"O despoboamento e o envellecemento das zonas rurais é unha das cuestións
clave da Galicia actual. En máis de dous de cada tres concellos (215
localidades) os maiores de 65 duplican (como mínimo) os menores de 20, e en 87 a diferenza é de 5 a 1: cinco maiores de 65 por cada menor de 20 anos. O rural galego continúa a expulsar poboación moza cara ás áreas urbanas do resto de Galicia, e tamén para outras zonas do Estado.
Dúas xornadas de debate explorarán esta fin de semana as causas desta
situación e as accións que poderían frear este proceso de
despoboamento. Na Cañiza, este sábado,
dúas charlas e unha mesa redonda preguntaranse "Que responsabilidade
ten a administración?" e "Cal é a nosa responsabilidade como cidadáns?
coa participación de Carlos Fernández Coto, Mario Outeiro, Carlos
Morgade, Tamara Balboa ou os representantes de 'O Tempo da Aldea' que
explicarán o traballo que dende hai anos veñen realizando na aldea de Rebordechán, en Crecente.
O
día anterior en Viana do Bolo a xornada 'Galicia Baleirada' debaterá se
"o despoboamento é unha causa ou un efecto?" e se "existen alternativas
ou debemos afacernos a esta realidade?". Nela participarán Lourenzo
Fernández Prieto, Edelmiro López Iglesias, Isidro López Dubert, Alba
Díaz Geada, Eduardo Corbelle, David Soto, Emilio Carral, Teresa
Rodríguez ou Xavier Simón.
Nas dúas intervirá, ademais, a
profesora da USC María do Mar Pérez Fra, que posúe unha ampla
traxectoria no deseño, desenvolvemento e avaliación de políticas de
desenvolvemento rural. Entre outros proxectos, foi a responsable da
coordinación en Galicia do Programa de Desenvolvemento Rural 2007-2013.
Falamos con ela.
Hai máis consenso sobre as causas que
sobre as posibles solucións, pero cales son ao teu xuízo as claves máis
determinantes para explicar o proceso de despoboamento que segue a
sufrir o rural galego? Pesan máis os factores económicos ou laborais, ou
a falta de servizos?
As áreas rurais galegas continúan expulsando poboación nova porque
non son capaces de crear emprego e renda en cantidades suficientes. Pero
aínda que estes espazos puidesen xerar emprego e renda, debemos dotalos
duns servizos que permitan aos seus habitantes ter unhas condicións de
vida socialmente aceptables. O que temos que ter claro é que non imos
poder repoboar o rural a base de heroes e de heroínas. A xente do rural
demandamos unhas condicións de vida similares ás que pode haber nas
áreas urbanas, acordes a unha sociedade do século XXI. Iso non significa
que teña que haber un hospital en cada concello, pero si que ten que
haber unha atención primaria cun mínimo de calidade, unha escola cun
mínimo de calidade, servizos de ocio, unha boa conexión a Internet...
Debemos facer desas zonas espazos que sexan atractivos para a poboación.
Vouche
poñer un exemplo que para min é moi ilustrativo. Un dos grandes
problemas que teñen as zonas rurais é o elevado grao de masculinización
na poboación máis nova. As mulleres están fuxindo dos espazos rurais.
Por que? Se ti colles a poboación maior de 65 anos (que é ou vai ser en
pouco tempo demandadora de coidados) e a divides entre o número de
mulleres entre 30 e 65 anos, o ratio para o conxunto de Galicia é de
1,1, pero nos concellos cunha baixa densidade de poboación, que son dous
de cada tres en Galicia, o ratio é de 1,7.
Tendo en conta que a
economía de coidados recae maioritariamente nas mulleres e que nas zonas
rurais os centros de día son practicamente inexistentes, ese traballo
de coidados correspóndelles ás mulleres, o que dificulta moito a súa
vida laboral e limita tamén as súas posibilidades de lecer. O que temos
que facer é ofrecerlles a eses habitantes do rural, e en especial ás
mulleres, unhas posibilidades de ter unha vida que sexa aceptable.
Falamos
de sanidade, de transporte, de servizos de atención ás persoas
dependentes... E tamén do ensino, porque a falta dun colexio a unha
distancia mínima pode expulsar dun concello a toda unha familia...
A min gústame saír choradiña da casa. É certo que vivir no medio rural
pode ter unha serie de desvantaxes, pero non tantas como a priori nos
pode parecer. Eu vivo nunha zona rural, e os meus fillos teñen que
coller o bus 45 minutos para ir e outros 45 minutos para volver, pero
iso a min paréceme aceptable, porque a cambio están a recibir unha
educación de primeiro nivel nunha destas escolas rurais, con clases nas
que hai 13 nenos. Cal é o problema? Que isto está sendo posto en
cuestión e moitas veces está en perigo. Por suposto, se queremos
conservar este rural vivo, hai que manter estes servizos, porque doutro
xeito estaremos contribuíndo a este proceso de abandono.
Un dos grandes problemas é que está a dominar un cálculo
puramente economicista nas decisións que se toman dende os gobernos,
calculando así se 'compensa' ou non 'compensa' a curto prazo manter
aberto un determinado servizo na zona rural?
Si, iso aplícase ao rural, pero hoxe en día está a aplicarse a todo:
estamos tentando facer todas as cousas a custo cero, e isto non é
posible. Como sociedade temos que parar a pensar que tipo de rural
queremos, porque doutro xeito o que temos é un discurso absolutamente
hipócrita. Por un lado temos as grandes declaracións: queremos un rural
vivo, queremos frear o despoboamento, esta vai ser a lexislatura do
rural... E isto conséguese gratis? Como sociedade estamos dispostos a
facer ese esforzo para soster ese rural? Se ti colles os fondos que
neste momento se están destinando a programas de desenvolvemento rural e
os pos nun lado da balanza, e no outro lado pos os problemas que
supostamente pretendes solventar con eses fondos, non dan as contas.
En
Galicia temos, ademais, outro problema: a política de desenvolvemento
rural é unha política cofinanciada: unha parte dos fondos veñen de
Europa e outra parte tenos que poñer a administración española e galega.
A realidade é que aos fondos que chegan da UE se lles aplica a
porcentaxe mínima de cofinanciamento para poñelos en marcha, pero non se
destinan recursos a maiores a estas políticas.
Serven de algo as medidas que dende a administración se están a propoñer para frear o descenso da natalidade nestas zonas?
Estamos moi preocupados polo envellecemento da poboación, por ese
inverno demográfico que vén, pero o tipo de accións coas que se está
enfrontando ese problema son medidas de tipo natalista, que están
completamente fracasadas en calquera país moderno. Unha cousa é que ti
consigas incentivar a natalidade en zonas rurais, que en moito lugares é
completamente imposible, pola estrutura poboacional que xa teñen, sen
apenas habitantes en idade fértil. Pero a realidade é que esas zonas
continúan expulsando poboación moza. Dá igual a xente que naza se esas
persoas unha vez que chegan ao seu período de vida activa van marchar a
outros territorios.
A promoción económica nas zonas rurais, a xeración de rendas, emprego e riqueza depende primordialmente do sector primario?
O proceso de desenvolvemento económico implica unha terciarización da
economía, pero iso non é contraditorio con que a gandaría siga a ser un
motor fundamental e un sector plenamente competitivo no contexto
europeo. O que non nos podemos permitir é que nesas comarcas sigan
pechando explotacións; nós xa completamos o proceso de axuste agrario.
Hai explotacións que están tendo dificultades e entre elas destacan os
problemas que moitas están tendo para acceder á terra. Son explotacións
que fixeron un esforzo modernizador importantísimo, pero que non están
conseguindo rendibilizar todo ese investimento, en gran medida porque
están limitadas no seu acceso a terra agraria. Iso lévanos a que teñamos
unhas explotacións moi intensivas con todos os problemas de custos de
produción e os problemas medioambientais que isto xera.
Hai elementos que nos permiten ser optimistas? Que oportunidades de futuro non aproveitadas detectas no rural galego?
Gustaríame transmitir unha idea: falamos sempre do rural como se fose
un espazo homoxéneo, e iso non é certo. Temos comarcas que teñen unha
especialización moi marcada no sector gandeiro e leiteiro, que seguen a
ser un gran motor económico; con todo, non hai un só concello en toda
Galicia no que o sector primario sexa o xera máis emprego e renda. Hai
un tipo de actividade que é fundamental: a agroindustria, a
transformación daquilo que producen os agricultores e agricultoras. Se
en lugar de exportar produtos de baixo valor acrecentado (por exemplo
leite líquido) fósemos capaces de ter unha industria que transformase
todo iso, implicaría un impacto en termos de emprego e renda enorme. O
problema é que non temos pechado o ciclo de transformación de
alimentos.
Pero ese non é o único vector de desenvolvemento
posible para o rural. Antes falabamos da economía de coidados e de como
afecta á s mulleres. Por que non visibilizamos todo ese traballo no
marco dunha economía do benestar? Todo ese traballo que realizan as
mulleres de xeito gratuíto pode ser actividade económica e xerar unha
bolsa de emprego importante. Para isto, necesítase unha implicación do
sector público.
Outro vector: onde se produce a enerxía que
consumimos? No rural. O que pasa é que é un tipo de actividade económica
que atravesa o territorio, polo que os habitantes desas zonas só sofren
os efectos negativos desa actividade sen recibir unha remuneración a
cambio.
Outro valor moi importante é o patrimonio natural e material que existe
nestas zonas e que pode converterse nun atractivo turístico. De feito,
moitos concellos están xa a aproveitalo. Esta semana está convocada unha
folga polo clima. Cal é o reservorio ambiental desta sociedade? O
espazo rural. Os servizos medioambientais que o rural xera están sendo
remunerados polo conxunto da sociedade? Non. As persoas que viven no
rural están contribuíndo a manter vivo un determinado ecosistema, pero
esta é unha función que non está remunerada polo mercado e que polo
tanto acaban sendo realizadas de maneira gratuíta. O rural é un espazo
heteroxéneo, e o que non hai son receitas ou unha solución milagrosa que
poidamos copiar e aplicar a todos os territorios.
Outra das claves pode estar no aproveitamento multifuncional do
monte? Que gaña e que perde o rural coa actual énfase no monocultivo do
eucalipto?
Todo monocultivo é negativo para un territorio. Tanto ten que sexa o
do eucalipto ou o forraxeiro. É unha debilidade. Ademais, o actual
modelo forestal ten consecuencias moi negativas no plano ambiental e no
plano económico. Se miramos os usos da terra no territorio, a porcentaxe
dedicada a usos agrarios é baixísima, por debaixo do 25%. Destinar
terra con potencial agrario a usos forestais é a todas luces unha
ineficiencia económica. Lévanos ademais a que o conxunto da sociedade
teñamos que estar asumindo con fondos propios un enorme gasto dedicado á
extinción de incendios. Isto non significa que eu estea en contra do
aproveitamento forestal nin que haxa unha contradición entre os usos
forestais e agrarios. Esta é unha cuestión de ordenación do territorio,
porque aquí o que sobra é terra.
Que papel poden xogar as comunidades de montes?
Os montes veciñais en man común son unha oportunidade e iso é
indubidable. Pero resulta chocante que nun país no que o 23% do
territorio é comunal, a porcentaxe de persoas que saben como funcionan
as comunidades de montes é ínfima, e isto é así tantos nas zonas urbanas
como nas zonas rurais. Os nenos e nenas que van a colexios en concellos
con montes comunais saen de alí descoñecendo esa realidade. Levamos
décadas vivindo de costas ao 23% do noso territorio, e iso leva a unha
situación de claro abandono. Hoxe temos comunidades de montes que son
modélicas e que funcionan marabillosamente, pero temos moitas que están
sen constituír ou que non teñen apenas actividade.
Na
xornada deste sábado na Cañiza amósase o traballo que se está a realizar
en Rebordechán. Que necesitan este tipo de iniciativas locais para
teren éxito? Que apoio lles poden emprestar as administracións?
Eu creo que a estas iniciativas non lles falta nada: son exitosas en
si mesmas. Algunhas son de carácter asociativo e ao que están
contribuíndo é a crear algo moi importante: tecido social nas zonas
rurais. Todo o proceso de desagrarización que viviron as áreas rurais
galegas nas últimas décadas, que é o que explica o baleirado destes
espazos, implicou unha perda de dinamismo económico, pero implicou tamén
algo máis importante: a perda de tecido social. Estes espazos quedaron
sen sociedade civil. Por iso, que xurdan iniciativas coma estas o que
permite é volver tecer redes e abre espazos para a socialización, nos
que despois poden nacer proxectos ben interesantes.
Na
mesa de debate na que intervirás pregúntase pola responsabilidade da
administración, pero tamén pola responsabilidade da sociedade. Así pois,
que responsabilidade ten a cidadanía galega no despoboamento do rural?
A maior parte da sociedade ve o rural como un lugar ao que ir na fin
de semana, un espazo que conserva unha serie de valores tradicionais e
naturais moi importantes. Pero ao final volve ao contexto urbano. Hai
unha determinada visión sobre o rural que permea a toda a toda a
sociedade. Eu sempre digo que os espazos rurais non son un problema e
tendemos a velos como un problema. Non, o rural é un recurso. O que pasa
é que isto non o terminan de ver os habitantes das cidades, pero
tampouco as propias persoas que viven no rural.
Hai moitos
elementos que o rural pode aproveitar para
xerar renda e emprego, pero o
que pasa é que non o acabamos de crer de todo. Temos unha enorme falta
de fe en nós mesmo, temos que aprender a ter orgullo do noso. Para min é
fundamental rachar con esa idea de que os mozos e as mozas teñen que
marchar, e debemos comezar a educalos para quedar. Para comezar, son
educados completamente de costas á realidade que están vivindo, non hai
contidos específicos.
O rural non se vai salvar só, necesitamos que o conxunto da sociedade
decida dunha vez se quere salvalo ou non. Porque se cadra un modelo de
concentración da poboación nunhas poucas áreas, que é para o que imos,
pode ser un modelo viable dende o punto de vista económico. Pero é iso o
que queremos? Porque se non é o que queremos o que hai que facer é
destinar recursos para evitalo." (Entrevista a María do Mar Pérez Fra, Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 26/09/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario