Na cabeceira da manifestación, pouco antes do mediodía, na entrada á
Alameda compostelá, voceiras das tres plataformas demandaron o "feche
definitivo" por parte da Xunta da Galiza da tramitación dos seus dous
"proxectos estratéxicos", Altri e a reapertura da mina de Touro-O Pino. A marcha contou co apoio de BNG, PSOE e Sumar Galicia, que participaron na mobilización coa presenza de Ana Pontón, voceira nacionalista; Lara Méndez, viceportavoz segunda do PSdeG, e Paulo Carlos López, secretario xeral de Sumar Galicia, entre outras autoridades.
A Xunta, responsábel
A portavoz da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá destacou
en declaracións aos medios que "volvemos a Santiago coa mesma
determinación e co mesmo obxectivo que o fixemos o ano pasado: que Altri
non se instale na nosa terra".
Segundo explicou Gontá, os motivos da protesta "son sinxelos e de
sentido común". Afirmou que "queremos manter a calidade de vida que
temos" e criticou que Altri-Smarttia (propietaria de 95% de Greenalia) "o que nos ofrecen son 8.754 quilos de gases contaminantes ao día que enfermarían a poboación".
A voceira de Ulloa Viva lembrou que hai informes do Consello da Cultura
Galega que así o avalan e recordou que a macrocelulosa suporía tamén "a
contaminación do Ulla cunha vertedura de 60 toneladas de sulfatos ao
día, expropiación da terra e regalarlle inxentes cantidades de auga doce
e de terra fértil para que está industria poda arrancar as raíces dos
nosos montes a demanda mentres un deserto verde de monocultivo nos
arrasa".
Gontá advertiu que "queren sacarlle os bens e recursos aos nosos
fillos para entregarllos a unha empresa privada que só busca beneficios a
conta do que faga falta". Así, a voceira de Ulloa Viva deixou claro que
"Altri non se vai instalar na nosa terra, defenderémola ao prezo que
sexa" e advertiu que "os responsábeis do sufrimento da poboación e da
escala que tome este conflito están na Xunta da Galiza". Neste sentido,
engadiu que tanto o presidente Alfonso Rueda, como as conselleiras María
Jesús Lourenzá e Ángeles Vázquez "son responsábeis do noso sufrimento e
non están cumprindo coa súa obriga de mirar polos intereses da
cidadanía" polo que os instou a "deixar o posto a outros membros do PP
que sexan capaces de facelo".
"Altri non se vai instalar na nosa terra, defenderémola ao prezo que
sexa" e advertiu que "os responsábeis do sufrimento da poboación e da
escala que tome este conflito están na Xunta da Galiza". Neste sentido,
engadiu que tanto o presidente Alfonso Rueda, como as conselleiras María Jesús Lourenzá e Ángeles Vázquez
"son responsábeis do noso sufrimento e non están cumprindo coa súa
obriga de mirar polos intereses da cidadanía" polo que os instou a
"deixar o posto a outros membros do PP que sexan capaces de facelo".
Presión até botalos "ao lixo"
O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido,
destacou desde a Alameda de Compostela o "novo éxito" da convocatoria e
apostou pola importancia de "seguir tecendo redes entre os movementos
sociais para conseguir unha tensión mobilizadora e transversal do
conxunto da sociedade galega para opoñernos a este intento por parte da
Xunta de impoñernos un modelo produtivo que non queremos".
Rubido sinalou que o modelo que a Xunta está implantando no país
"esnaquiza o noso tecido socioeconómico, tanto o agrogandeiro como o do
mar, e tamén afecta seriamente o turismo", como no caso do Camiño de
Santiago. "Estamos nun momento crucial", advertiu o
presidente da PDRA, un momento no que "a aposta de Altri e da Xunta é
esperar un cambio de goberno no Estado español para obter as axudas que
até o de agora non foron quen de conseguir". E lembrou que, "como o
proxecto de Altri naceu da man de Feixoo, Altri e Xunta queren recuperar
os apoios dun goberno da man de Feixoo e de Vox".
"Neste novo escenario a Xunta da Galiza encabezada por Rueda opta por
poñerse en segundo plano e aparentar que non teñen nada que ver co
proxecto, que depende da empresa", destacou Rubido. O presidente da PDRA
alertou de que "na realidade seguen coa mesma liña de actuación, van
alegar á planificación eléctrica e van estar botando unha man a Altri en
todo o que precise como fixeron até agora", polo que alertou, "non
podemos fiarnos, temos que seguir facendo presión hai que manter a
mobilización até conseguir que Altri e a Mina de Touro-O Pino estean nun
caixón, no lixo".
A vida das persoas no centro
Pola súa parte Che Cancelo, voceira da Plataforma
Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, dixo aos medios que "o río Ulla é
a arteria máis importante do corazón da Galiza, unha arteria
fundamental para os nosos sectores produtivos da terra e do mar".
Cancelo chamou a pór no centro "a vida das persoas", a diferenza do Goberno de Rueda, "que pon no centro os intereses de empresas depredadoras e contaminantes".
Neste sentido lembrou que o Goberno da Xunta "dá subvencións a empresas
con DIA negativa e que aínda non teñen a autorización ambiental como
Cobre San Rafael, e eu non sei se iso será legal", dixo.
Se nestes momentos nin Altri nin a Mina de Touro-O Pino están
funcionando, concluí, "é grazas a todas as veciñas e a toda a cidadanía
da Galiza que sae á rúa a dicir que non queremos ser terra de
sacrificio". "Necesitamos o Ulla, necesitamos a ría, e non imos parar
até conseguilo".
Un bosque autóctono no Obradoiro
Máis dun cento de persoas con paraugas decorados con follas e
ramallos de carballos e castiñeiros formaron no centro da praza do
Obradoiro "un monte galego de especies autóctonas". Mentres, no
escenario, Xurxo Souto deu a benvida ás persoas
manifestantes que corearon consignas e cantaron, canda a Sés e Sabela
Galbán "Tempestades de sal", todo un himno que selaron as regueifeiras
de Vila de Cruces.
Na lectura do manifesto participaron mulleres das tres plataformas convocantes. Azucena Souto, veciña de Palas de Rei; María Porto, presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril, e Olalla Barral,
pola Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino. "As persoas que
aquí estamos seguimos a crer que desde a Ulloa até a ría, terra, auga e
aire son vida! Por iso exiximos que teñen que arquivar de inmediato e
rexeitar o proxecto de Altri, que é unha industria de enclave e que
atenta directamente aos nosos intereses como pobo".
"Dicímoslle si ás chousas, aos soutos, ás fragas, aos magostos, ás
ameixas, aos mexillóns, á lamprea, ao salmón. Dicímoslle si a seguir
dignificando o noso modo de vida, o agro, a gandaría, o marisqueo, as
bateas, o turismo do Camiño de Santiago, a nosa riqueza ecolóxica, a
nosa paisaxe e o noso territorio. Queremos a vida que estamos
construíndo, pola que traballamos e loitamos cada día. Non imos deixar
que outros nos digan o que é bo para nós. Esixímoslles o respecto que
merecemos como persoas e como comunidade. Esixímosllelo".
E dirixíndose á Xunta da Galiza afirmaron que "sabemos que os
responsábeis últimos das políticas industriais neste país son vostedes".
Reafirmaron que nin a auga nin o territorio nin á saúde están en venda.
"Fronte á avaricia dunha empresa extractivista que pretende arrasar a
nosa vida, queremos deixar claro que Galiza non é terra de sacrificio: é fogar, é memoria, é futuro e un territorio harmónico". "Escóitennos
ben: non o imos permitir! Non se pode arrancar a dignidade dun pobo
vivo!". E remataron, "polas que somos e polas que virán, Altri non. Fóra
xa!"." (Nós, 14/12/25)