"Dende hai anos a Unión Europea e tamén o Ministerio para Transición Ecolóxica veñen impulsando as comunidades enerxéticas locais, entidades "baseadas na participación aberta e voluntaria, autónomas e efectivamente controladas por socios ou membros" que desenvolven proxectos de enerxía renovable.
O obxectivo é favorecer este tipo de instalacións de xeración eléctrica,
primordialmente de autoconsumo local, con grandes beneficios
medioambientais e que permiten reducir a dependencia das grandes
compañías e tamén o efecto dos incrementos dos prezos da enerxía que
estamos a ver nos últimos meses. Hai dous anos o Real Decreto-lei
23/2020 incorporou á lexislación española o contido das dúas directivas
europeas que definían o seu funcionamento.
Ata aquí a teoría. Nos
últimos dous anos varias comunidades de montes iniciaron os trámites
para constituírse en comunidades enerxéticas locais, co obxectivo de
instalar nos territorios de xestionan placas fotovoltaicas e outros
mecanismos de xeración eléctrica renovable (como poderían ser, por
exemplo, muíños eólicos ou minicentrais hidroeléctricas). Porén,
atoparon grandes atrancos para facelo, derivados principalmente
da falta de personalidade xurídica propia das comunidades de montes,
debido á negativa da Xunta a recoñecer lexislativamente a figura da
propiedade comunal, que ademais é descoñecida no resto do Estado.
As
comunidades de montes encaixan á perfección nos obxectivos das
comunidades enerxéticas locais, que buscan que grupos de cidadáns se
autoorganicen nun territorio, xerando unha gobernanza comunitaria para a
creación e consumo de enerxía. Os comuneiros contan con
organización previa e están absolutamente asentados nas súas zonas e,
como destacan dende a Organización Galega de Comunidades de Montes
(ORGACCMM), "levan décadas custodiando o territorio e facendo un
aproveitamento enerxético do monte mediante a xestión da biomasa para
calefactar as casas particulares da veciñanza comuneira".
Nos últimos días representantes de ORGACCMM mantiveron encontros co Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE),
dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica para amosarlle o
seu funcionamento e proxectos e atopar fórmulas para poder exercer como
comunidades enerxéticas, accedendo deste xeito ás axudas que a través de
plans piloto ou de fondos Next Generation se están poñendo en marcha para potencialas. Na última reunión acadouse o compromiso por parte do IDAE
"de buscar o encaixe legal para que na normativa que regula ás
comunidades enerxéticas figuren expresamente as comunidades de montes
galegas como de pleno dereito a constituirse en comunidades
enerxéticas", sinala a ORGACCMM.
"Na xuntanza en Madrid
unha das cousas que nos preocupaba era que entenderan o que era unha
comunidade de montes", explica para Praza.gal Gonzalo Pérez, responsable
da área de renovables da ORGACCMM e coordinador da Comunidade de Montes
de Tameiga, en Mos. "Houbo boa sintonía con Joan Groizard Payeras, o
director do IDAE, e viron que non somos catro desorganizados, senón que
estamos afeitos a xestionar e a relacionarnos coa administración", di.
"A
situación actual supón a exclusión dunha parte importante do tecido
asociativo autoorganizado de Galicia, precisamente aquel que está mellor
asentado no territorio", destaca. "Curiosamente na directiva
europea faise un chamamento a potenciar este tipo de asociacionismo para
desenvolver comunidades enerxéticas locais. Entre outras
cousas porque é unha oportunidade para que este tipo de proxectos vaian
máis rápido, porque non é o mesmo partir de cero que facelo dende
estruturas que xa están en marcha", di. "É unha grande oportunidade,
especialmente neste momento de aumento dos prezos da enerxía e de grande
especulación cos prezos da electricidade", engade.
"Sempre
podes dar de alta unha nova asociación e que a comunidade participe
dela. Pero isto ten un problema operativo, que é duplicar toda a parte
burocrática: contabilidade, control de censos, asembleas anuais,
impostos, presentacións de contas... Duplicariamos gastos só para ter
unha estrutura paralela", explica, ao tempo que reclama unha
modificación lexislativa para que as comunidades poidan participar
directamente: "Cando se transpuxo a directiva optouse por esixir a
personalidade xurídica, cando sabemos que noutros países de europa non é
tan complicado".
Tameiga, pioneira
A
Comunidade de Montes de Tameiga é pioneira en Galicia na produción
eléctrica con renovables a nivel local. A finais do ano 2020, co
asesoramento de Nosa Enerxía, decidiron instalar paneis fotovoltaicos
para autoconsumo no seu centro sociocultural e en dúas naves do polígono
industrial que xestionan. Suman, de momento, unha potencia de
225 quilovatios que prevén incrementar progresivamente e que lles
permite reducir de forma importante a súa factura eléctrica. A
comunidade de montes de Buchabade, en Ponte Caldelas, está tamén a poñer
en marcha unha comunidade enerxética local, igualmente a través da
instalación de paneis solares que nun inicio curbrirán a metade da
demanda actual dunhas 65 vivendas.
Gonzalo Pérez explica, con
todo, que neste primeiro ano e medio de posta en marcha da súa
instalación eléctrica atoparon moitos atrancos administrativos, pero
tamén a resistencia das grandes compañías eléctricas. "A
normativa española e a directiva europea é moi clara en que as compañías
eléctricas teñen que facilitar todos os enganches, pero na realidade e
na práctica non é así", critica.
"Ti fas
todo o que che indica a lexislación, despois fas unha petición de
enganche para poder volcar o excedente, pero durante meses non tes
resposta. A normativa obrígalles a facilitarche o punto de conexión,
pero eles non teñen interese, os prazos eternízanse, ás veces pechan o
expediente e tes que reclamar, volves empezar...", explica. "Ao final todos estes atrancos buscan que a xente desista, que canse, que quede polo camiño.
Os poucos que están conseguindo levar adiante un proxecto eléctrico de
autoconsumo son xente moi obcecada e con moito tempo, que non lle
importa pasar meses con trámites, con negativas e de aquí para alá",
engade.
Ademais, denuncia que "a raíz de comezar este proceso
estamos atopando que nos están enviando unhas facturas astronómicas, con
erros que chegan ata os 9.000 euros de cobros excesivos e que despois
temos que reclamar". De igual xeito, alerta de que en varios lugares
onde, vistas as dificultades, se renunciou a iniciar un proxecto de
autoconsumo eléctrico, "despois veu a compañía eléctrica e ofreceulles
facelo con eles. É unha maneira de tentar quedar con ese pastel".
A Xunta, a favor das comunidades enerxéticas locais (en teoría)
Recentemente, no marco da xornada
Comunidades Enerxéticas Locais, organizada polo Instituto Tecnolóxico de
Galicia (ITG), o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación,
Francisco Conde, destacou que as comunidades enerxéticas locais
"favorecen o desenvolvemento social e económico do territorio, axudando a
crear emprego e fixar poboación no rural". "As comunidades
enerxéticas locais configúranse así como unha vía para mitigar a
volatilidade do prezo eléctrico e para mobilizar capital privado cara
aos obxectivos de transición enerxética", engadiu Conde que anunciou importantes axudas económicas para as comunidades enerxéticas locais.
"Cada
día é máis evidente que a cidadanía, o tecido empresarial e os
concellos galegos queren contribuír ao novo modelo enerxético de forma
cooperativa, constituíndose como unha comunidade produtora e consumidora
da súa propia enerxía de orixe renovable", afirmou o
conselleiro naquela ocasión, obviando as dificultades que xera a
negativa da Xunta a recoñecer legalmente a figura de propiedade comunal.
Tamén
son habituais as declaracións de representantes do Goberno galego a
prol do desenvolvemento económico das zonas rurais e dun "rural vivo".
Porén, neste caso e noutros conflitos que decote establece coas
comunidades de montes máis activas, a práctica desmente as súas
declaradas intencións.
O "papel activo" das comunidades de montes
Gonzalo Pérez opina que
todos estes atrancos se inscriben "nun contexto máis amplo en Galicia,
no que a moita xente non lle gusta que as comunidades de montes teñamos
un papel activo". "Queren restrinxirnos a ser meros produtores de madeira", denuncia.
"Pero a realidade é que nós xestionamos territorio e dentro dese
territorio hai madeira, hai auga, hai pastos..., hai todo tipo de
actividades económicas", di.
Adianta que nestes momentos hai
moitas comunidades de montes "moi receptivas á idea de constituírse en
comunidades enerxéticas locais, que queren probar cousas e que queren
deixar aquilo de 'eucalito, piñeiro e xa'". Porén, lamenta que en
Tameiga "estamos facendo un pouco de coelliño de indias. Ao
resto de comunidades de montes, que hai varias interesadas, sempre lles
dicimos o mesmo: agardade, agardade, agardade, a ver como imos
resolvendo nós o tema". (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 16/04/22)