas ZEC. Con estes antecedentes, decidiron analizar a ocorrencia de incendios intencionados nas ZEC da Rede Natura 2000 en Galicia e nos montes veciñais en man común.

“Comprobamos se a declaración de ZEC tivo un impacto estatístico sobre o réxime de incendios forestais no período 1999-2014. As análises centráronse nos subperíodos 1999-2004 e 2005-2014, é dicir, antes e despois da aprobación da lista de lugares de importancia comunitaria”, detallan.

Para a investigación utilizáronse catro unidades territoriais diferentes: MVMC, ZEC, áreas de intersección entre MVMC e ZEC (MVMC-SAC) e áreas de MVMC que non se cruzan con ZEC (MVMC sen ZEC). E utilizáronse dúas medidas complementarias: a taxa de lumes (números de incendios/100 hectáreas) e a superficie queimada polo lume (hectáreas).

“Ante as diversas polémicas que acompañaron a Rede Natura 2000 dende a súa creación, foi necesario analizar o resultado que tivo sobre o réxime de incendios, xa que en Galicia a maioría dos incendios forestais son causados ​​polo ser humano. Neste sentido, un aumento do número de incendios forestais que se producen nas ZEC ou un aumento da superficie queimada poderían indicar un rexeitamento á Rede Natura 2000”, expoñen os responsables do estudo.

“Tamén foi necesario que o noso estudo se centrase nos MVMC, pola gran importancia que teñen no sector forestal en Galicia. Isto permitiunos observar as diferenzas que existen nos distintos tipos de propiedade”, engaden.

Así, os investigadores expuxeron tres preguntas de investigación: existe unha diferenza significativa no número de incendios e/ou na superficie queimada/incendiada antes e despois de 2004 nos ZEC?, existe unha diferenza significativa no número de incendios e/ou na zona queimada/incendia antes e despois de 2004 na zona de intersección MVMC-ZEC?, e houbo unha diferenza significativa nos réximes de incendios dos MVMC con ZEC e dos MVMC sen ZEC?

AUMENTO DA SUPERFICIE QUEIMADA NAS ZEC

Os resultados obtidos do estudo mostran que, tras a declaración dese status de protección, produciuse un incremento estatisticamente significativo da superficie queimada por incendios nas ZEC, principalmente en terreos particulares.

Tamén se constatou que a porcentaxe de incendios provocados posteriores a 2004 foi maior nas ZEC que noutras unidades territoriais. E descubriron que a porcentaxe de incendios provocados se reduciu menos nas ZEC que noutras unidades territoriais. Ademais, comprobaron que a superficie queimada por lumes despois de 2004 nas ZEC foi case o dobre que nas MVMC-ZEC.

Con estes datos, os expertos consideran que “as políticas conservacionistas da Rede Natura 2000 en Galicia non tiveron un efecto positivo sobre o réxime de incendios forestais”.

Os resultados obtidos no estudo mostran certas diferenzas no réxime de incendios nas ZEC e nos MVMC. As diferenzas atopadas nas ZEC, din, “son especialmente relevantes, xa que tamén afectaron a superficie queimada polo lume, que se incrementou notablemente nesta unidade territorial”.

Así, aínda que as porcentaxes de incendios forestais de orixe humana para cada zona de estudo foron practicamente idénticas, os datos mostran que foron maiores para os MVMC, onde ata o 91,97% dos incendios acontecidos entre 1999 e 2014 foron provocados polo ser humano ou como resultado de neglixencias. Do total de incendios forestais de orixe humana en Galicia entre 1999 e 2014, o 9,95% producíronse en ZEC.

Nas ZEC, a porcentaxe de incendios forestais de orixe humana foi do 91,14%. Tamén observaron que a partir de 2005 se produciu unha redución da intencionalidade (porcentaxe de incendios forestais de orixe humana), entre 5 e 6 puntos porcentuais. Non obstante, aínda que as porcentaxes de redución de lumes foron moi similares nas distintas unidades territoriais, a menor redución atopouse precisamente nas ZEC. E “malia a tendencia xeral á baixa, observamos que había unha maior intencionalidade nas ZEC”, salientan.

En canto á taxa de incendios forestais de orixe humana antes e despois de 2004 en cada unidade territorial analizada, a maior taxa de incendios forestais antes de 2004 acadouse no conxunto de Galicia (0,52 incendios/100 ha), seguida dos MVMC sen ZEC (0,51 lumes/100 ha). Despois de 2004 xeneralizouse a redución da taxa de intencionalidade, aínda que maior en MVMC e MVMC sen ZEC. “Despois de 2004, a taxa de incendios forestais para os distintos grupos territoriais analizados tendeu a converxer, con valores moi próximos entre todos eles, de tal xeito que os ZEC non parecen beneficiarse do mesmo descenso que os demais grupos de estudo”, sinalan.

Unha análise máis detallada dos resultados obtidos comprobou que a superficie queimada polo lume aumentou significativamente a partir de 2004 en todas as categorías territoriais estudadas. Pero a maior porcentaxe de incremento produciuse nos MVMC, onde a superficie queimada aumentou un 233,36%, así como nas ZEC, onde o incremento foi do 232,68%. É máis, nas ZEC, a superficie queimada foi mesmo a maior de todas as categorías estudadas. Mentres, nas zonas de intersección MVMC-ZEC o incremento porcentual foi o menor, o que para os investigadores “pode indicar que o réxime de propiedade influíu en certa medida no réxime de incendios”.

En relación ao réxime de propiedade, o único grupo territorial no que se produciu unha redución da superficie anual queimada entre 1999–2014 foi o MVMC–ZEC (30,96%). Isto, para os investigadores, supón que, “malia o incremento da superficie queimada por incendios forestais no período de análise, a redución do número de incendios compensaba os danos provocados, circunstancia que non se constataba para o resto de grupos territoriais”.

Na análise da intencionalidade nas ZEC, chama a atención que aínda que a partir de 2004 se produciu un descenso significativo do número de incendios, a superficie afectada polo lume foi moi superior a partir dese ano.

No que respecta aos MVMC con interseccións coas ZEC, non houbo diferenzas significativas na superficie afectada polo lume a partir de 2004, aínda que si houbo diferenzas significativas na taxa de incendios forestais. Non obstante, os científicos cren que esta redución podería corresponder ao descenso xeral observado tamén no conxunto de Galicia, polo que “non é imputable en primeiro lugar á aprobación do decreto autonómico que regula estes espazos protexidos”.

“Cómpre lembrar que nas ZEC existían diferenzas significativas na superficie afectada polos incendios forestais, polo que esa diferenza podería correlacionarse con cambios nas propiedades privadas. Noutras palabras, se existisen diferenzas significativas nas ZEC e non existisen diferenzas significativas nos MVMC-ZEC, estas diferenzas poden deberse ás propiedades privadas das ZEC”, expoñen.

Por último, observouse a ausencia de diferenzas significativas, tanto na taxa de incendios forestais como na superficie queimada despois de 2004, tanto para MVMC-ZEC como para MVMC sen ZEC.

“Polo tanto, a declaración oficial da Rede Natura 2000 non parece ser determinante na dinámica dos incendios forestais estudados. Este resultado corrobora o observado con respecto ás propiedades particulares, xa que neste caso a presenza das ZEC non parecía ter ningunha consecuencia”, apuntan.

“REXEITAMENTO Á REDE NATURA”

Así, e segundo os resultados obtidos, conclúen que “a Rede Natura 2000 non tivo un efecto moi positivo sobre o réxime de incendios forestais nas ZEC”.

De feito, o “importante incremento da superficie queimada” observado nestas zonas “parece indicar un certo rexeitamento á Rede Natura 2000, principalmente por parte de propietarios de leiras privadas e non de propiedade comunal como os MVMC”, explican.

Con todo, recoñecen que “este aumento pode deberse a moitas outras causas non analizadas neste estudo”, polo que consideran necesarias máis investigación que “deberían centrarse na posible relación entre a aparición de incendios e o réxime de propiedade” para aclarar este asunto, ademais de “ter en conta as condicións socioeconómicas dos espazos protexidos, xa que se a poboación desas zonas perciben a rede Natura 2000 como un risco para as súas condicións de vida, dificilmente a aceptará”.

MUDAR CRITERIOS NA CLASIFICACIÓN ZEC

Os expertos tamén ven “necesario analizar se os criterios empregados pola Rede Natura 2000 na súa clasificación son os máis axeitados”, xa que aínda que a directiva establece que “se deben ter en conta os requisitos económicos, sociais e culturais”, estes autores lembran que “as condicións socioeconómicas non se tiveron en conta durante o proceso de selección” destas zonas. 

 “En consecuencia, se os criterios non son axeitados, é moi probable que o resultado obtido sexa moi desfavorable ou que exista algunha oposición social”, din.

Os investigadores están convencidos de que “se as zonas da Rede Natura 2000 fosen seleccionadas por criterios puramente ambientais, o número de incendios sería sen dúbida menor, como mostran as estatísticas oficiais para as ZEC que teñen un valor ambiental destacado”. De feito, apuntan, “que estas ZEC teñan un alto valor ecolóxico débese á ausencia de incendios forestais”.

Porén, critican que na maioría dos casos a clasificación ZEC da Xunta de Galicia “pareceu responder só á obriga legal de acadar unha superficie suficiente” e “tentou centrarse nas zonas menos poboadas, probablemente para conseguir unha menor oposición social”. Tanto é así, que, como mostran no seu estudo, a Rede Natura 2000 sitúase principalmente nos concellos máis despoboados de Galicia e naqueles concellos onde se produciu unha maior perda de poboación entre 2001 e 2014.

“Actuando deste xeito, é probable que se estean protexendo zonas que non posúen o valor ecolóxico necesario para ser protexidas, mentres que as zonas de alto valor ecolóxico queden desprotexidas”, comentan.

Para López Rodríguez, Rodríguez Vicente e Marey Pérez, “o éxito da Rede Natura 2000 dependerá, en boa medida, de favorecer o desenvolvemento socioeconómico da poboación residente nos terreos protexidos (o que tería o efecto prexudicial de favorecer o abandono dos terreos), ou, preferentemente, permitir o aproveitamento económico que tradicionalmente se produciu nos terreos protexidos”. Neste sentido, lembran que “foron as comunidades locais as que, mediante unha xestión sostible dos recursos, conservaron ata agora estas terras”.

MUDAR A XESTIÓN DO TERRITORIO E DOS LUMES

A última vaga de incendios en Galicia, que arrasou máis de 30.000 hectáreas, maiormente nas provincias de Lugo e Ourense, afectando zonas protexidas e de enorme valor ecolóxico como O Courel ou o Parque do Invernadeiro, fixo revivir ao país as peores catástrofes das últimas décadas. Para o galego Adrián Regos Sanz, doutor en Ecoloxía Terrestre e investigador do Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya, está sendo “un ano desolador, como tamén o foi en anos recentes en Portugal, Grecia, Italia, California, Australia ou Chile”. Pero é, ademais, “tremendamente frustrante, porque levamos anos alertando sobre as consecuencias do cambio climático, do abandono rural, da falta de planificación territorial”, lamenta.

“¿E cal é a reacción dos responsables políticos e sectores socioeconómicos decisivos neste pais? Hoxe é o Courel, onte foi o Xurés, e maña? ¿A que estamos esperando para reaccionar como sociedade perante a inacción dos diferentes gobernos que marcaron e seguen a marcar a nosa axenda?”, pregúntase este científico.

Para Regos, “a non xestión é unha decisión con claras implicacións nos lumes”. Aí é onde atopa o principal problema: “A vaga de lumes que estamos a vivir é en gran medida consecuencia das decisións tomadas no eido agroforestal e territorial dos últimos 40 anos”.

Regos lembra que o abandono rural comezou na segunda metade do século XX e este éxodo levou consigo a “perda das actividades agropastorais tradicionais e o seu conseguinte impacto nas paisaxes”. Para este experto, “a cantidade e continuidade da carga de combustible, é dicir, da vexetación dispoñible para arder, é moito maior que hai 50 anos”.

Por outro lado, cre errado centrarse en estratexias de extinción dos lumes: “Está demostrado que unha política exclusivamente baseada na extinción de todos os incendios, independentemente das condicións e a intensidade coas que se produzan, paradoxalmente, favorece a acumulación de ‘combustible’, ao privar os nosos ecosistemas dun proceso ecolóxico fundamental, o fogo (efecto coñecido como ‘firefighting trap’)”.

O científico pregúntase como xestionar as paisaxes agroforestais sen fogo e onde están os recursos para unha xestión a escala de paisaxe que nos permita facer fronte a unha nova xeración de incendios. Estes grandes incendios, cada vez máis devastadores, “veñen para quedarse”, di. “Necesitamos ser conscientes de que o cambio climático só vai favorecer as condicións para que estas ondas de incendios se repitan con máis frecuencia e virulencia. A acumulación progresiva de vexetación sen xestionar, baixo as condicións de seca e estrés hídrico ás que están expostas, crea as condicións ideais para a xeración de eventos extremos, ante os que as brigadas de extinción teñen pouco que facer, máis alá de arriscar as súas vidas. Pensemos tamén neles”, pide este experto.

Para Regos, “precisamos ser conscientes da gravidade do problema” e “crear paisaxes máis resistentes e resilientes aos grandes incendios forestais, camiñar cara territorios ‘fire-smart’”. Tamén considera necesario “recoñecer o papel fundamental do fogo nas nosas paisaxes, o uso ancestral que del fixeron as comunidades rurais e incorporar ese coñecemento na xestión”.

“As nosas paisaxes precisan urxentemente dunha xestión proactiva, adaptativa, integradora, que permita un desenvolvemento rural compatible, a medio e longo prazo,  coa biodiversidade e os servizos ecosistémicos. Está claro que a xestión reactiva, unilateral fronte os retos do cambio global non é efectiva, nin intelixente. E a inacción, repito, tamén é unha decisión”, advirte."                     (Galicia Confidencial, 06/08/22)

17/8/22

Arde Galicia: "Pódese dicir que este desastre ecolóxico ten a dimensión do Prestige"

 "O alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda, chama a rexenerar O Courel "canto antes".

 O alcalde da Pobra do Brollón, José Luís Maceda, chamou a rexenerar a zona arrasada polo lume na serra do Courel "canto antes" tras sufrir o que considera un "Prestige forestal". "É de gran tristeza e frustración ver como quedou arrasada toda esa zona", lamentou o rexedor sobre un lume que calcinou 11.100 hectáreas, no maior incendio en Galicia desde que hai rexistros.

Na Pobra, o rexedor sinala que este lume "arrasou unha zona de especial riqueza forestal e de interese paisaxístico, nunha zona que limita co Courel". Así, sostén que "neste momento hai que buscar unha solución para rexenerar o monte canto antes, e nalgún caso tramitar as axudas para rehabilitar as vivendas afectadas".

Sobre a declaración de zona catastrófica, José Luís Maceda, apuntou que debe ser como un "todo" que afectou a tres municipios: A Pobra, Folgoso do Courel e Quiroga. "No Courel o lume afectou á reserva da biodiversidade de forma moi importante. O desastre ecolóxico está aí, e pódese dicir que ten a dimensión do Prestige", comparou Maceda.

O alcalde da Pobra do Brollón, que é veterinario, calcula que "foron moitos máis de 40.000" os animais que puideron perecer neste incendio."  
                 (Galicia confidencial, 12/08/22)

27/7/22

Montserrat Díaz, investigadora do CSIC: "Urxe crear montes resistentes ao lume, estamos hipotecando o futuro"

 "A vaga de incendios que afecta Galicia desde o pasado xoves xa levou por diante unhas 30.000 hectáreas. Os dous principais lumes, no Courel e Valdeorras, rexistran unhas cifras históricas por enriba das 10.000 hectáreas cada un. As brigadas que traballan ao pé deles denuncian a dureza das condicións, con xornadas laborais que alcanzan as 16 horas e falta de recusos humanos e materiais. Unha situación que obriga á veciñanza a subir ao monte e enfrontarse ela mesma ao lume. Segundo o último dato achegado pola Xunta, 85 construcións foron afectadas polo lume e centos de persoas tiveron que ser desaloxadas dos seus fogares.

Que nos espera de aquí en diante? Como xestionar o monte? Canto tardará en recuperarse o queimado? Falamos coa investigadora científica da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e presidenta da sección de bioloxía da Sociedade Española da Ciencia do Solo, Montserrat Díaz. O seu grupo de investigación leva 40 anos traballando na temática da loita integral contra os incendios: prevención, extinción, avaliación de impactos e restauración dos ecosistemas forestais e solos. 

Que podemos agardar do que queda de verán?

Isto acaba de empezar. Sen dúbida, máis incendios, sobre todo tendo en conta que tivemos un inverno e unha primavera con pouca choiva, e agora unha onda de calor que secou moito o solo e a vexetación. As condicións climáticas están favorecendo moito os incendios, máis grandes - de máis de 5.000 hectáreas - e de maior intensidade. Iremos vendo todos os seus efectos, que non só se notan no lugar propio senón tamén a quilómetros de distancia. Entre eles están os directos e visibles - morte de flora e fauna, contaminación do aire, danos humanos e materiais, cambios da paisaxe... - pero tamén outros indirectos ou menos visibles: a degradación do solo, a contaminación das augas superficiais e subterráneas e os danos á nosa economía. Hai que ter en conta que o custo dos incendios do 2006 foron similares aos do Prestige. De feito nós falamos da marea negra dos incendios. 

Estes incendios que estamos vivindo na actualidade teñen algunha característica particular?

Agora prodúcense moitos focos e as temperaturas que se alcanzan son maiores. Xa se fala de lumes de sexta xeración, que son moitísimos máis grandes e moi difíciles de controlar. Estes poderían ter algunha característica destes, pero entran dentro da catalogación de grandes incendios. 

Estes incendios son evitables?

Os que son provocados de forma natural, por exemplo por raios, non; pero a maioría son provocados polo ser humano, xa sexa de forma intencionada ou por neglixencia. Eses si se poderían evitar. Galicia é o lugar onde se producen o 45% dos incendios totais do Estado. A maioría son evitables, e cando teñen lugar, o que si podemos facer é minimizar os danos. Hai que ter en conta que os incendios son recorrentes e os seus efectos acumulativos. En cada incendio perdemos un ou dous centímetros de solo fértil, que xa vemos que cada vez teñen menos profundidade. Pasamos dun solo moi profundo a solos cada vez menos produtivos onde só teremos matogueira, máis adiante solos esqueléticos onde non hai vexetación herbácea e finalmente a perda total. De feito, en Ourense, hai zonas onde agora xa só se ve rocha. O solo é un recurso moi fráxil que tarda millóns de anos en formase e horas en perder un ou dous centímetros; e sen solo non hai vida porque realiza funcións ecosistémicas básicas. A maioría de incendios son evitables, e non só iso, temos que evitalos. 

Que falla logo para que ano tras ano nos atopemos nesta situación?

Penso que hai un problema de comunicación entre científicos e sociedade. Ano tras ano ocorre o mesmo pero parece que só nos alertamos cando hai mortes de persoas ou afectación a casas. Ano tras ano arden os montes, que están formados por solo e vexetación que son fonte de riqueza, e estámolos desforestando, perdendo. Estamos destruindo o noso planeta e o futuro de xeracións vindeiras. Hai que concienciar a toda a sociedade da importancia solo e da necesidade do ecosistema forestal e da súa recuperación.

Falla a xestión dos montes. Cada vez teñen máis vexetación porque se abandona o mundo rural e, polo tanto, prodúcense incendios de maior intensidade e que afectan a maior superficie forestal. Outro factor estrutural depende do tipo de arbore. A composición dos nosos montes fai que sexan moi susceptibles de sufrir lumes porque hai moito eucalipto e pino e non hai discontinuidades con pradeiras e zonas de pastoreo, que funcionan como cortafogos naturais. O factor climático tamén é importante: cada vez hai veráns máis secos e con menos humidade no solo. E á súa vez, os incendios fan que se perda a materia orgánica do solo, esa capa máis escura, que é o almacén da auga. Polo tanto, todo nos leva ao mesmo lugar: a seca. 

Priorízase a extinción sobre a prevención?

Claramente. Vese nos presupostos. Un 23% para prevención, un 64% para extinción, e un 13% para recuperación. Hai que ter en conta que o diñeiro que se inviste en extinción é un diñeiro, coma se dixeramos, perdido. O que hai é que empregar diñeiro para crear montes resistentes, é moito máis barato a curto prazo que investir en prevención e restauración. Urxe abordar a xestión dos montes, pero a Xunta non se atreve. Estamos hipotecando o noso futuro. Hai que adoptar medidas contra o abandono agrario e para ter bosques máis resilientes, unha paisaxe mosaico discontinuo, con autóctonas menos inflamables... E isto hai que traballalo durante todo o ano, non podemos agardar a que veñan os lumes no verán e actuar. Ademais, agora os incendios tamén se producen na primavera e no outono, onde non hai tantos profesionais para combatelos. 

A extinción é moi difícil de abordar. Os incendios poden ocorrer en fortes pendentes de difícil acceso e en moitos casos non se pode facer nada, tan só esperar a que arda todo. A maiores, no futuro próximo temos que pensar que vai xurdir un problema de escaseza de auga, incluso aquí en galicia. Iso dificultará aínda máis a extinción dos incendios. Haino que ter moi en conta. 

Como baixar todas estas solucións a terra? 

Primeiro hai que  perseguir os incendiarios e analizar as súas motivacións. Nisto a concienciacion ambiental é fundamental. Nun dos congresos da rede internacional FuegoRED expúxose o caso de Cataluña, onde a xente que forma parte das comunidades de montes vixía os seus montes na época de incendios, e, se ben evidentemente a responsabilidade de apagar un lume é da administración, facilítaselles incluso unha motobomba fronte a pequenos conatos. A Generalitat dá axudas para que se xestionen os montes. Penso que é importante implicar as comunidades de montes para a xestión. Temos que ter en conta que a maioría dos montes son propiedade privada e isto tamén hai que cuestionalo. 

Canto tarda en recuperarse o monte queimado? Que intervencións sobre esas zonas agora afectadas teñen que facerse de aquí en diante?

O que tarda en recuperarse depende da intensidade do lume, da vexetación, da topografía e das condicións climáticas postincendio. Nunha zona chá onde non hai erosión postincendio, a vexetación herbácea pode tardar un ano, a matogueira de tres a cinco e as árbores dependen da súa idade e do tipo: eucaliptos e pinos de 20 a 40 anos e carballos centos de anos. En caso de pendentes, que son zonas moi susceptibles de sufrir erosión postincendio, tarda dúas ou tres veces máis; e cinco ou incluso vinte veces máis nas zonas con erosión moi forte. Nos casos onde se perdeu todo o solo e só queda rocha a situación é irreversible.

A restauración é moi cara. En zonas non haberá que actuar, e entre as que si, hai que priorizar as suceptibles de erosión e próximas a augas superficiais e mar. Galicia ten un protocolo de actuación elaborado conxuntamente co Centro de Investigación Forestal de Lourizan, a Misión Biolóxica de Galicia e Universidades de Vigo e Santiago pioneiro a nivel estatal neste aspecto de restauración. Seguindo este protocolo, cando veñan as primeiras choivas aplicamos palla. Hai que esperar que se recupere o solo, e logo dar paso á vexetación, e logo ao arborado. Esas árbores hainas que escoller adecuadamente en función do solo, do clima e da zona. Sempre se di que hai que plantar autóctonas, pero hai solos danados onde non medran, por iso hai que adaptarse a cada situación. 

Gustaríame puntualizar que isto me parece unha oportunidade para xestionar e construír bosques resilientes a incendios nesas zonas queimadas. Temos que velo como unha oportunidade para facer as cousas ben. E hai que facelo. Estamos nunha situación de alarma porque cada vez temos menos solos e os que quedan son pouco produtivos. Se non facemos nada, no 2050 non haberá solo suficiente para alimentar as necesidades dunha poboación mundial que está crecendo. Non basta xa con protexer os solos senón que tamén hai que recuperalos. "                  (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 23/07/22)

14/12/21

Investigación galega para adiantarse aos grandes incendios: a nova "prevención estrutural" contra o lume

 "Galicia e Portugal, en especial as zonas máis achegadas á fronteira, enfróntanse desde hai algúns anos a un novo tipo de incendios, máis virulentos, incontrolables e perigosos. O impacto do cambio climático e as peculiares e semellantes caracteríticas climatolóxicas, de masa arbórea ou de despoboamento e abandono do rural provocan unha ameaza que xa foi real en traxedias como a de Pedrógão Grande, en xuño de 2017, ou a grave vaga de outubro do mesmo ano en territorio galego e luso.

Un informe da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa advertira da chegada dos denominados "incendios de sexta xeración", como o de Pedrógão Grande, e da entrada "de cheo" do noroeste peninsular e atlántico "nunha dinámina propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración". 

Agora, o proxecto comunitario Firepoctep, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, traballa en reducir as ameazas e en impulsar a "imperiosa colaboración na defensa da poboación" de Galicia e do norte de Portugal "ante o aumento do risco de grandes incendios forestais", agravado polos efectos da mudanza climática. E faino con iniciativas que, desde o país, impulsan unha "prevención estrutural" que permita "adiantarse" aos grandes incendios

Entre os moitos obxectivos do proxecto no que colaboran 21 entidades de ambos Estados -entre elas a Universidade de Vigo- está o de identificar as denominadas Zonas Estratéxicas de Xestión (ZEX) para "minimizar o risco e impacto dos grandes incendios a través dunha xestión integral da paisaxe fronte ao cambio climático global". 

Neste marco, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal (EEF) levan meses traballando nunha serie de simulacións de grandes incendios na comarca do Baixo Miño, por ser unha das áreas con máis risco, e cuxos primeiros resultados foron presentados a representantes das comunidades de montes veciñais en man común da contorna a finais do pasado mes de novembro en Tomiño. 

Un traballo minucioso sobre unha área "cunha problemática especial" pero coa idea de que sexa aplicable "a calquera outro sitio", como explica Juan Picos, director da EEF, e que sirva, nun futuro para "acadar unha prevención estrutural no territorio e pensada nos grandes incendios". En definitiva, mudar a forma de enfrontarse a un lume cada vez máis perigoso, virulento e moitas veces imposible de enfrontar pola extinción.

"A idea é detectar aquelas zonas candidatas a converter un incendio nun gran incendio antes de que suceda, ser quen de adiantarnos, mesmo nestes tipos de lume dos últimos anos tan distintos", resume en Praza.gal Juan Picos, que advirte de que o acontecido co furacán Ophelia en 2017 "fixo aprender a todos".

"Xa temos asumido as situacións anómalas climatolóxicas que nos podemos atopar e temos que prepararnos para o peor, mesmo facendo simulacións coma se non puidésemos contar con medios de extinción porque non sería a primeira vez que se colapsan ou que hai que atender casos máis graves noutra zona", explica. "Debemos prepararnos para o que nunca sucedeu e que esperamos que non suceda", engade contundente.

Así, identifícanse os "puntos sensibles de propagación do lume", as ZEX que son "áreas do territorio definidas e priorizadas tendo en conta o risco e perigo de incendio, os combustibles, o comportamento do lume na zona de estudio, as infraestruturas de defensa existentes, o manexo histórico de emerxencias e a vulnerabilidade dos valores naturais, rurais ou urbanos a protexer”.

A través dun moderno software, Wildfire Analyst, estes “simuladores de predición do comportamento do lume” permiten analizar o comportamento de futuros incendios en función de diferentes variables, como a vexetación e a topografía da zona ou os factores meteorolóxicos. Van xa unhas 2.000 simulacións que permitiron detectar unha serie de zonas “que case todas as simulacións din que son sensibles” e que, polo tanto, son “candidatas” a ser definidas como “zonas estratéxicas de xestión”.

O traballo céntrase en identificar “cales son os camiños principais de propagación dos grandes lumes”, aquelas zonas nas que “acaban converxendo” incendios “que chegan a alcanzar centos ou milleiros de hectáreas”. Tamén centrarse en “zonas sensibles” para previr posibles incendios en “condicións meteorolóxicas non tan frecuentes” que poderían actuar como causantes destes focos de grandes dimensións e intensidade. 

Os investigadores introducen datos sobre as condicións meteorolóxicas, o combustible vexetal do monte ou a topografía. A simulación permite determinar por onde, a que velocidade e con que intensidade se desprazaría o lume e poder así previr a perigosidade, os riscos e as zonas a protexer ou preparar para evitar o avance das lapas. 

Todo visible de maneira virtual sobre un mapa, con recreacións que os propios comuneiros puideron comprobar en Tomiño, con simulacións de incendios moi semellantes aos que xa sufriran e que lles sorprendían pola exactitude do seu percorrido.

"Aínda estamos empezando e queda moito por traballar; é unha primeira aproximación pero a idea é adiantarnos e poder, por exemplo, cortar os camiños de propagación do lume", explica Juan Picos sobre un proxecto para o que é necesaria a colaboración das comunidades de montes, dos propietarios e das administracións. "É fundamental que todos entendan por que un propietario pode contribuír, nas súas terras, a que un incendio non afecte a un terceiro ou a que un foco non se acabe convertendo nun grande incendio", explica.

 "Debemos cambiar o paradigma e facer entender á xente que entre todos nos protexemos pero que entre todos nos podemos poñer en risco tamén", explica Picos, que advirte que as administracións teñen tamén un labor fundamental. "Proxectos coma este axúdannos a determinar en que zonas hai que facer traballos de prevención, establecer cortalumes... Pode que haxa quen teña que sacrificarse para permitir a outros defenderse mellor dos incendios e é aí onde hai que establecer compensacións", engade. 

E pon outro exemplo. "Imaxinemos que un dos camiños de propagación do lume sobre o que hai que actuar é unha parcela privada e abandonada... Pois a través deste sistema temos unha argumentación para que a Administración interveña e as comunidades de montes teñen unha ferramenta para presionar aos poderes públicos para que actúen", conta. "A clave é conseguir que os recursos xurídicos e económicos estean obxectivados e argumentados", insiste. 

"O salto á prevención estrutural"

En definitiva, insiste Juan Picos, o obxectivo é avanzar cara a unha "prevención estrutural no territorio", enfocada nos grandes incendios, aqueles que "consomen territorio e aos que só podes enfrontarte na mesma escala". "Consiste en dar o salto da prevención do lume tradicional dunha comunidade de montes a outra destinada aos grandes incendios e que non funciona do mesmo xeito", engade quen incide en que a clave é "establecer cal é a prevención que cadaquén debe facer para conter un gran lume que afectará a outros tamén". 

Cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros -financiados nun 75% con fondos Feder- 21 administracións, universidades e centros de investigación de España e Portugal participan en Firepoctep, que ten como obxectivo "unificar criterios de actuación conxunta entre dous dos países da UE máis vulnerables aos efectos destes grandes incendios".

Segundo explican os seus promotores, o proxecto "busca promover o intercambio de innovacións e boas prácticas en materia de loita contra o lume, desenvolver experiencias que contribúan a fomentar a creación de emprego no rural e ao impulso da economía verde e promover un plan de formación e sensibilización da cidadanía".                    (Miguel Pardo, Praza Pública, 12/12/21)