Mostrando entradas con la etiqueta Lugares: Burela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lugares: Burela. Mostrar todas las entradas

25/6/18

Antonina Semedo: caboverdiana, mariñá

"Mentres conversamos no Casa Selmira de Cangas de Foz, os veciños chancean con Antonina Semedo. “Estás máis solicitada cós políticos”, rin. Un colectivo veciñal con representantes de varios municipios da bisbarra vén de propoñer o nome desta muller caboverdiana, unha das primeiras migrantes africanas que pisou A Mariña, para a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia. Tamén hai unha campaña de recollida de votos en internet para esta fin.

A plataforma destaca o esforzo de Semedo como “activista social, mediadora intercultural, intérprete musical e muller emprendedora”, unha bagaxe que acumulou durante catro décadas. Antonina chegou a Cangas de Foz o 23 de xullo do 1978, cando tiña 24 anos. Alcanzaba así ao seu home, que viñera á comarca para axudar na montaxe da fábrica de alúmina-aluminio de Inespal e que despois gañou o pan no mar.

Cada emigrante ten un xeito de explicar o desarraigo, pero Antonina retrata os comezos cunha historia traxicómica. A súa presentación en sociedade foi nun enterro ao que quixo ir para coñecer a cultura da morte galega. Era a única negra que había no funeral e a xente preguntaba de onde saíra. Por se non chamaba abondo a atención, ortigouse. “Eu nunca unha ortiga vira e rocei unha. Daquela empezaron a picarme as pernas e non paraba”, ri.

“Unha muller en Lugo, despois de dar moitas voltas, pediume: ‘podo tocarte?’. Outra preguntoume se quería aos meus fillos como ela quería aos seus”, lembra Semedo, que se resiste a utilizar a palabra racismo. “Non había hábito de tratar con nós, era descoñecemento”, asegura.

Entre os prexuízos tamén atopou apoio. “Tiven moita sorte cos veciños”, sinala. A súa axuda fíxose imprescindible cando o seu home padeceu un accidente. Antonina, ás veces cos fillos ás costas, apañou algas, plantou eucaliptos, foi camareira, coidou maiores. No pasado 2017, con 39 anos de convivencia exemplar e traballo en España e dous fillos galegos, tivo que facer un exame para obter a nacionalidade española.

O BATUKO

Nun galego cun acento por veces caboverdiano, por veces mariñao, Semedo conta que comezou a traballar na súa Santana natal, con catro anos. Miraba de que as cabras non se dispersasen porque a súa familia non se podía permitir un valado. Nos descansos desfrutaba dunha tradición centenaria e proscrita. Coa chegada dos portugueses, as mulleres de Cabo Verde cantaron para protestar pola súa irrelevancia. 

Para acompañar os seus laios, primeiro utilizaron o peito como percusión. Logo usaron un pano mollado e despois unha saca de coiro colocada entre as pernas, o batuko. Este estilo musical estivo prohibido até a independencia, no 1975

Á altura do 1999, a poboación caboverdiana na Mariña -especialmente en Burela– tiña unha importante incidencia. Daquela, Semedo fundou Batuko Tabanka (“tambores de entroido”), un grupo musical que levou a música de Cabo Verde por todos os recunchos da Península Ibérica e que colaborou con Uxía Senlle, Mercedes Peón ou Luis Pastor. Nas súas cancións, as 13 mulleres que integran a banda seguen a tradición: falan de maridos que están no mar, da ‘sodade’ á que cantaba Cesária Évora ou da violencia machista. 

OS ADOLESCENTES, DESCOLGADOS

O grupo naceu no seo da asociación Tabanka, que vela polos intereses dos caboverdianos na bisbarra. A Semedo preocúpalle a integración dos adolescentes que chegan á Mariña, moitos deles sen a rede familiar, pois soen quedar descolgados pola esixencia dos estudos. 

Así é complicado transmitirlles a importancia dunha formación. “Traballamos para atopar a alguén que os entenda no seu idioma, unha especie de orientador que coñeza o español, o galego e tamén o crioulo”, asegura.

Acabada a entrevista, Semedo saúda aos veciños, que toman o vermú do domingo no mesmo bar a onde chegou hai 40 anos. “Nunca pensaba, nunca imaxinaba / estar tanto tempo lonxe da miña terra”, canta nunha das pezas de Batuko Tabanka. Hoxe, para atopala hai que preguntar por Antonina de Cangas. Está agradecida ao chan que pisa, pero foi xente coma ela a que fixo mellor a bisbarra."              (Ramón González Rey, Xornal de Mariña, 21/05/18)

7/6/18

Afrogalegas: "Estamos orgullosas de ser negras"

 
 Artemisa Semedo, de Afrogalegas. Yanina Torres

"Hai unhas semanas, un grupo de mulleres estendían unha mensaxe taxativa por redes e rúas. Empregaron varios cancelos, mais para comprender a súa singularidade só precisamos dous: #SomosNegras, #SomosGalegas. 

Na súa páxina explícano máis polo miúdo: “Entendemos a afrodescendencia coma un termo que engloba diferentes matrices, raíces, culturas, formas de pensar, enfoques ou identidades que teñen a súa orixe común na tradición africana e nas herdanzas ou ascendencia que cada unha recibimos dos nosos antergos”. Quedamos nun clásico bar da Coruña con Artemisa Semedo, unha ‘afrogalega’ caboverdiana de Burela.

Como nace o colectivo?
 
Afrogalegas xorde hai uns meses a partir dunha exposición de persoas afrodescendentes. A raíz diso fixemos unha xuntanza para poñer ideas en común e xurdiu a idea de facer algo porque na cidade na que vivimos, A Coruña, non se nos facía sentir como galegas. Pensamos en que podiamos facer e lanzamos a campaña aproveitando o 21 de marzo, o Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial. 

O lema da campaña é: “Non me chames ‘negrita’, chámame negra”. Lanzades mensaxes claras e directas.
 
Cremos que é necesario chamar ás cousas polo seu nome e non darlles máis voltas. Coa campaña buscabamos iso: deixar claro que estamos orgullosas de ser negras. Cando a xente fala das persoas afrodescendentes tenta suavizar ou buscar un eufemismo para que non nos sintamos ofendidos. Pois todo o contrario, nós estamos orgullosas de ser o que somos.

Escribías nunha poesía: “Non son de aquí nin de alá, son de todos os lares ou ningún, tamén”. É dicir, sodes afrodescendentes pero tan galegas coma calquera. A xente entende isto?
 
Para moita xente aínda é complexo entender que unha persoa poida ter máis dunha identidade, que as identidades e sentimentos dunha persoa poden ser diversos e que ademais é algo positivo que denota unha riqueza cultural.

Percibides un racismo cotiá en Galiza?
 
Si que o hai, pero o termo racismo ten unha connotación tan negativa que a xente o primeiro que pensa é: “Racismo? Aquí non hai diso, iso é unha cousa de antes”. Pero a realidade é que moita xente non actúa en base esa idea. No día a día decatámonos de que o racismo non é unha cousa pasada. 

Ti es de Burela e agora vives na Coruña. Notas algunha diferencia nestes dous contextos?
 
Foron etapas diferentes. A miña adolescencia vivina alá en Burela, onde non hai unha integración perfecta como moitos pensan. Despois, cando tiven a oportunidade de vir á universidade a Coruña notei un ‘clasismo’ rancio e miradas raras, sobre todo á hora de buscar emprego.

 Tamén escoitaba comentarios fora de lugar dalgúns profesores na universidade, onde non esperas ter ese tipo de problemas. O racismo realmente está presente a todos os niveis, comezando polos debuxos que ven os nenos e nenas.

Cales son os seguintes pasos de Afrogalegas?
 
Desde a campaña que puxemos en marcha o 21 de marzo estamos tendo boa acollida na cidade e atopamos persoas e asociacións que queren facer cousas a favor da igualdade. Estannos chamando para facer proxectos así que teredes noticias nosas moi pronto."              (Pablo Santiago, El Salto, 30/05/18)