Mostrando entradas con la etiqueta Idioma gallego: Uso clasista. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Idioma gallego: Uso clasista. Mostrar todas las entradas

19/12/23

O caso da 'tiktoker' Alba Castro: cando se ataca ao galego con 'gheada' e 'seseo' por consideralo "rural" e "ridículo"

 "A filóloga galega María Pérez Lago elaborou o seu traballo de fin de grao (TFG) sobre os comentarios que a 'tiktoker' de Fisterra Alba Castro (@mamatopa_alba) recibía no seu perfil por usar a 'gheada' e o 'seseo'. Así nolo conta.

O desenvolvemento do mundo dixital foi modificando a maneira na que interactuamos e non se pode negar que na actualidade as redes sociais son un importante medio de comunicación no que se recollen múltiples repertorios lingüísticos. Nelas, o galego tamén está presente, o que xera ás veces gran debate e controversia, especialmente polas diversas formas nas que este se expresa, pois a lingua, dependendo da zona na que se fale, ten as súas propias variantes. O galego está a sufrir unha importante perda de falantes, polo que a súa presenza no ámbito dixital é esencial para que se manteña vivo. Con todo, traballos levados a cabo nos últimos tempos amosan que as ideoloxías lingüísticas condicionan as actitudes e usos lingüísticos dos individuos e determinan o seu prestixio ou desamparo social. Nesta liña, o traballo de fin de grado da filóloga galega María Pérez Lago foi quen de recoller con exactitude os comentarios que recibía no seu perfil a 'tiktoker' galega Alba Castro (@mamatopa_alba) polo feito de empregar a 'gheada' e o 'seseo' na súa fala.

"Había como dous grupos de persoas dentro dos comentarios que lle facían aos seus vídeos: un que a atacaba constantemente polo uso da 'gheada' e do 'seseo', aínda que non lle daban moita importancia a outros trazos dialectais ou ao uso de castelanismos, e a atacaban intentando ridiculizar a súa lingua e desprestixiala; pero tamén había outro grupo, máis pequeno, que se sentía identificado coa súa lingua, pois formaba parte da mesma comunidade lingüística, e defendía todos os seus argumentos sobre o uso do galego", explica Pérez Lago. O problema, como adoita suceder en todos os aspectos da sociedade, é que "sempre destaca máis o malo, polo que destacaba máis a comunidade que a atacaba constantemente polo simple feito de expresarse en galego nunha rede social, dicíndolle que iso non servía máis que para os galegos, que os casteláns non o entendían e galegos que lles dicían que forzaba a súa variedade, como se só existise un galego". Así as cousas, esta filóloga considera que "fagas o que fagas e fales como fales, en redes sempre vas a ser criticado, así que o meu consello é: di o que queiras, fai o que queiras e sé ti, porque falar sempre van falar".

UN TEMPO NO QUE O GALEGO ORAL ESTÁNDAR SE CONSIDERABA MÁIS CULTO

O galego é unha lingua nacional cuxo proceso de normalización se desenvolveu tardiamente con respecto á maioría das linguas europeas. Ademais, vive en contacto lingüístico con outra lingua, o castelán, a lingua oficial do Estado e con maior número de falantes. En Galicia, a recuperación da lingua no espazo público estivo vinculada ao proceso de construción nacional iniciado no século XIX e nas últimas décadas do século XX coa implantación dos poderes autonómicos e cos movementos nacionalistas que ao longo deste período foron aflorando, conscientes da necesidade dunha identidade colectiva diferenciada para o galego. Así, durante moito tempo loitouse pola estandarización da lingua, onde se pretendía impoñer unha lingua estándar sobre o resto das variedades.

Os procesos de estandarización centráronse nas formas escritas da lingua, en establecer e codificar uns patróns e uns paradigmas para a representación ortográfica. Pero antigamente o galego reducíase á oralidade, empregado só nas capas sociais máis baixas, polo que era unha lingua concibida como popular e informal. Á idea de 'impureza' da lingua oral sumouse tamén a concepción tradicional da lingua escrita como modelo de excelencia lingüística, de maneira que a corrección oral asóciase á escrita e concíbese como unha variedade que debe imitala en todos os seus ámbitos: léxico, gramática, morfoloxía e fonética. E na escrita sempre se rexeitaron fenómenos estigmatizados como a 'gheada' e o 'seseo', propios das variantes dialectais da nosa lingua, así como os dialectalismos e os vulgarismos. O estándar oral era recoñecido como a variedade máis culta e propia de xente con formación académica.

Durante as últimas décadas experimentamos un dos cambios tecnolóxicos que máis impacto produciu no desenvolvemento da sociedade: a irrupción de Internet. A emerxencia da rede mundial foi o que impulsou unha nova revolución na comunicación humana e a aparición dunha 'nova tecnoloxía da comunicación'. Na actualidade, o mundo dixital e as tecnoloxías da comunicación son fundamentais, pois nelas transcorre unha gran parte da vida social contemporánea. Grazas á súa accesibilidade, ao alcance e á posibilidade de participación colectiva, as redes sociais convírtense nun destacado medio de comunicación no que os usuarios manifestan e comparten opinións, ideas e inquedanzas.

Pero neses comentarios tamén se producen as ideoloxías lingüísticas dominantes na sociedade galega, que revelan a situación actual da lingua. Hoxe por hoxe, o galego ocupa o trixésimo sétimo posto entre as linguas no que se refire á súa presenza en Internet. Así, un 0,0014 % das páxinas totais que conforman a rede (98.998) están íntegramente en galego. Aínda queda moito camiño por facer, pero vaise andando. Polo que respecta aos medios de comunicación, por desgraza, aínda hai moi poucos en galego, e este estase a popularizar máis a través das redes sociais, onde é empregado polos mozos e mozas na creación de contido, o que é moi importante para garantir o futuro da lingua e a súa recuperación

TIK TOK DEU PRESENZA A MOITOS TRAZOS DIALECTAIS DO GALEGO NA REDE

En concreto, a rede social Tik Tok apareceu no ano 2016, ao mesmo tempo que xurdiron as coñecidas como 'stories' de Instagram. A súa finalidade era a creación dun contido máis oral, audiovisual e de caracter informal fronte ao texto que predominaba noutras redes como Facebook ou Twitter. A gran vantaxa é que Tik Tok era (e segue a ser, aínda que con certas funcións de pago) un servizo gratuíto, polo que democratizaba o acceso á rede a calquera usuario. O seu maior crecemento deuse no ano 2022 (+ 215 %), chegando aos 814 millóns de usuarios. Dende entón, cada vez foron xurdindo máis e máis perfís que usaban a lingua galega na creación de contidos, pero non só o galego normativo, senón tamén todas as variantes dialectais propias das zonas de residencia dos 'influencers'. Así, fenómenos como a 'gheada' e o 'seseo' fíxeronse cada vez máis notorios na plataforma.

Cal foi a reacción da xente a isto? Pois, como adoita suceder en todas as redes sociais, sempre vai haber os típicos 'haters' (persoas que tratan de inxectar odio e rexeitamento) que tenten ridiculizar os contidos dos creadores que usan variantes dialectais do galego, do mesmo xeito que hai quen só polo feito de que usen o galego xa considera que é algo negativo. O TFG de María Pérez Lago toma como referencia os contidos da 'tiktoker' galega Alba Castro (@mamatopa_alba), que conta con algo máis de 32.000 seguidores en Tik Tok e máis de 675.000 'likes'. Ela, por ser da zona de Fisterra, emprega 'gheada' e 'seseo' na súa fala habitual, e iso é algo que xerou moita controversia no seu perfil, e que a levou a recibir comentarios de todo tipo. 

O ACENTO GALEGO: 'NORMAL QUE PENSEN QUE SOMOS PALETOS'

Había persoas que a acusaban de ter un acento galego moi forzado e esaxerado, dicindo mesmo que o estaba a esaxerar para saír en Tik Tok e que se falase máis dos seus vídeos, cando de seguro que na vida real non falaba así. Comentarios do tipo: 'fuérzalo menos y parece real'; 'sempre falas así ou exageras o acento pra os videos?'; 'yo soy gallega, pero no hablamos así de bruto'. No TFG María Pérez fala de que nun momento de gran auxe das redes e no que todos gozamos das mesmas posibilidades, semella que para destacar e adquirir maior repercusión e visibilidade dentro da comunidade virtual é preciso presentar algunha particularidade, por iso hai quen se cuestiona se Alba fala así na súa vida cotiá. 

Outros dicían que lles molestaba o seu acento, porque lles resultaba pouco agradable aos oídos, como se fose unha lingua de monte, usada polas clases sociais máis baixas. Semella que aínda non fomos quen de superar certos prexuízos, porque dicían que un acento máis neutro sería propio e indicativo de que contaría con máis formación e estudos. Dicían cousas como: 'pq tienes que hablar así? Los gallegos no hablamos así, normal q piensen q somos paletos, siempre exagerando el acento'. Ao que Alba respostaba: 'claro, os ghalleghos falamos coma ti, en castellano; por falar como falo eu non son paleta, paleta é unha persona coma ti que pon este tipo de comentarios'. 

A 'GHEADA' E O 'SESEO': 'TE SEGUÍ PORQUE ME HACIA GRACIA TU GHEADA'

Pola banda da 'gheada' e do 'seseo', dicían que tamén eran fenómenos propios dunha fala de monte. É dicir, arredor deles segue a haber aínda a día de hoxe un estigma social, que non se logra erradicar. Así, moitos usuarios asociaban o feito de que Alba empregase estes fenómenos a que ela fose de campo e non de cidade. En concreto, como apunta María Pérez no seu traballo, hai máis estigma co tema da 'gheada' que do 'seseo', que moitas veces semella pasar máis desapercibido a oídos dos oíntes. Os comentarios ao respecto dicían: 'Yo creo que fuerzas la gheada, no he oído a nadie forzarlo tanto ni en Fisterra ni en ningún lado. Pero habla como quieras'; 'o sea creo y tengo derecho a creer que a esta chica se le junta la gheada y un problema de dicción'.

Ademais, mesmo se rían de como usaba estes trazos dialectais, asegurando que lles causaba graza, pero non no bo sentido da palabra, senón como se estivese a facer o ridículo por falar desa maneira. Reaccións do tipo: 'de hecho empecé a seguirte porque me hacía gracia tu gheada, a mi juicio exagerada, si no tu perfil no me habría llamado la atención'. Con todo, tamén hai unha parte importante da audiencia de Alba que manifesta un alto grao de orgullo: 'A gheada e o seseo é o mellor do galego!!!'; 'o único galego mal falado é o que non se fala'; 'o idioma galego é a nosa identidade en cada zoa'."             (Ángela Precedo, Galicia Calidade, 18/12/23)

30/9/19

O galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación... sí, pero dispárase o número de nenos que sabe falar pouco ou nada o galego durante a última década

"O uso do galego estáncase. 

A precaria evolución na transmisión interxeracional, no ensino e no prestixio social provocan que a lingua propia manteña a día de hoxe os problemas que os datos revelaron hai xa cinco anos, sen mellora ningunha pero sen un grande empeoramento tampouco. O galego resiste, malia todo, como idioma maioritario da poboación galega pero segue a ser moi minoritario entre as xeracións máis novas

Na actualidade, algo máis do 30% da poboación de Galicia fala sempre en galego, case a mesma porcentaxe (-0,63) que en 2013, segundo a Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego que publicou este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE) en referencia aos últimos datos, de 2018.

O uso sempre do galego mantense mentres que aumenta un chisco (1,43 puntos) a procentaxe de poboación que fala máis galego que castelán, ao situarse no 21,72%, aínda que tamén aumenta a porcentaxe daquela que fala máis castelán que galego, ao pasar do 22,3% de 2013 ao 23,3 de 2018. Ademais, algo máis do 24% da cidadanía galega fala sempre en castelán, 1,85 puntos menos que hai cinco anos. 

Xa que logo, o uso do galego case non mudou no último lustro, pero a situación é moito menos optimista de comparar os datos cos de hai dez ou quince. Na actualidade usa o galego sempre ou máis galego que castelán o 52,3% da poboación, case o mesmo dato que hai cinco anos (51,5%) pero uns cinco puntos menos que hai unha década (57%) e case dez por baixo que en 2003 (61,5%). A utilización da lingua propia mantense estable nos últimos anos pero non se recupera da crise que paseniñamente a afecta. 

Obviamente, a situación non é igual dependendo da idade. Mentres o 48,5% das persoas de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 25% utiliza máis o galego que o castelán, entre a rapazada de 5 a 14 anos, tan só o 14,3% fala sempre en galego e o 11,9% máis en galego que en castelán (26,2%). Case o 74% restante emprega sempre o castelán ou máis castelán que galego. 

A situación entre os máis pequenos é case idéntica á de 2013, pero moito peor para o galego que hai unha década. Daquela, máis do 36% falaba só en galego ou máis galego que castelán fronte ao 26,2% actual. Hai quince anos, esa porcentaxe elevábase ao 40,3%. De novo, como en termos globais, case un descenso dun punto no uso da lingua por cada ano. 

O panorama do galego é tamén revelador de ter en conta os datos sobre o seu coñecemento. En 2018, o 88,1% dos galegos e galegas de 5 ou máis anos di saber falar moito ou bastante o galego, fronte ao 86,93% de 2013, o 89,2% de hai unha década e o 89,6% de hai quince anos.  

De repararmos só nos máis pequenos, as persoas de entre 5 e 14 anos, o 76% din saber falar moito ou bastante o galego fronte ao 24% que di que pouco ou nada, un de cada catro rapaces. Hai dez anos, era o 83,6% fronte ao 16,4%. 

Ademais, a familia segue a ser a principal vía de aprendizaxe do idioma galego. O 83,36% dos galegos e das galegas aprendeu a falar o galego neste ámbito, pero ao cinxirse á poboación menor de 30 anos a escola supera á familia como medio de aprendizaxe: o 93,7% das persoas neste grupo de idade aprendeu o galego na escola e o 70% coa familia.

 En canto á percepción do uso do galego, os datos son tamén reveladores. Máis do 30% da poboación galega de máis de 16 anos considera que o galego fálase pouco ou nada, unha porcentaxe que é maior nas provincias da franxa atlántica, on valores de 33,4% na Coruña e do 34,6% en Pontevedra. Pola contra, na provincia de Ourense a porcentaxe baixa ata o 19,34%. Ademais, case o 32% considera que a utilización da lingua propia é "normal".

Para decatarse das diferentes percepcións que hai sobre o idioma, abonda con se fixar nas respostas á pregunta de se se considera que na actualidade se fala máis galego que hai cinco anos. Para a metade da poboación o uso da lingua non mudou, para case o 24% fálase menos e para algo máis do 26% fálase máis.

Os datos son, ademais, moi semellantes aos que as persoas deron ao responder as mesmas preguntas hai cinco anos.

No que ten que ver coa lingua habitual de escritura, o castelán segue a ser a lingua máis utilizada polas persoas que viven en Galicia, independentemente de cal sexa o idioma que empreguen na fala. A porcentaxe de poboación que habitualmente escribe en galego é tan só do 16,7%.
 Así, de compararmos os datos segundo a lingua na que falan habitualmente, obsérvase que entre as persoas que sempre falan en galego, unicamente o 36,2% escribe habitualmente na mesma lingua fronte ao 63,8% que o fai en castelán.

Por outra banda, e en canto aos medios de comunicación, o 17,7% da poboación galega de 16 ou máis anos ve a televisión sempre en galego ou máis en galego que en castelán, aínda que hai un 26,6% que sempre a ve en castelán. Á hora de escoitar a radio, o 14,3% faino sempre en galego ou maioritariamente en galego.

 Onde está moito menos estendido o galego é noutros medios de comunicación. O 59,1% dos e das residentes en Galicia sempre le a prensa en castelán, o 54% só le libros en castelán, o 69,5% navega pola rede sempre neste idioma e o 52% emprégao sempre nas redes sociais. "            (Miguel Pardo Praza Pública, 27/09/19)


"Dispárase o número de nenos que sabe falar pouco ou nada o galego durante a última década.

 O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán, de forma que se dispara case 15 puntos nunha década. Os que falan sempre en galego baixan un punto e quedan no 14%.

 Un de cada catro nenos galegos sabe falar pouco ou nada de galego, nunha taxa que se incrementa máis de sete puntos na última década, ao pasar do 16,4% de 2008 ao 24% de 2018, segundo os datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Entre os menores de 15 anos, un 38% sabe falar moito o idioma propio de Galicia, o que supón un retroceso de sete puntos en 10 anos (era do 45% en 2008). É a cifra máis baixa por tramos de idades, 20 puntos menos da media xeral na Comunidade (do 57,6%). Ademais, a porcentaxe de nenos que saben falar pouco ou nada (o 24%) supón o dobre que en toda a poboación (12%).

Aínda que o 83,4% dos galegos di aprender o galego en casa, entre os menores de 30 anos invírtese esta tendencia, posto que a escola (o 93,73%) supera o ámbito de aprendizaxe da familia (69,99%).

O retroceso no uso do galego das novas xeracións queda patente tamén en que na actualidade o 44% dos menores de 15 anos fala sempre en castelán, de forma que se dispara case 15 puntos nunha década (era do 30% en 2008). Os que falan sempre en galego baixan un punto e quedan no 14%.

No total da poboación, un 24,4 fala sempre en castelán (catro puntos máis en 10 anos), mentres unha 30,6% fala sempre en galego (mantense estable). Caen cinco puntos os que falan máis galego que castelán ata o 21,7%, mentres soben ata 23,3% os que falan máis castelán que galego.

ÁMBITOS DE USO DO IDIOMA

O 44,34% da poboación de Galicia que ten fillos fálalles en galego sempre, o 31,20% sempre en castelán, o 13,85% máis castelán que galego e o 9,50% máis galego que castelán. No tocante aos fillos, cabe destacar que ao redor do 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e ao redor do 37% sempre en castelán.

No traballo, o 30% da ocupados fala sempre en galego cos compañeiros e o 28% faino sempre en castelán. Con todo, á hora de manter unha conversa con superiores os que empregan sempre o galego descenden ao 25% e os que usan o castelán soben ao 35,4%.

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,12% da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego neste caso. Con todo, o 39,4% comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,07% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.

No campo educativo a utilización de ambos os idiomas, galego e castelán, é bastante parella: o 59,57% das persoas que estudan en Galicia recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán. Con todo, os maiores de 17 anos reciben unha educación maioritariamente en castelán nun 41,6%, fronte ao 15,8% que é maioritariamente en galego.

No tocante aos medios, o 83% dos maiores de 16 anos ve sempre a televisión en castelán ou máis castelán que galego. Esta taxa elévase en ler libros (95%), navegar por Internet (96%) e ler prensa (97%). Nas redes sociais só hai un 26% que usa sempre galego ou máis galego que castelán.

En 2018 no 22,70% dos fogares galegos con todos os seus membros de cinco ou máis anos falaban habitualmente só en galego. Esta porcentaxe sobe ata o 45,7% nos municipios de menos de 10.000 habitantes, mentres baixa ao 5,7% nos de máis de 50.000 persoas.

XEOGRAFÍA DO EMPREGO DO GALEGO

Por ámbito xeográfico, as áreas da Coruña suroriental e da Costa da Morte son as que presentan maiores porcentaxes de poboación que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, cun 93,14% e un 92,43%.

No outro extremo atópanse a área de Vigo, cun 25,5% de persoas que fala habitualmente en galego sempre ou máis galego que castelán, a área da Coruña (un 33,55%) e a área de Ferrol-Eume-Ortegal (un 33,75%).

Entre o sete cidades, onde hai unha porcentaxe maior de persoas que fala habitualmente en galego é Lugo (o 44,7%), mentres onde menos se emprega é en Vigo (o 15,2%).

ESCRITURA MAIORITARIA EN CASTELÁN

Á hora de identificar o uso do idioma escrito, o castelán mantense como predominante de forma acusada, supón o utilizado polo 82,11% da poboación, fronte ao 16,6% que o fai en galego (o 1% restante está no apartado doutras situacións).

Se se comparan estes datos coas persoas que falan habitualmente galego, identifícase que hai un 63,8% deles que escriben habitualmente en castelán e só un 36,2% en galego.

 MODELO DE CONVIVENCIA

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, di que o estudo "reflicte un modelo de convivencia do uso das dúas linguas, que foi unha das prioridades do noso Goberno, subliñou para considerar que "van na boa liña" posto que "se fala máis galego e máis as dúas linguas cooficiais". Iso, considerou, "responde a unha liña de traballo que está a ter moi bos resultados". "Estamos ante unha sociedade cada vez cun uso máis normalizado", afirmou, para destacar a Galicia como "un modelo de convivencia no tocante ás dúas linguas cooficiais".

"Cada vez as familias e os mozos usan máis o galego. Neste sentido temos unha certa esperanza de que o resto de informacións constaten este modelo de convivencia no uso das linguas", manifestou, para insistir en que os datos do IGE "avalan unha sociedade madura e un modelo de convivencia das linguas en harmonía e respecto".                 (Galicia Confidencial, 27/09/19)

15/10/15

Belén Tajes, vítima de discriminación lingüística: "Non temo ser despedida porque estou orgullosa de denunciar o meu caso"


"Belén Tajes é a profesora de música á que o centro infantil coruñés de ensino non regrado Jungle World lle impide empregar o galego na actividades coas crianzas. 

(...) Cal foi a súa reacción cando recibiu a circular que impide expresamente o uso do galego nas actividades do centro?

Sabía que ía por min, porque son a que leva máis tempo traballando cos nenos e coas nenas en galego. Sentinme moi indignada e indefensa. Non sabía a quen recorrer nin que facer, mais era consciente de que o que dicía a empresa rozaba a ilegalidade. Descoñecía até que punto unha empresa privada pode facer este tipo de exclusións.

Como cres que vai actuar a empresa con vostede cando se presente no seu posto de traballo?

Xa me dixeran en conversa privada que podía haber algún tipo de sanción e no escrito que nos remitiron ás traballadoras advírtese de que usar o galego significa incorrer nunha sanción grave. Así que, segundo o que dixeron, supoño que van tomar medidas contra min. (...)

Coñece outras persoas ás que lles pasase o mesmo que sufriu vostede?

Teño lido na prensa noticias de persoas ás que lles pasou algo semellante, mais nunca pensei que me fora pasar a min un caso semellante.

Por que cre que se producen este tipo de condutas galegófobas?

Creo que existe unha profunda ignorancia do que é legal. Paréceme incríbel que a directora do centro tivese o valor de poñer o que puxo por escrito. Creo que non era consciente que por riba das normas internas dunha empresa privada están os dereitos meus como persoa a expresarme en galego e o dereito dos nenos e das nenas a recibir unha actividade en galego. Penso que tamén se debe a unha falta de educación e de apego pola lingua.

Como se poden impedir casos como o seu?

Hai que denuncialos. Trátase dunha cuestión educacional. Supoño que terei que soportar as consecuencias, mais é un deber denuncialo. É a lingua dos nosos avós e iso ten que estar por riba do que veña. Ademais, debemos facer un labor importante cos nenos e coas nenas para que saiban valorar o idioma.  (...)

Que recomendacións lle daría ás persoas que sofren casos coma o seu?

Anímoas a denunciar, a loitar contra os prexuízos asociados á lingua galega e a dignificala.

Teme ser despedida?

Non, porque estou orgullosa do que acabo de facer. Son consciente de que vai ter consecuencias. Aínda así, non podía durmir sabendo que nun traballo que adoro, a música, non ía poder cantar en galego. Hoxe irei ao traballo co orgullo de poñer en coñecemento da xente unha situación tan vergoñenta."                (Sermos Galiza, 15/10/2015)

4/5/09

El gallego muere, porque nadie, nunca, le ayudó. Y ahora viene la desesperación... a buenas horas

"A vida vaise vivindo, tamén polo país pasan os anos, os períodos. O galego xa non é lingua de pobres e iletrados, eses falan castelán. E de quen é lingua realmente? Tras a morte de Franco a sorte histórica do galego estaba nas mans da democracia, que para nós é o autogoberno galego, a autonomía. Tiñan de ser os gobernos galegos quen garantisen a existencia da lingua. Xa vimos o que foron os anos na Xunta da dereita, un paternalismo que encubriu a morte lenta.

A pasada Xunta bipartita foi o que foi, a frustración da esperanza, e agora chegou a hora da verdade, veu o matador do galego. Acabaron as cerimonias, acabouse o paternalismo, o matachín é práctico e pragmático, vén coa cuadrilla acabar de vez coa lingua galega. Morra o conto, di. Nin Galiza nin Galicia, catro provincias abóndanlle.

Para a nosa desesperación. Fannos desesperados novamente, entregar a vida a un soño é gañar a desesperación." (SUSO DE TORO: Asasinos do soño. El País, ed. Galicia, Galicia, 01/05/2009, p. 11)

El castellano es el idioma de los perros con pedigrí... y el de los cans de palleiro, el gallego, claro...

"Non hai moitos anos, paseabamos a miña dona, a miña sogra e mais eu coa filla maior, daquela con tres aniños acabados de cumprir, polo centro de Vigo. A cativa ía un pouco máis adiante ca nós, e de súpeto mirou (á viguesa) un lindo cadeliño todo enfeitado, co seu lazo e todo, que andaba a cheirar no pé dunha arboriña destas de beirarrúa. Achegouse ao animal, virou cara a nós, e berrounos: "Mirade que cansiño tan bonito!". Nisto, vemos que a dona, unha señora de aspecto completamente vulgar pero con moito arruallo, se dirixe a ela e dille moito: "Oye, niña, esto no es un cansiño que es un perrito, y a este perrito se le habla castellano!!". Houbemos de estoupar da risa, pero tivemos que controlarnos, pois a miña sogra case se bota á individua para arrincarlle (só verbalmente) o coiro. Aquela madama estaba convencida de que falar galego rebaixaba o pedigree do seu caniche á altura dun can de palleiro.

O caso é completamente real, e xa lle valeu ao querido e saudoso Carlos Casares unha divertidísima columna. Relembrando o feito, un non pode menos que evocar aquel feliz discurso de Castelao, en que contaba que escoitara ouvear aos cans da Bretaña, e ouveaban igual que os de Galicia, e tamén o facían así os de Turquía... en fin, que "os pobres animaliños aínda están no idioma universal". Polas vistas, Castelao non o sabía, pero o idioma universal era o castelán (polo menos dos cans finos)."            (HENRIQUE MONTEAGUDO: Unha revolución máis na nosa lingua?. El País, ed. Galicia, Galicia, 01/05/2009, p. 9 )