Mostrando entradas con la etiqueta Antropologia da ribeira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antropologia da ribeira. Mostrar todas las entradas

5/9/23

Alfonso Gómez Cruz, alcalde cormelán de Xenebra: "Corme era o reino dos rapaces"

 "O primeiro alcalde galego no país helvético é cormelán. Alfonso Gómez Cruz foi investido este pasado mes de xuño nunha emotiva e moi galega investidura. Pero a pesar do seu papel non perdoa a visita á súa terra natal cada mes de agosto.

Infancia en Corme

Repasamos, en galego (curiosa a súa historia lingüística: “teño 3 linguas maternas, o galego, castelán e o francés”, explica), a súa infancia. Naceu en Corme, pero ao ano de vida os pais marcharon para Suiza, e tivo que quedar cos avós. Cando naceu á súa irmá, con 5 anos, marchou para o país helvético coa familia. Aos 8-9 volveu a Corme, e lembra con agarimo aqueles tempos cos amigos do pobo como o propio Suso Lista, xogando na rúa, mesmo no campo que había camiño da Ghurita.

”Lembro detalles como a continua presenza da Garda Civil por Corme, pero sobre todo o feito de que vivíamos na rúa, este era o reino dos rapaces. Lembro aquel pobo mariñeiro, onde todos eramos da mesma familia, todos os anciáns eran tíos ou tías… esa proximidade quedoume marcada”, debulla.

Aos 10 anos trasladou á Coruña, e pasou 3 anos no internado na Academia Galicia, na Praza Maestro Mateo, pero volvendo cada verán a pasalo á Costa. Do internado recorda un profesorado moi estrito, pero o mellor era que eramos ceibados o sábado e pasábamos o día pola rúa, algo que xa non se ve tanto hoxe. Riazor era noso, eran uns tempos, a pesar de estar internado, de gran liberdade”. “Lembro ir ver o Deportivo a Riazor, que nos colábamos para ver aquel “equipo ascensor”… Quedoume marcado o Deportivo como un sinal de identidade, un sentimento como o do Athlétic de Bilbao. E co paso dos anos poder fardar do Dépor por aí… Iso si, a única vez que estiven a piques de tirar, fisicamente, a televisión pola ventá foi co penalti de Djukic…” lembra aínda sufrindo no peito.

O Corme de agora e o de antes

”Hai cousas positivas outras menos positivas. As menos positivas, cóstame dicilo, pero hai que ter en conta os avances, é por exemplo que antes as celebracións, as festas, eran máis de irmandade”, relata.

En materia de infraestrururas, valora que “o pobo carece a día de hoxe de servizos de proximidade. Os Concellos deberían, máis que investir en grandes infraestruturas… que tamén fan falta, pero áis en postos de traballo de poximidade, que van traer outro tipo de empregos e de xente. Un exemplo, hoxe se queres comprar calquera cousa temos que ir á Ponte. Houbo 6 panaderías en Corme e hoxe temos un panadeiro”.

E sobre todo bota de menos ese Corme dos nenos, esa vivencia de rúa. ”É importante que a sociedade civil teña a posesión da rúa”.

E urbanísticamente?, preguntámoslle

Urbanísticamente, o desastre foi feito (di en relación, por exemplo ás vivendas erguidas hai 15 anos no Osmo). Foi o desastre do cemento, das inversións, do diñeiro fácil… É incrible, ías ao banco e tiñas préstamos para a casa, para o coche, para as vacacións, para a tele… dicía meu pai, pero isto que é?  Eu fixen economía, pero non son un gran economista, pero todo o mundo sabe que non hai que endebedarse.

desastre é que o valor de patrimonio non se considerou de maneira colectiva. Cando a propiedade privada prima sobre o valor colectivo como valor patrimonial, chegan os problemas. "Por exemplo, no meu outro país está habendo cambios, e neste momento queremos renovar o concello con medidas medioambientais, pero non podemos antes de facer un debate sobre o valor patrimonial. Iso require un cambio de mentalidade".

”O meu outro país”

Refírese a Suiza como “meu outro país”, e da súa outra cidade, Xenebra, co respecto dunha sociedade avanzada, nun goberno formado polos ecoloxistas (cun 20-21% de votos), Socialistas (outro 20-21%), e extrema esquerda (un 7-8%). Son habituais os gobernos de coalición coma este que forman 5 concelleiros que rotan no poder. Para ver a capacidade de negociación entre os diferentes grupos políticos, é curioso o feito de que dos 5 concelleiros, e apesar do pacto de esquerdas, 2 son socialistas, 2 son ecoloxistas, e o quinto é da Democracia-Cristiana (dereita).

Participación cidadá

Suiza é un dos mellores exemplos de participación cidadá. Por exemplo, fanse cada ano uns 15-20 referendums entre federais, cantonais e municipais, que se fan por correo ordinario, cunha porcentaxe de participación medio o 35-40%. Son referendums vinculantes, ademais, pero a súa execución depende de outros factores como os orzamentos, os apoios…

”Pero o máis impotante é ter Consenso social, e nese sentido estas medidas axudan”, explica.

Ecoloxistas no poder

Explica o auxe dos ecoloxistas no país e a falta de avance por exemplo en Galicia. ”É complicado, en Francia, por exemplo, non avanza, tampouco. Nós estamos medrando moito nos últimos anos, aproveitando a onda chegada dende Alemaña”.

Alí tamén se escoitan eses argumentos enquistados do “xa están os ecologistas”… “É lóxico, porque somos os máis rupturistas coa sociedade, mesmo máis que extrema esquerda. Ao fin e ao cabo, pero cremos que hai que cambiar a forma de producir, hai que producir e consumir menos”.

Ten claro que “os que están queimando máis enerxía son os máis ricos. E hai que dicilo. A min gústame sacar debates complexos… Por exemplo, o tema da carne, eu propuxen que había que comer menos carne, e reducir os produtos de carne en eventos municipais a un 10%, pero sobre todo hai que comer só carne producida en Suiza. A dereita aproveitou, esqueceu o da produción local e se puxo moi en contra. Ao final conseguimos facer un comunicado común no que todos coincidimos en que a importación agrícola ten que ter uns controis agrícolas como os que teñen os produtores locais, que en principio tamén protestaron, pero non se decataron que a produción local só cubre o 10% do consumo de carne do país, o resto impórtase á Mercosur, a sudamérica. Por iso, o que facemos será promover a nosa agricultura”, explica. 

Disxuntiva eólica de Galicia

”A forma de produción máis importante é <strong>a economía de enerxía: o non consumir</strong>. Esa é a primeira cousa que hai que ter en conta. Logo non podemos impoñer eólicos sen levalo a debate. Eu non estou en contra dos eólicos, pero hai que facer primeiro un eólico local, hai que analizar os inconvintes, e os beneficios. Non se pode pedir á poboación local que acollan os eólicos que non teñan vantaxes ningunhas”. En calquera caso, “a min a verdade que non me estorban os viraventos, pero hai que ter en conta o beneficio dos pobos”, sinala.

Todo baixo o marco da baixada de produción, falando en clave de decrecemento e do cambio dos “métodos carbónicos ou nucleares a renovables”

Contaminación luminosa

Xa debullamos o impacto do Plan Lumiere que están desenvolvendo  na cidade de Xenebra que se analizou nas Xornadas de Contaiminación Luminosa celebrada no MACCMO, e que nestes anos afronta unha segunda máis máis enfocada á biodiversidade, tras varios anos centrada no aforro enerxético. “Levamos moitos anos decatándonos da importancia dos corredores medioambientais, polo que facemos microbosques, quitando aparcamentos, que atravesan a cidade, que ademais de eliminar calor gracias a cambiar o mineral por terra, favorecen moito á diversidade”, explica. <br/>Todo o proxecto baséase na redución do alumeado público, e en modificar a forma de alumear, tendo en conta outros asuntos como a seguridade… bases que poden servir para que os políticos da nosa comarca comecen a abrir o debate sobre a necesidade de instalar novas farolas diante de cada casa.

Sobre a consecución do Selo como Destino Starlight da Costa da Morte, valora como unha oportunidade, “Galicia se pode favorecer dun turismo ecolóxico, e non hai máis que ver o auxe do Camiño dos Faros”, pero tendo claro as prioridades. “Eu sempre dou exemplo de que antes, dende o piso do meu avó, vía a Vía Láctea e hoxe mesmo non se ve”. ¡Critica que “hoxe o alumeado é moito máis potente, sobre todo nos portos, e iso é moi importante”.¡

Que pode facer un Concello na materia?

Pois hai moitas cousas pequenas como facer un alumeado nos paseos marítimos que só alumee para abaixo, ou só cando pase a xente. Son investimentos importantes, é certo, e isto é un debate que vai levar tempo”, sinala referíndose aos millóns de euros investidos nestes anos por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica no cambio de luminarias, empregando millóns de euros no cambio de luminarias a formato led, pero sen modificar a forma de alumear."                 (Qué pasa na costa, 04/09/23)

28/4/17

“A de Man de Camelle é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical”

"Man non era un anacoreta tolo. Era un artista romántico. Un ser que, desde sempre, recibira a chamada da natureza. Do ancestral. Ata que a escoitou. E só ficaron el e o universo. Coa arte como intermediaria. 

Esta podería ser, condensada en poucas palabras, a historia que Xerardo Quintiá conta sobre Man, o alemán de Camelle, na súa novela O viaxeiro radical. Un relato posible sobre unha figura que, como o autor di, dá para falar de moitas cousas.

Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?

Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. 

Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas.

Cando dis que dá para falar de moitas cousas, refíreste, por exemplo, á concepción da arte…
A concepción da arte, que significa ser artista na sociedade de hoxe, o conflito do artista coa sociedade… Coa situación socioeconómica de hoxe, nunha sociedade na que as persoas viven pendentes do material, Man vive co estritamente necesario.

Mais nesa imaxe do ermitán quizais haxa un risco de idealización romántica do personaxe.

É que el era un artista romántico. Descobre a súa vocación despois de contemplar un cadro de Friedrich. Non é idealización: é que é un romántico. Mais, a que te refires?

Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.

O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos... Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil.

É unha persoa solitaria. Mais en realidade tampouco é exactamente así. Escolle ben con quen quere relacionarse. Para ser artista na sociedade actual, non tes que vivir retirado dela. 

A súa é unha soidade escollida. El decide ser como é. Ten moitos matices, contrapostos e complementarios.

Como ser un ser moi vulnerable e ao mesmo tempo capaz de arrepoñerse cando o agriden. É verdade que foi acusado de abusar sexualmente dunha nena?

É moi sensible e ao mesmo tempo moi forte. Arreponse ás adversidades, que foron moitas. Escolle un tipo de vida que lle causa problemas cos veciños, coa familia… pero el tira para adiante. O da acusación de abusos sexuais é verdade. Tivo un xuízo, pero a acusación non se sostiña e ao final quedou en nada. Foi terrible o que tivo que afrontar.

Na novela contas como evoluciona a relación cos veciños, ou máis ben con parte deles. De ser ben acollido a ser rexeitado porque non cumpre as normas.

Cando vives nun sitio pequeno non pasas desapercibido, claro. Man encaixou ben en Camelle, nun principio. Era un mozo educado, que ía á misa… pero despois deu un cambio brusco que a xente non soubo asimilar. Ademais tivo un conflito cos veciños cando se construíu un dique onde estaba o seu museo.

A súa concepción da arte é tamén moi romántica. O artista como intermediario entre a natureza e o home.

Si, é a concepción romántica da arte, coa importancia que a natureza ten nela. El nun principio é un artista “clásico”: usa lenzos, cadros, viaxara a París para converterse nun artista recoñecido… Pero despois decátase de que iso non ten sentido e asume un dos principios do romanticismo: o home fronte ao universo, sen Deus, sen familia, sen sociedade… O individuo fronte ao universo absoluto.

El mesmo pregúntase ás veces se non estará caendo no “espectáculo” e o “mercantilismo”, como cando acepta ser entrevistado en televisión. Tiña un desexo de grandeza, pensaba que a súa obra ía ser un gran legado para a humanidade…

Por moito que o artista tente ser humilde, se non ten un desexo de grandeza non aspiraría á transcendencia, entón a arte non tería sentido.

No fondo, é unha historia de procura da liberdade.

A de Man é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical. Desde as primeiras viaxes que fai. Unha liberdade artística, emocional, existencial…

Namora dunha mestra do pobo e, como se sente rexeitado, non quere saber nada máis do amor, nin da sociedade en xeral. Ademais desa necesidade latente dunha vida anacoreta, se cadra tamén tiña moito medo. Ao fracaso.

O tema do namoramento funciona ben a nivel literario. Tiña que haber un motivo para o seu cambio de vida. Un detonante. Pero eu non creo que fose unha persoa que se deixase levar polo medo. Nese fracaso amoroso el atopa o motivo para converterse en quen quería ser. 

De feito, acaba dándolle as grazas á mestra, porque pensa que se tivese casado con ela, sería como o marido dela, unha persoa “normal”. Si que é verdade que todo o marcaba moito, pero é quen de tirar para adiante malia as ameazas, a malleira que lle deron…

A conexión co “primitivo”, co ancestral, está desde o principio. E coa natureza. A súa arte pode entenderse tamén desde esa perspectiva. Os seus círculos…

Hai unha chamada constante da natureza. O fracaso amoroso é o detonante para que a escoite e se retire da vida social.

Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos & Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.

Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos & Fornelos, primeira fundación e Fornelos & Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra.

E a procura da orixe para dar sentido á existencia.

É existencial, vivencial, si. Buscamos a orixe para atopar o sentido.

O idioma tamén está moi presente. Como parte desa orixe.

En Fornelos & Fornelos, primeira fundación, non había esa alusión ao idioma. A segunda parte é máis reflexiva e o tema do idioma tamén é máis notorio. Podemos falar da orixe, do sentido da existencia, grazas ao idioma, á linguaxe. E o idioma é o que é, o galego, na situación na que está.

O libro está dividido en varias partes. Cales son as diferencias entre elas?

O de dividilo en partes é unha maneira de estruturalo, pero non hai diferencias importantes entre elas.
Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.

Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.

Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.

Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía."                (Praza Pública, 07/02/16)