"Falta de persoal e condenas por vulnerar dereitos laborais,
sobreocupación, algunha sentenza máis puntual por neglixencias e un
total de 33 expedientes sancionadores da Xunta no que vai desta
Lexislatura, que botou a andar en outubro de 2016.
Son puntos que
debuxan o mapa de carencias que xa había nas residencias galegas antes
de que a crise sanitaria do coronavirus as situase no foco. Así o
ratifican fontes xurídicas, sindicais e da Administración galega
consultadas. Todas coinciden en que non se poden converter os "fallos" detectados nunha causa xeral
contra un sector que, pola súa banda, defende o seu labor e pide ter en
conta o carácter "sanitario" da crise da COVID-19, así como a súa
especial incidencia letal nos maiores, antes de caer en xuízos errados.
Premisa que comparte o subdirector de Inspección de Servizos Sociais na Xunta, Fernando González, quen incide en que "as residencias non son hospitais".
"É algo que convén lembrar agora con esta crise, teñen as súas
instalacións e persoal con características propias do que son, centros
para que os maiores poidan vivir", subliñou.
O feito é que, do mesmo xeito que no resto de España, en Galicia as
residencias, con centos de contaxios e un alto número de falecidos,
seguen sendo un dos principais focos de preocupación da COVID-19. A día
de hoxe a Xunta púxose ao mando de cinco delas: a
residencia Porta do Camiño (Santiago), a de Fundación San Rosendo en
Baños de Molgas (Ourense), a DomusVi Cangas, a DomusVi Barreiro e A nosa
Señora de Fátima (O Barco de Valdeorras).
As dúas primeiras foron habilitadas para recibir a usuarios destes
centros que padezan a enfermidade e as outras tres, intervidas.
33 EXPEDIENTES SANCIONADORES E DOUS PECHES
Pero máis aló da incidencia e letalidade do virus nos maiores, segundo datos facilitados pola Consellería de Política Social, as residencias acumularon en Galicia un total de 33 expedientes sancionadores no últimos tres anos e medio.
En dous casos finalizaron con peches de centros, o
último deles este mesmo mes, cando se decretou a clausura cautelar das
vivendas comunitarias Burón I e II, na Fonsagrada (Lugo), tras constatar
as malas condicións dos anciáns que residían nelas. Antes, en 2017, a
Xunta ordenou tamén o peche da Residencia Valle Inclán, en Vilanova de
Arousa (Pontevedra).
No seu último informe presentado (que corresponde a 2018), o Valedor do
Pobo fai referencia ao peche da Valle Inclán e constata que houbo
"diferentes queixas, unhas relacionadas coa situación dos residentes" e
outras por cuestións laborais. Pero o que levou a ordenar a clausura foi
"a falta de licenza para o exercicio da actividade".
PERSOAL, SOBREOCUPACIÓN E ALGUNHA NEGLIXENCIA
Entre as causas dos expedientes sancionadores, o subdirector de
Inspección apunta ao incumprimento do cociente de persoal que traballa
no centro, á "falta de mantemento" de instalacións ou a situacións "de
sobreocupación".
Un dos casos de "sobreocupación" que transcendeu e polo que se abriu
expediente é o dunha residencia de Pazos de Borbén (Pontevedra) en 2017.
A CIG chegou a afirmar que o centro "escondeu nun galpón" a varios
anciáns, aínda que a dirección negou este extremo de forma tallante.
Á marxe de casos concretos, as incidencias que expón Fernando González
coinciden coas detectadas polo Consello de Contas nun informe específico
sobre xeriátricos galegos que realizou en 2017 (e incorpora datos de
2015 e 2016) e que remarca as carencias de persoal.
Fontes sindicais ratifican esta problemática e tamén aluden ás
condicións laborais, con varias sentenzas favorables sobre a mesa. De
especial relevancia, apuntan desde CC.OO., é a inclusión do plus de
asistencia na retribución do mes de vacacións, ratificada no seu día
polo Tribunal Supremo.
Á marxe dos problemas de persoal, Contas tamén avisa do "uso inadecuado das instalacións" e da "falta de rigor dos rexistros",
entre outras carencias. E dá un dato: en 2015 o prazo medio de trámite
do procedemento para o recoñecemento do dereito a unha praza residencial
en Galicia foi de 453 días, "moi por enriba" do seis meses que
determinaba a lei vixente.
Fontes xurídicas avalan o peso das sentenzas de persoal, pero tamén hai sentenzas puntuais por neglixencia ou trato inadecuado a usuarios que, lembran, ten responsabilidade penal para o traballador e civil para o centro.
O SECTOR REIVINDICA O SEU LABOR
As distintas fontes consultadas confirman que se detectan máis deficiencias no sector privado galego,
pero tamén o número de prazas é moito maior (das 22.000 que hai, só
unhas 4.000 son públicas). Aínda que non faltan voces —a oposición
adoita ser un altofalante habitual— que alertan deste tipo de xestión.
E é que os fondos de investimento fixáronse no volume
de negocio dos xeriátricos e lanzáronse a comprar. Ocorreu coa galega
Geriatros, agora DomusVi, con varios centros entre os máis afectados
pola crise do coronavirus. Voces do sector privado, en cambio, defenden a
xestión "profesional", a "transparencia" coas familias —a pesar das
queixas que houbo, precisamente, na pandemia— e avisan de que "as
excepcións non son a norma".
Pero tamén recoñecen que había problemas antes da COVID-19 e cren que a crise do coronavirus, máis que para "criminalizar" a xestión das residencias, debería favorecer melloras no modelo.
Entre as voces máis significativas en Galicia no ámbito representativo
do sector privado están a Asociación Galega de Residencias Privadas da
Terceira Idade (Agarte) e Acole, que aglutina aos centros de iniciativa
social.
En distintas entrevistas, o presidente de Agarte, José Manuel Pazos,
defendeu publicamente a problemática da falta de prazas, por exemplo. Un
estudo do estatal Círculo Empresarial de Atención ás Persoas (CEAPs),
ao que está ligado a patronal galega de residencias, incide tamén no
incumprimento da lei de dependencia por comunidades (en Galicia recalca
que a incidencia é maior).
Pazos tamén alertou en diversas publicacións do sector da falta de
"implicación" do sistema sanitario, cando hai un cambio no perfil de
usuarios dos xeriátricos: nos anos 90 podíanse demandar máis servizos
similares aos dun hotel, pero agora os maiores teñen máis idade e un
grao de dependencia tamén máis elevado. A cualificación do persoal e as dificultades para retelo son outros hándicaps que desde o sector se puxeron enriba da mesa.
A secretaria técnica de Acole, Lorena Martínez, ten unha visión similar
e incide en que o persoal máis cualificado tamén esixe un maior custo. E
as prazas dos seus centros, lembra, teñen "un prezo bastante
alcanzable", xa que son entidades "sen ánimo de lucro", polo que a marxe
é limitada.
Tamén apela a unha maior coordinación sociosanitaria e remarca a súa
satisfacción coa actuación da Administración. "Tarden un pouco máis ou
algo menos, sempre que lles expomos un problema, axúdannos", asegura, á
vez que incide no que custa facer centros públicos, comprensiva co ritmo
lento co que se tenta paliar a falta de prazas. Exemplo diso son as sete novas residencias para as principais urbes galegas anunciadas anos atrás e que aínda non funcionan." (Galicia Confidencial, 18/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario