"Este venres celébrase o Black Friday, a famosa tradición
estadounidense que dende hai uns anos está a coller forza no noso país.
Moitas grandes empresas aproveitan este día, ou incluso toda a semana,
para ofrecer descontos que deixan fora de órbita ao comercio local.
Mais
ante os grandes magnates coma Amazon ou AliExpress, a axencia Arela
Comunicación Sostible trae "Cos pés na Terra e os produtos na nube", unha listaxe con máis de 100 ecommerce galegos
coa que pretenden darlle visibilidade a eses pequenos e medianos
comercios "que crean postos de traballo e contribúen ao futuro de
pequenas vilas e pobos", tal e como apuntan dende Arela.
Galicia conta con unha unha gran rede de alternativas locais,
con moi boas ideas e con produtos de gran calidade, cousa que se pode
comprobar nesta listaxe con tendas encadradas en múltiples seccións:
dende decoración e agasallos, ata beleza ou moda. Na web podemos atopar
máis dun centenar de ecommerce de distintos puntos da xeografía galega e
onde, por suposto, a Costa da Morte tamén está presente.
Polo de agora Origen Galicia (Carballo), Esencia Atlántica (Muxía), Mimadriña (Fisterra), Nacho Porto (Carnota), O Falsete (Malpica), Todo Lar (Carballo) e Aralumen (Fisterra)
son as tendas costeiras que se amosan na listaxe, mais esta continúa en
actualización. Dende Arela, animan á xente a que fagan aportacións con
outras tendas galegas online que coñezan e así facela máis grande.
Esta inicitativa pretende facilitar a labor a todos aqueles
consumidores que desexen comprar produtos galegos, sobre todo agora que
se aproximan as compras de Nadal e Reis, facilitándolles un contacto
directo con distintas empresas cunha gran variedade de produtos de
máxima calidade, e axudando tamén á inversa, xa que "mercar
nas tendas en liña galegas e recomendar os seus produtos, tamén é
defender o comercio local", indican dende a axencia de comunicación.