Mostrando entradas con la etiqueta Lugares: Monforte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lugares: Monforte. Mostrar todas las entradas

6/11/19

Bicicletas personalizadas, clientes felices... “Veño de entregar un tándem especial, o primeiro que se fai en España conducido por detrás, o traballo mais emotivo que fixen ata agora”, Manolo Díaz, deseñador e construtor de bicicletas.

"Coñecemos a Manolo Díaz no seu taller, en Monforte. Ao entrar case non o vemos rodeado de tanta bicicleta como alí ten. Tiñamos oído falar del por terceiros e por publicacións nas redes sociais pero alí en persoa as intuicións confirmáronse, neste caso para ben.

Descubrimos que é un tipo vital e demóstranos con evidencias que a paixón pola bicicleta venlle xa de neno, paixón que non perdeu nin perderá. Segundo nos conta xa arranxaba bicicletas en Barcelona con 13 anos e tiña claro que o seu futuro pasaba por dedicarse en corpo e alma a este mundo.

 No 1978 empezou a gañarse a vida reparando bicis pola súa conta e ata hoxe. Antes de trasladarse a Monforte contactou alí coa Cooperativa Integral, dedicada á divulgación ecolóxica, e propuxéronlle comercializar as bicicletas que facía; e velaí a orixe do nome comercial actual do seu negocio, Bicicletas Integral.

Entre as curiosidades que nos conta, mencionar que deseñou e construíu un tándem por encargo para o corredor monfortino da ONCE, Pablo Rodríguez, e con ela participou nas olimpíadas de Atlanta do 1996. A raíz deste encargo a propia ONCE encargoulle máis tándems para o equipo. E outra tamén digna de mencionar, Manolo é o actual campión nacional de montaxe de rodas macizas. 

Obtivo este recoñecemento no ano 2017 coa mellor marca -o máis rápido- e a mellor montaxe na Feira Internacional da Bicicleta UNIBIKE. Como non se fixeron máis competicións deste tipo estes dous anos presume de seguir coa marca e o certitificado de campión nacional. Coñecemos máis detalles de Manolo con preguntas un pouco máis concretas e directas.

-Como viñeches dar a Monforte e canto tempo levas aquí?

-Xa hai 32 anos que vivo aquí en Monforte. Como me gusta dicir a min “eu son nacido emigrante”. Os meus pais eran de dúas aldeas de Monforte, e víronse obrigados a emigrar, coma tantos outros, pola miseria existente e, por suposto, polo exceso de miserables. Da miseria sáese, con esforzo e tesón sáese, dos miserables a única saída é marchar.

-Foron difíciles os primeiros anos en Monforte?

-Non moito porque mantiven a clientela que tiña de antes a nivel nacional e seguía anunciándome nunha revista que facía unha cooperativa coa que estiven en contacto en Barcelona. Aínda lembro daquela como tiña que embalar e empaquetar as bicicletas e mandalas pola RENFE.

-E a clientela de Monforte e contorna foi chegando?

-Si, pero moi pouco a pouco. En Monforte hai moi pouca afección á bicicleta, non temos carrís bici na cidade e hai moi poucas en proporción aos habitantes e ao chairo que é o Val de Lemos. A xente que chega aquí de fóra queda moi estrañada neste sentido, tendo todas as condicións a favor o uso da bicicleta é anecdótico.

-Segues sendo ‘o catalán’ ou xa presumes de ‘galego’?

-De galego xa presumía lonxe de aquí. As últimas xeracións nadas nestes 32 anos, e equipados con bicicletas feitas por min, apenas coñecen o meu pasado “catalán”.

-Como e cando naceu a idea de crear ‘Bicicletas integral’?

-Iso foi en Barcelona, eu xa facía bicicletas artesanais, a medida. Entón a Cooperativa Integral, dedicada á divulgación da vida sa e á ecoloxía propúxome facer as bicicletas coa súa marca, xa vai dende aquela case que 40 anos.

-Considérante e/ou considéraste un ‘manitas’?

-Sempre o fun, a necesidade agudiza o enxeño, e xa dende neno tiven que buscarme a vida se quería ter una bicicleta que funcionase. Ante todo son unha persoa eminentemente práctica, na medida do posible.

-A “liña diferencial” do teu negocio vén polo deseño e a construción de bicis por encargo?

-Eu sempre me diferenciei neste sector por facer bicicletas personalizadas. A xente, aínda que poida saber o que quere cando merca unha bicicleta, tamén hai que aconsellala sobre a bicicleta máis práctica para o uso que ten pensado darlle. E logo, que sexa adaptada “ás súas midas”.

-Mira, acabas de soltar unha ‘catalanada’ (risas).

-Pois si, nin me decatei. Algo queda sempre, e a moita honra.

-Cantas bicicletas por encargo levarás feitas? Patentas estes deseños industriais?

-Non levo as contas das bicis feitas, pero todas van numeradas. Dalgúns deseños si que estou xestionando a patente.

-Algúns deseños dos que esteas especialmente orgulloso?

-O primeiro deseño que saía do habitual foi a bicicleta “Campera”, unha bicicleta deseñada para circular polo campo, por pistas de terra, a precursora das bicis de montaña. E tamén estou satisfeito co deseño de alforxas para cicloturismo e o deseño de portaequipaxes en aceiro inoxidable, os máis resistentes do mercado. E a penúltima creación o tándem conducido polo que vai detrás.

-En relación aos encargos personalizados, que hai de capricho e que de necesidade?

-Bueno, a maioría dos encargos son para cubrir necesidades concretas, aínda que ao pintalas eu tamén fago acabados individualizados ao gusto dos clientes. 

-As bicicletas adaptadas para xente con limitacións físicas teñen moita demanda ou é algo residual?

-Máis do que parece, veño de entregar un tándem especial, o primeiro que se fai en España conducido por detrás, o traballo máis emotivo que fixen ata agora. Só ver a ledicia da rapaza xa paga todo o esforzo feito. É unha idea feita realidade que vai permitir que rapaces e rapazas que precisan de atencións especiais poidan gozar da liberdade de pedalear co ar no rostro.
 
-Entendendo que o mercado é máis global que nunca, como dás a coñecer o teu negocio a nivel mundial?

-A única ferramenta de divulgación que utilizo, ademais do boca a boca dos clientes satisfeitos, é o Facebook, onde teño unha páxina na que vou subindo as fotos do que fago.

-Cóntanos algunha anécdota desas que non se esquecen nunca.

-Teño moitísimas vivencias utilizando e arranxando bicicletas, viaxes dende Barcelona, ou Bilbao ata Monforte, de Barcelona a Venecia en bicicleta, pero o sentimento máis importante é saber que parte da maxia que lle imprimo ás bicicletas que fago xa estivo por todo o planeta. Téñenme contado moitas anécdotas os seus propietarios, coma a do Mariano, un participante no viaxe de 5 sorianos pola Patagonia nas Bicicletas Integral, tempo despois viaxando por Colombia estivo a piques de que os paramilitares lle roubaran a bicicleta. Defendeuna a risco de acabar alí os seus días, e salvouna.

-Esta anécdota de Mariano di moito do valor que teñen para o usuario/a as bicicletas, polo menos neste caso.

-Xa che digo (risas). Para min é un orgullo, claro."                     (X. M. F., Xornal de Lugo, 11/10/19)

29/1/14

Os cartos da lotaría en Monforte construirán unha fundación solidaria

"O pasado 6 de xaneiro Monforte espertaba coa nova de que o premio gordo da Lotaría do Neno caera na vila. En total, 120 millóns de euros que quedaron en Monforte case na súa totalidade e que, ademais, foron moi repartidos. 

 A alegría inicial foi seguida, en cada fogar agraciado, polas habituais reflexións sobre que facer con eses cartos non esperados, e a prensa local deu conta nos días seguintes das tamén habituais visitas dos empregados das entidades bancarias, na procura dos premiados e premiadas para facerlles distintas ofertas de investimento.

Cada un e cada unha fixo ou fará cos cartos o que decida, pero un grupo de monfortinos e monfortinas decidiu facer algo distinto, algo colectivo, algo "que reverta na vila". Este sábado presentouse no concello a iniciativa, que parte dunha parte das persoas premiadas, de constituír unha fundación que administre, en beneficio do progreso da cidade, fondos procedentes do premio da lotaría de Reis e de achegas de particulares. 

A fundación, se ten o apoio económico e social suficiente, financiaría proxectos sociais e solidarios, e tamén iniciativas empresariais e de emprendemento, con "carácter de progreso". O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, explicou en rolda de prensa que a idea partiu dalgúns agraciados, que se reuniron para “pensar en ideas para que o diñeiro do premio da lotaría revertese en Monforte”, e que a iniciativa, tras varias reunións, foi ampliando o seu campo de acción, até adoptar a súa forma definitiva.

Como destaca un dos seus promotores, César Vázquez, a iniciativa "naceu co obxectivo de axudar na parte social a todas esas persoas que o están pasado mal, hai unha parte de Monforte que o está pasando moi mal, e xa que o premio tocou en Monforte, é obrigado axudalos”. Ou, como salienta outra das promotoras, “todo canto se faga é polo beneficio da nosa cidade e, polo tanto, polo beneficio dos nosos veciños e veciñas".

No eido social, a fundación terá como cometido investir parte do diñeiro recadado en alimentos e artigos de primeira necesidade para as persoas máis necesitadas do municipio, así como na creación dunha liña de bolsas para financiar os estudos universitarios da mocidade con poucos recursos económicos.  
No eido laboral e de apoio a emprendedores, a fundación financiará proxectos empresariais para desenvolver en Monforte. Para isto crearase unha páxina web a través da que persoas de todo o Estado poderán presentar  proxectos que serán estudados e valorados por unha comisión integrada por expertos e expertas da vila e das universidades galegas. (...)"             (Praza Pública, 25/01/2014)