11/1/25

A Galicia que naceu no estranxeiro... unha poboación nova, crecente e esparexida polo país... na Coruña e Ourense o peso da poboación nacida no estranxeiro rolda o 16,5% e en Vigo e Lugo está preto do 14%. Porén, trátase dunha realidade que xa se estendeu por practicamente todo o país... con máis do 15% en Monforte, Sada, Arteixo, O Barco, Barbadás ou Lalín... en moitos concellos rurais, a inmigración do exterior está a equilibrar en parte a marcha de poboación nova ás zonas urbanas. Nos últimos tres anos a poboación nacida fóra do Estado triplicouse en San Xoán de Río e duplicouse en Mondariz-Balneario, Triacastela, Parada de Sil, Vilasantar ou Muras... Esta poboación provén de moitos lugares, pero na lista destaca Venezuela, país de nacemento de máis de 53 mil persoas, seguida de Colombia (28 mil) e Brasil (20 mil). Portugal e Arxentina superan as 18 mil persoas, e Suíza, Cuba e Perú roldan as 14 mil. Despois aparece Marrocos (12 mil) e Uruguai, República Dominicana e Francia roldan as dez mil... aparecen reflectidos os efectos de migracións galegas anteriores, cunha gran presenza de persoas nacidas en Suíza e agora residentes en concellos de Bergantiños e a Costa da Morte e moitas persoas con orixe en Francia e que viven en concellos do leste das provincias de Lugo e Ourense, como A Rúa. Nun grupo de oito concellos (Monfero, Valdoviño, Abegondo, Friol, Mañón...) a comunidade con raíces foráneas máis importante é a británica. En catro moi próximos (Avión, Beariz ou A Lama) dominan os nacidos en México. Na Illa de Arousa, Catoira, Sandiás ou Meis o colectivo primeiro é o das persoas nacidas en Alemaña. E en Carnota e Muros priman os nacidos nos Estados Unidos (Marcos Pérez Pena)

 "Galicia está a mudar a súa pel e, de feito, moitas cousas cambiaron xa. Abonda con saír á rúa e observar a realidade de cidades e vilas (e tamén aldeas) nas que viven cada vez máis persoas con orixe noutros países e noutros continentes. Diferentes voces, diferentes acentos, proxectos de vida que escolleron Galicia para se desenvolver, por amor, por necesidade e, ás veces, por casualidade. 

Dos 2.705.833 habitantes cos que Galicia contaba o 1 de xaneiro de 2024, o 5,7% ten nacionalidade estranxeira pero unha porcentaxe máis importante -o 11,3%- naceu fóra do Estado español. A cifra é cativa se a comparamos coa que se rexistra no resto do España, pero está a medrar con rapidez: un 22% máis en tres anos. Ademais, o peso desta poboación nacida no estranxeiro é moito máis importante nalgunhas zonas e, sobre todo, en determinados grupos de idade. Así, por exemplo, as porcentaxes medran ata o 18,9% entre os 25 e 44 anos.

O gráfico anterior representa as moi diferentes pirámides de idade que presenta a poboación galega nacida no Estado (en azul) e a poboación galega nacida no estranxeiro (en amarelo). A primeira ten o seu nivel máis amplo no grupo de idade entre 45 e 49 anos e comeza a enfraquecer por debaixo desa idade, conformando unha base de poboación nova cada vez máis reducida. 

En cambio, a poboación galega nacida no estranxeiro é moito máis nova e neste momento concentra o seu maior número entre os 30 e 40 anos. O presente -e sobre todo o o futuro- da xeración máis activa de galegas e galegos ten, cada vez máis, a súa orixe noutro país.

Como veremos máis adiante, unha parte significativa deste conxunto de galegos e galegas nacidas no estranxeiro -máis de 300.000- reside nas cidades e nas súas áreas metropolitanas. Así, na Coruña e Ourense o peso da poboación nacida no estranxeiro rolda o 16,5% e en Vigo e Lugo está preto do 14%. Porén, trátase dunha realidade que xa se estendeu por practicamente todo o país. Os datos do último censo amosan porcentaxes de poboación nacida fóra do Estado de máis do 15% en Monforte, Sada, Arteixo, O Barco, Barbadás ou Lalín.

Ademais, en moitos concellos rurais, a inmigración do exterior está a equilibrar en parte a marcha de poboación nova ás zonas urbanas. Nos últimos tres anos a poboación nacida fóra do Estado triplicouse en San Xoán de Río e duplicouse en Mondariz-Balneario, Triacastela, Parada de Sil, Vilasantar ou Muras.

Esta poboación nacida fóra do Estado provén de moitos lugares, pero na lista destaca Venezuela, país de nacemento de máis de 53 mil persoas, seguida de Colombia (28 mil) e Brasil (20 mil). Portugal e Arxentina superan as 18 mil persoas, e Suíza, Cuba e Perú roldan as 14 mil. Despois aparece Marrocos (12 mil) e Uruguai, República Dominicana e Francia roldan as dez mil. 

Nesta listaxe obsérvase, iso si, unha mestura de países dos que nos últimos anos están a chegar grandes continxentes de poboación inmigrante (Venezuela, Colombia, Cuba, Perú...) con outros lugares nos que se pode supoñer que unha parte significativa da poboación nacida alí son descendentes de galegos e galegas emigradas previamente (Suíza, Francia, Alemaña, Reino Unido... e, parcialmente, algúns países latinoamericanos).

No mapa anterior debúxase en cada concello o país de nacemento máis frecuente da súa poboación -despois do propio Estado español-. O deseño resultante fálanos do movementos migratorios máis habituais nos últimos anos, cunha presenza moi importante da poboación nacida en Venezuela -sobre todo na Coruña, Pontevedra e Ourense- e Colombia -máis en Lugo e Ferrolterra-. Tamén destaca a importante inmigración marroquí na Terra Cha; a destacada presenza de poboación chegada de Perú en Viveiro ou Cambados ou a chegada de persoas dende Romanía en Guitiriz, Begonte, Arzúa ou Becerreá

Tamén aparecen reflectidos os efectos de migracións galegas anteriores, cunha gran presenza de persoas nacidas en Suíza e agora residentes en concellos de Bergantiños e a Costa da Morte e moitas persoas con orixe en Francia e que viven en concellos do leste das provincias de Lugo e Ourense, como A Rúa. Nun grupo de oito concellos (Monfero, Valdoviño, Abegondo, Friol, Mañón...) a comunidade con raíces foráneas máis importante é a británica. En catro moi próximos (Avión, Beariz ou A Lama) dominan os nacidos en México. Na Illa de Arousa, Catoira, Sandiás ou Meis o colectivo primeiro é o das persoas nacidas en Alemaña. E en Carnota e Muros priman os nacidos nos Estados Unidos.

Na táboa debullamos os datos, dando conta dos tres países de orixe máis frecuentes en cada concello, cun gran número de realidades diversas, con presenza destacada de persoas nacidas en Ucraína -chegadas nos últimos dous anos- en San Xoán de Río, Manzaneda ou Mondariz-Balneario. Pero tamén de Honduras en varios concellos lucenses (Navia de Suarna, Samos ou Pedrafita) e mesmo de Moldavia, Bulgaria, Cabo Verde (en Burela) e Mauritania (en Ribeira, ligados á pesca nesas augas). Unha información moi completa que ofrecemos en aberto.

As comunidades con orixe noutros países máis importantes cuantitativamente localízanse en todo caso nas sete cidades, encabezadas por Venezuela en todas elas, agás en Lugo e Ferrol, onde son máis as persoas nacidas en Colombia, que no resto das cidade é o segundo país de orixe máis habitual. Despois, en Vigo destaca a gran presenza de persoas procedentes de Arxentina e Brasil; na Coruña as chegadas de Perú e Cuba.

O peso das persoas nacidas no estranxeiro medra nas idades centrais, especialmente entre os 25 e os 44 anos. Na Coruña, por exemplo, un terzo da poboación entre 25 e 34 anos (o 32%) naceu fóra do Estado, unha porcentaxe que rolda o 30% en Ourense e Lugo, o 26% en Santiago e Vigo e o 20% en Pontevedra e Ferrol.

Nos grupos de idade entre os 15 e os 24 anos, entre os 35 e 44 e entre os 45 e 54 anos as porcentaxes tamén superan amplamente a media. A poboación nacida fóra do Estado baixa entre a infancia (neste caso, aínda que a orixe das familias sexa fóraneo, cada vez son máis os nenos e nenas que xa naceron aquí) e tamén por riba dos 65 anos.

Ademais de nuns determinados grupo de idade, a poboación nacida fóra do Estado tamén se concentra en determinados barrios. Poñemos como exemplo os mapas da Coruña e Vigo con datos por sección censual, equivalentes a agrupacións de rúas. 

Na Coruña o debuxo é moi claro, acadando a poboación nacida no estranxeiro as maiores porcentaxes nos barrios situados a carón da Rolda de Outeiro: Agra do Orzán, Os Mallos, Sagrada Familia e Ventorrillo. Os valores roldan o 30% en toda esta superficie, chegando a acadar un máximo do 39%. Noutras zonas da cidade, como Labañou, Castrillón ou Os Castros tamén se acadan porcentaxes importantes, que descenden por debaixo do 10% no Ensanche.

De igual xeito, en Vigo a poboación nacida no estranxeiro concéntrase, por unha banda, no Berbés e Beiramar, e pola outra, no Calvario e nas rúas próximas á Travesía de Vigo e á estación de Urzaiz, con porcentaxes que se achegan ao 30%, aínda que sen chegar aos máximos que se rexistran na Coruña. O contraste co resto da cidade é moi grande, pois na maior parte do termo municipal, tanto nas parroquias do interior coma en barrios como Bouzas ou Navia, non se chega ao 10%."

(Marcos Pérez Pena , Praza Gal, 29/12/24, gráficos no orixinal)

No hay comentarios: