Mostrando entradas con la etiqueta Tradicion: muerte: Santa Compaña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tradicion: muerte: Santa Compaña. Mostrar todas las entradas

4/3/20

Lois Patiño, cineasta: “Lúa Vermella afonda no imaxinario fantástico galego cunha óptica contemporánea”

"O cineasta galego de raíces en Monforte, Lois Patiño, acaba de presentar o seu último traballo, Lúa Vermella, na 70 edición da Berlinale. 

A película rodouse entre a Costa da Morte (escenario que xa escollera para o seu documental, Costa da Morte) e Ribeira Sacra. Contou tamén con actrices, actores e figurantes destes territorios; así as meigas protagonistas de Lúa Vermella acompañaron ao director na estrea. Falamos con Lois Patiño, despois da presentación de Lúa Vermella na Berlinale.

Satisfeitos coa presentación? Que tal as meigas de Lúa Vermella en Berlín?

Moi ben, a estrea foi nun cinema precioso, que tiña as cortinas vermellas, o que lle ía moi ben á película. E estaba cheo, cheo ata arriba; na segunda sesión tamén quedou xente fóra. Todas as sesións foron moi ben. E as meigas creo que o pasaron moi ben. Son días de moitas entrevistas, non puiden estar todo o que quixera, pero puideron coñecer a cidade e recibir o agarimo do público, tanto no escenario, como despois da proxección e na festa galega que organizou AGADIC.

Para as meigas tamén era a primeira vez que vían o resultado do seu traballo. Para elas tivo que ser impresionante, que che dixeron despois de verse?

Si, tanto verse na pantalla como estar neste escenario. O meu cinema é un cinema que utiliza unha linguaxe distinta; elas sabían do meu interese cara á paisaxe nesta película, tamén cara aos mitos e a lenda. Verse tróuxolles moitos recordos da rodaxe. As películas, para os que están durante o proceso, son imaxes moi evocadoras de recordos; e acordábanse de cada unha das accións, das localizacións, as anécdotas que viraban ao redor de cada imaxe da película. É un momento moi bonito de rememorar. Dicían que unha as experiencias máis incribles da súa vida foi a rodaxe e agora estaba a ser o viaxar a Berlín a acompañar a película. Cando a presentemos en España virán tamén a Málaga, será divertido para elas.

Que próximas citas ten Lúa Vermella?

A estrea en España será no Festival de Málaga, imos saír a salas o 24 de abril e hai unha decena de festivais confirmados en Mexico DF, Nova York, Cartagena de Indias en Colombia, Portugal, Alemaña, Canadá, Corea do Sur. O roteiro está medio montado e logo, España. Imos ver que podemos facer nos territorios protagonistas.

Que é Lúa Vermella?

Unha lenda contada cunha linguaxe cinematográfica contemporánea; é unha lenda tamén creada ao redor dun personaxe contemporáneo noso, o “Rubio de Camelle”, que rescatou decenas de cadáveres de náufragos perdidos no mar. A súa historia é unha historia valente que axudou a moitas familias a superar o proceso de duelo. 

Ten moitos ingredientes para construír unha lenda a través del e sobre dous puntos sobre os que quería traballar que son o mar e a morte. Como desde estes dous misterios espértanse distintas lendas e distintos mitos. Sobre o mar da Costa da Morte, un mar cargado de dramatismo e de misterio, non só polos naufraxios, se non por esta idea do océano como o fin do mundo, antes de que se descubrise América,… e fai que reverberen os mitos.

Lúa vermella, ao final, é unha representación dos mitos e lendas que deron forma ao imaxinario fantástico galego. Un dos principais son as meigas e a santa compaña e este é un modo de axitalos e revivilos.

Volves a Costa da Morte, neste casco cunha ficción. É moi diferente facer documental a facer ficción?

Si, creo que esta película conserva unha parte de documental. Hai unha vontade de retratar, tanto na rodaxe na Ribeira sacra como na da Costa da Morte, aos habitantes da zona; por iso esforzámonos moitos nos castings para atopar rostros singulares para as meigas e para as figuras paralizadas na imaxe. Lúa Vermella ten esa parte de vontade documental retratando ás paisaxes como aos habitantes. Tamén ten a parte documental de traballar en torno ao “Rubio de Camelle”, que se intepreta a si mesmo na película.

Costa da Morte era máis un documental antropolóxico cunha mirada singular, traballando desde a distancia a paisaxe, e reflexionando sobre como se constrúe a identidade dunha paisaxe, desde a mestura entre historia e lenda. Neste caso, atravesamos a realidade para observar Costa da Morte e Ribeira Sacra. Construímos un espazo de ficción que é coma se fose unha aldea costeira, observamos este espazo desde o mito e a lenda e construímos unha ficción singular.

A película creo que transita entre varios límites, entre documental e ficción, entre realidade e mito e tamén os personaxes están entre a vida e a morte. A película transcorre neste limbo entre moitas realidades contrapostas. Tamén entre a realidade e o soño, observamos a realidade con extrañamento cunha mirada que o tingue todo de irrealidade.

Cal o papel de Ribeira Sacra na película?

En Ribeira Sacra gravei moitos momentos atmosféricos interesantes. A presenza de bosque e toda a espiritualidade que desprenden as zonas boscosas e de montaña. Eran os ingredientes que buscabamos alí. Ten moita importancia dentro do relato a presa de Belesar. Gravamos moita imaxe para despois ir depurando a linguaxe e ao final, moitas localizacións da Ribeira Sacra caeron. Como o relato transcorre nun espazo de costa, todo está tinguido polo océano,… todo o material da Ribeira Sacra trasládase á zona de costa.

Por que o título, Lúa Vermella?

Quería subliñar o carácter lendario. A película adopta a forma dunha lenda e lúa vermella é moi evocadora. A lúa ten unha presenza determinante na película, é un elemento dentro do relato moi importante e transformador. A imaxe da película está toda tinguida de vermello por esta lúa vermella. Xerábanos a idea de feitizo sobre o territorio. Lúa Vermella dá rapidamente esa idea dun conto de lenda, un conto mítico.

Ademais de acompañar a Lúa Vermella, que proxectos tes en mente?

Sempre temos proxectos na cabeza e algúns que está xa en marcha. Estou a editar unha curtametraxe que codirixo co director arxentino Matías Piñeiro, que tamén ten unha película na Berlinale. Estou a editar outra curtametraxe que ten forma de vídeo instalación, rodada en Tokio. E a seguinte longametraxe que vou facer, se todo vai ben, é con Matías Piñeiro, que será a continuación da curta que rodamos xa. A película está baseada en “La Tempestad” de Shakespeare, rodada nas Azores e Galicia."                      (Ana Belén fernández, Xornal de Lemos, 02/03/20)

15/11/19

Lugares de meigas... do demo e da Santa Compaña...

"O Colectivo Segredos de Pantón destaca pola súa inquedanza relacionada co patrimonio cultural, natural e sociolóxico da contorna. Falamos con Lucas Vázquez, un dos membros máis activos que vén de facer unha escolma sobre estes seres propios da superstición galega.

O mes de novembro, tamén coñecido como o “mes de Santos” ou “mes dos mortos”, ten deixado moita pegada na cultura e na oralidade popular galega.

O caso é que a celebración de Santos inspirou a Lucas Vazquez, do colectivo Segredos de Pantón, para redactar unha breve escolma de anotacións sobre meigas, demos e Santa Compaña incorporando tamén acontecidos arredor destes seres mitolóxicos galegos.

Segundo nos comenta Vázquez, todo partiu da lectura do artigo “A crenza nas bruxas nunha comunidade rural galega: aldeas do concello de Pantón”, da autora Pilar Rodríguez Blanco, e do libro “Lendas e Tradicións da Ribeira Sacra: Vilar de Ortelle-Pantón”, da Asociación Xuvenil Estraloxos. Tras documentarse con estas dúas obras, e contrastar información con familiares e veciños/as de Pantón, decidiu elaborar un pequeno artigo sobre o tema, sempre tomando como referencia xeográfica ao Concello de Pantón.

A escolma non busca ser nada pretencioso e aos autores das obras anteriores pareceulles ben a idea, tendo ademais a intención de que a xente que teña acceso a este artigo poida contrastar e aportar tamén máis información. A continuación reproducimos o escrito.
Meigas máis famosas e lugares de reunión
Pepa da Xila, a Cosma, a tía Marica, a Perfeita, a Sra. Anxelita, a Sra. Pepa Cesteira, a Facunda, a Brigória, a Feliciana, a Perfeita e a Pilar do Cubreiro.

-Monte da Escrita, entre as parroquias de Moreda, Toldaos e Pantón.
-Següín.
-Trasulfe, na parroquia de Santalla de Tuiriz.
-Fontao na parroquia de San Martiño de Tribás. Aquí estas meigas nunha reunión foron quen de mover, segundo contan, a un home que estaba nun fiandeiro a 4 quilómetros de distancia.
-No lugar dos Cancelos, na parroquia de Vilar de Ortelle.
– A Grixoá, aínda que este lugar estea en Carballedo, na parroquia de Santo Estevo de Chouzán, na ribeira oposta de Marce, numerosas historias de pantoneses afirman que foi un lugar moi soado de reunión de meigas da contorna.
Lugares de meigas
Santa María de Tuiriz

Alí hai uns anos unha parella de irmáns dirixíanse camiñando cara a súa casa nun dos barrios que forman a aldea. Era tarde baixa, cando de súpeto viron unha luz vermella que os acompañaba sobrevoando arredor deles. Pareceulles unha luz moi estraña, posto que a medida que eles camiñaban a luz facíao tamén, non os abandonaba. A irmá díxolle ao irmán “é unha bruxa! non lle asubíes que non nos vai deixar!”. Pero, ante a curiosidade, asubiou, e a luz comezou a moverse máis rápido e a baterlles na cara a ambos. Comezaron a andar máis rápido tratando de chegar o antes posible á súa casa. Cando chegaron, entraron e a luz abandonounos. Tiveron medo, pero nunca máis voltaron ver esa luz.

Goián

Os habitantes da aldea do Piñeiro de San Vicente de Castillón sempre afirmaron que houbera meigas en Goián.

Rechelo

Nesta aldea dicíase que tiñan algunha relación coas meigas. Así, había unha que sobre todo facía volver tolos aos animais. Mesmo neste lugar unha señora dicía sobre as meigas, “grandes pecados teñen que ter esas bruxas!”.

A Míllara

Nela vivía unha meiga que viñera de Vilaquinte en Carballedo.

Toldaos

Lugar con sona polas súas meigas. Así cóntase a historia de dous homes que ao tirarlle pedras ao cadelo dunha das meigas deste lugar andiveron deambulando polos camiños toda a noite sen saber por onde tiñan que ir. Tamén contaban como tiñan que atar unha vaca que se volvía tola cando por diante da casa pasaba unha veciña de Toldaos con fama de bruxa. Ao animal poñíanselle os pelos do lombo de punta e tiñan que atala para que non se matara a golpes coas paredes.
Visións do demo e da Santa Compaña
En Marce contan que entre a casa do Conde e a do Vila, foi visto varias veces coma un cura vestido de branco e quen afirmaba velo dicían que era o mesmo demo.

En Balboa, no lugar da Avespeira, un señor antes de alumar o día aparecéuselle un home de sombreiro, moi ben portado e díxolle: “anda de día, que a noite é miña”. E cada vez ía medrando máis o señor do sombreiro.

Na parroquia de Toldaos foi famosa a pantasma dunha anciá vestida toda de negro, coma se dunha sombra se tratara, non se lle vía nin cara nin as mans, tiña sempre colgada do seu brazo unha cesta. Era tan sinistra a súa visión, nas escuras noites de Toldaos, que todo o que con ela se topara corría sen parar.

En Santa María de Tuiriz viña un veciño de Sta. María de Tuiriz camiñando cara a súa 
casa en plena noite. Viña metido nos seus pensamentos, sen luz polo carreiro que o levaba ata o seu fogar. Cando de súpeto, comezou a ver unha luz branca que se dirixía cara el; a medida que avanzaba, esa luz tamén o facía, e pronto se podía insinuar que con ela camiñaba xente. O home estaba sorprendido, que era aquilo? quen era aquela xente?. Cando chegaron á súa altura, apartouse cara unha beira do carreiro para deixalos pasar. Non o saudaban, non falaban, ían todos vestidos de branco con paso lento pero firme, sen pausa. Unha vez pasaron ao seu carón, o veciño apurou o paso cara a súa casa. Entrou pola porta e estaba súa muller, ela comentoulle: “ que che pasou, estás pálido e traes o traxe cheo de cinsa!”. El respondeu: “acabo de ver á Santa Compaña”.
Outros sucedidos
Pozo da Inquisición

No patio do priorato bieito de San Romao de Moreda cóntase que nos tempos da Santa Inquisición tiraban neste pozo a tódalas meigas que eran condenadas.

Casa de Valboa

Nunha modesta casa desta aldea de Vilar de Ortelle dicíase que estaba encantada e que era cousa de bruxas. De noite as ventás e fiestras non paraban de abrirse e pecharse. Un día un sancristán moi relixioso tentou poñerlle remedio, e cada vez que rezaba paraba a música infernal pero ao parar volvía comezar.

O “Torres de Eiré”

Nesta parroquia vivía un menciñeiro, o Torres, que curaba persoas e animais sen ser nin médico nin veterinario curando moitas veces casos outorgados ás meigas ou ao escuro.

Capela de Guende

Acoden ata alí xentes de moi lonxe para cumprir as ofertas e beber auga da fonte, boa para as doenzas ocasionadas pola fada dos malos espíritos.

Figueira do Castelo

Este lugar tiña unha relación co mundo escuro, ningún paxaro nin animal comía as súas brebas que saían negras coma o demo. Así contaban a historia dun rapaz que andivo a molestar ás bruxas e estas levárono ata alí. E dicían que era o lugar máis desgraciado do mundo."               (Xornal de Lemos, 08/11/19)