"Por primeira vez na enteira historia da humanidade hai máis
xente vivindo na cidade que no campo. O ano 2007 foi o punto de
inflexión. O século XXI será o tempo das grandes conurbacións,
megacidades que serán espazos de oportunidades pero que acumularán
enormes problemas de contaminación, salubridade, xestión de residuos,
seguridade, etcétera. Esas megacidades poden ser unha das formas
dantescas do inferno distópico futuro.
O sistema urbano galego é, pola contra, amable. No borde
atlántico, o seu clima é benigno fronte, por exemplo, a Madrid, que se
prevé que pode alcanzar en 2050 a temperatura de Marrakech. A onda de
calor que os días pasados asolou o sur da península é un exemplo do que
pode vir. O tamaño das cidades galegas é aínda humano e depara calidade
de vida, aínda que os galegos, que somos de natural atravesados e
pasámonos de listos, poñemos moito da nosa parte para deteriorar o medio
ambiente e complicarnos a existencia.
Sería bo, por exemplo, do punto
de vista da sustentabilidade, que as vivendas estivesen menos
esparexidas ao chou e que as cidades medrasen con xeito. Os consumos que
xera un hábitat periurbano disperso son enormes, en termos de perda de
tempo, parque automobilístico, gasto de enerxía e auga e das súas
canalizacións, contaminación, etcétera.
Os centros comerciais –o mesmo que o comercio electrónico-
prexudican a vida dos centros das cidades. Nos Estados Unidos, os malls
-grandes superficies situadas xeralmente na periferia- marcan o estilo
de vida. Moitos deses centros comerciais están morrendo. Tamén en
España, na Coruña, por exemplo, algúns están quebrando, despois dos
primeiros momentos de ofuscación e pasmoneo. Unha visión culta e
informada do urbanismo ten moito traballo por diante en Galicia, como en
toda España, na que segue imperando unha mentalidade de novos ricos,
consumista e destrutiva.
Inverno demográfico
É sabido que o futuro de Galicia preséntase baixo a forma de
inverno demográfico. A causa, obvia, é a falta de traballo e de
expectativas de futuro. Se algunha cidade está marcada por esa ausencia
de horizonte é Ferrol, que leva décadas en crise. A súa contorna é
marabillosa, e o know-how dos seus traballadores importante,
pero dende os anos oitenta, nos que se levou a cabo a reconversión
industrial, ningunha iniciativa conseguiu callar. Nos últimos corenta
anos a súa historia é a historia dunha decadencia.
En 1981 tiña 91.762
almas, en 2020, 65.560. Ningunha outra cidade galega sufriu unha
contracción semellante nestes anos, e talvez tampouco en toda España. A
crise do sector naval determinou a súa depresión. Destruíse, dende 1975
ata 2015, o 85,77% da ocupación no sector, uns 13.446 postos de
traballo. Se a cidade vai a depender de Navantia non parece que vaia ir
moi aló.
A primeira vez, por certo, que fun a Ferrol foi por un premio.
Acción Católica deunos a unha morea de nenos unha Cruz de Santiago de
plástico para colgar no peito e meteunos nun autobus. Era o período
precámbrico da miña vida, alí onde a infancia loce coma un xeranio.
Ferrol foi, nesa ocasión, os pavos reais do parque co luxo das colas
despregadas; unha pelicúla de vaqueiros no cine Avenida e o brillo do
sol quentando as ondas cortadas pola quilla do barco que nos deu un
paseo pola ría. A cidade era espléndida.
Un 10 de Marzo, pode que en 1975, xa no instituto e viaxando
pola xenerosidade das monxas ursulinas que nos levaban de excursión
(pero en realidade era Xosé Lois Ledo co seu 134 amarelo e o que
faciamos era ir de manifestación en manifestación e tiro por que me
toca) a memoria dá conta das mulleres das Casas da Bazán que nos
indicaban, dende os balcóns, por onde tiñamos que escapar da policía que
era gris e temo que non moi delicada.
Si, Ferrol é, ou podería ser, un premio espléndido. Paseando
polas súas rúas, sentando na Praza do Marqués de Amboage, vénse á mente
Cádiz, coa que garda certa afinidade na tremoia urbana, tan cálida e
chea de vida. ¿Por que Ferrol non podería ser como ela? ¿Non podería
pasarse da Semana Santa urbana ao Carnaval? Os edificios modernistas de
Rodolfo Ucha son unha xoia, pero a enteira trama urbana, incluída a
arquitectura militar, merece ser unha nave novamente botada. Unha miga
de optimismo non é ningún delito que se saiba.
Para iso, claro, hai que atopar a fórmula, que non pode ser
máxica. E evitar a degradación da ría, que é unha das máis contaminadas
de Europa, asolada por verquidos varios. Ferrol reclama a berros que
alguén teña imaxinación e recursos abondo como para evitar a súa
degradación. E para iso ten que evitar o monocultivo e diversificar os
seus medios de vida. Toda cidade que dependa dun único sector de
produción para florecer pende sempre dun fío.
A escala é importante e a estas alturas debería estar claro que a
ordenación do territorio e a planificación pública ten que facer da
Coruña-Ferrol –a Cidade das Rías de Albalat- unha única área urbana
harmoniosa complementando as funcións respectivas. É incomprensible que
unha axeitada comunicación por ferrocarril non sexa un obxectivo
prioritario. Parece coma se se quixese ter a Ferrol nunha burbulla
separada por unha fronteira invisible.
O Ferrol que non volverá
Hai un Ferrol que nunca máis tornará a ser. Ferrol é filla da
política naval borbónica, que quería defender as costas das incursións
británicas e protexer a carreira de Indias, o tráfico comercial con
América e as colonias. A cidade foi construída por enxeñeiros militares
–Cosme Álvarez, Jorge Juan- con trazado hipodámico, racionalista e
xeométrico, na liña do urbanismo da Ilustración, coma un asteleiro e un
arsenal. En Ferrol fíxose a botadura do primeiro barco a vapor de España
en 1858, a do primeiro barco con casco de ferro en 1881 e en 1912
Alfonso XIII asistiu á botadura do primeiro acoirazado.
Non cabe dúbida, en fase máis recente, da capacidade dos
asteleiros para construír buques cun I+D+i notable. Pero a industria
naval ten límites evidentes no mundo global. A industria da construción
naval mostra unha competencia global a nivel mundial, con China, Corea e
Xapón á cabeza en cota de mercado. Por iso, nas últimas décadas, a
industria naval europea tivo que transformarse nun sector moi
competitivo en tecnoloxía punta, claramente orientado a obter produtos
moi innovadores, pero con menor peso do capital humano.
É certo, con todo, que os gobernos centrais ou a mesma UE poden
favorecer outros asteleiros instalados en lugares con maior capacidade
de presión política. A capacidade de incidir da Xunta e, posiblemente,
as ganas de facelo, son escasas, pero con todo a longo prazo habería que
pensar noutras industrias e non dar por perdida a batalla dunha
reindustrialización diversificada. As fragatas F-110 darán traballo a
partir do ano que ven ás auxiliares do naval de Navantia, e ben está,
pero a longo prazo hai que ampliar o foco.
Nunha conferencia de 2011, Ferrol, ayer y hoy. De la urbanización inicial del siglo XVIII a la actual ciudad del XXI, o xeógrafo Enrique Clemente, xa desaparecido, subliñaba o eterno problema de Ferrol, a súa excesiva especialización:
“Este grave problema estructural ya fue advertido a finales del
siglo XIX por el prestigioso geógrafo francés Eliseo Reclus, cuando
visitó Ferrol en uno de sus frecuentes viajes por el mundo: según el
estado de la Hacienda española y el desarrollo de sus escuadras, El
Ferrol ha aumentado o disminuido de población, siendo tan pronto una
colmena desbordante por la muchedumbre de sus trabajadores, como viendo
crecer la hierba en sus calles desiertas”.
Certamente, Ferrol tivo momentos de esplendor. O historiador da Arte Alfredo Vigo Trasancos no excelente traballo Esta Obra Sublime é o sinal dun Gran Rei
narra como foi durante o mandato ministerial do Marqués da Ensenada,
coa aprobación do rei Fernando VI, que se comezou a construír o porto de
guerra máis importante de España: “Foi un proxecto arquitectónico e
hidraúlico de carácter excepcional que debe ser considerado entre os
máis importantes no seu xénero entre os levados a cabo na Europa do
século XVIII”.
Don Zenón, por certo, comenta Trasancos, “manifestou
sempre unha extraña fascinación polo luxo desmedido, produto tal vez da
crenza de que a imaxe é unha cuestión cargada de símbolos que non pode
ser desprezada” e do que dá boa conta este curioso texto:
“Pero por una anomalía o contradicción extraordinaria del
espíritu humano, este hombre [Ensenada] religioso, modesto y
desinteresado, gustaba de la magnificencia y del lujo en su persona y
trato; hasta un punto que ya tocaba en extravagancia. Sus camisas se
cosían y planchaban en Paris. El día de corte o de gala se presentaba en
Palacio con más cruces, diamantes, conde- coraciones y cordones que
ningún Grande de España.
Valuábase entonces en 500.000 duros lo que
llevaba en su persona. Cuéntase que en cierto día le manifestó el rey su
sorpresa al ver el subido precio de sus adornos, y que el Marqués le
contestó: «Señor, por la librea del criado se ha de conocer la grandeza
del amo»”.
Martín Fernández de Navarrete,
Estado general de la Armada del año 1829
Os barrios da Magdalena e de Esteiro representaron a dualidade
social aparellada a ese destino. A fronteira entre os dous barrios era o
límite entre dous universos segregados, o dos oficiais da Armada, e o
dos traballadores da construción naval. José María Cardesín en Historia de dúas Cidades. A Memoria de Ferrol, entre a Mariña de Guerra e a clase traballadora,
dá conta dos esforzos decimonónicos para buscar alternativas a esa
segregación e á dependencia da Armada que continuaron despois da
transición democrática e do impacto da reconversión naval. Con todo, non
se debe incorrer no erro de pensar que a Armada é sinónimo de reacción.
En 1872, Bartolomé Pozas proclamou en Ferrol, catro meses antes que no
resto de España, a República federal. En 1936 o xefe do Arsenal
ferrolano, o contralmirante Azarola que se mantivo leal á República, foi
fusilado por dous subordinados. Outros 185 militares acompañárono no
seu tráxico destino.
Con todo, Enrique Clemente facía, na conferencia aludida, máis
que establecer unha diagnose: entraba no terreo da proposta e intentaba
imaxinar un Ferrol futuro propoñendo un sistema de coordinación e
planificación estratéxica aplicado á xestión directa da necesaria e
urxente renovación urbana e funcional de Ferrol similar ao aplicado en
Bilbao e que vai moito máis aló do famoso efecto Guggenheim. Claro que o
PNV ten un nivel e un grado de eficiencia na xestión que distan dos que
caracterizan ao PP galego.
Nun traballo de máster, Shrinking cities. El caso aplicado de Ferrol,
a tamén xeógrafa Alba López intentaba abordar o problema da contracción
da cidade ao tempo que facía unha Proposta de boas prácticas para a
xestión do shrinkage. Unir administrativamente Ferrol cos
concellos circundantes -Narón, Fene...-; diversificar a actividade
económica; abrir a cidade ao mar e promover o turismo, son algunhas das
propostas, sobre as que cabe dicir que son evidentes por si mesmas.
A cenoura dos Next Generation
Dende os tempos da reconversión, iniciada en 1983 por Solchaga,
ministro de Felipe González, Ferrol foi inundada por acrónimos –GAEI:
grandes áreas de expansión industrial, ZUR: zonas de urxente
reindustrialización; ZID: zonas de industrias en declive- pero, en
definitiva, nada consistente naceu da logomaquia nin dos fondos usados
sen criterio. Agora Feijóo anuncia o seu Pacto de Estado por Ferrol que
está sendo recibido coa natural incredulidade que dá a experiencia. Os
oito eixos que propón o plan son, de feito, un novo remix acompañado da
nova cenoura dos fondos da Next Generation.
Pero, en realidade, non hai moitas ideas, ou as que hai insisten
en considerar a bisbarra coma un pozo no que ensaiar novas formas de
degradación ecolóxica. As eólicas están ben dentro dunha orde pero poden
ser a nova versión dos pantanos de Franco con escaso retorno para
Ferrol ou para Galicia. Producir enerxía para que a consuman xa sabemos
onde sen que o territorio produtor nin tan sequera goce de prezos
diferenciados non é de recibo.
Outro exemplo de aparente mirada estreita. A construción do
porto exterior de Ferrol fíxose para levar carbón para a súa combustión
na central térmica das Pontes. Sucede que a central pechou por inviable.
Tampouco era viable nin económica nin do punto de vista medioambiental a
alternativa da queima de lodos e biomasa para sostela.
A pregunta é:
¿tiña sentido facer unha infraestrutura tan careira para unha empresa de
caducidade previsible? E tamén:¿con que criterios planifican os
planificadores? Realmente saben o que fan? ¿Cal será a súa función agora?
Claro que o porto exterior da Coruña, situado a dez millas naúticas,
bate todas as marcas planetarias do absurdo. Mil millóns de euros de
investimento e 300 de débeda. Pero todos os problemas que se apuntan
sabíanse perfectamente antes da súa construcción.
Os gobernos teñen algo que achegar ao futuro da bisbarra. O
primeiro, xa o dixemos, algo nada fácil: crear unha miga de optimismo. O
segundo labor é definir opcións económicas viables, non baseadas na
degradación do medio ambiente. As ideas son importantes, e a súa falta
ten consecuencias.
A reindustrialización da UE, agora que a pandemia
acentuou unha inflexión nos esquemas da globalización, e puxo en
evidencia os problemas da cadea de subministros, pode ter un avatar en
Ferrol. Xerar un crecemento intelixente, sostible e inclusivo está entre
os obxectivos a alcanzar. Se a nova ministra de Transportes se decide a
impulsar un tren do século XXI que una Ferrol e A Coruña habería que
facerlle un monumento.
" (Antón Baamonde, eldiario.es, 07/08/21)