" O Ministerio de Educación presentou a pasada semana aos sindicatos máis representativos do sector -entre eles, a CIG-Ensino, maioritario entre o persoal docente público galego- a súa proposta para a baixada de rateos no primeiro ciclo de Educación Infantil. No caso galego, implicaría unha notabilísima redución a respecto da normativa vixente, un decreto aprobado hai máis de vinte anos, nos días finais do fraguismo.
A iniciativa do Goberno de españa consiste en que nas aulas de 0 a 1 anos cada docente tería que estar ao cargo dun máximo de catro bebés, cando en Galicia actualmente son. Nas de 1 a 2 anos o límite estaría en 8 fronte ás 13 crianzas actuais e nas de 2 a 3 anos, actualmente con ata 20 nenas e nenos por docente, a relación non podería pasar de 8 prazas de alumnado por cada praza de persoal educador.
Fronte á boa acollida entre as centrais sindicais, a Xunta recibiu a iniciativa estatal con aberta hostilidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, interpretouno como "un intento do Goberno central de boicotear" o "modelo de gratuidade pioneiro posto en marcha por Galicia", isto é, a extensión da escolarización de 0 a 3 anos sen pagamento directo polas familias mediante subvencións a escolas privadas e non coa ampliación das prazas públicas.
"Non achegou nin un euro", censuraba García a pasada semana nunha xuntanza con representantes de empresas do sector. "O presidente Sánchez dixo que ía implicarse no financiamento das escolas infantís, na gratuidade, pasaron tres anos e non fixo nada", afondaba na mesma liña este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ambas consideracións obvian que o Goberno de España chegou a remitir ao Executivo galego 34,9 millóns de euros para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos, dos cales a Xunta devolveu a maioría: 22 millóns de euros.
Como informou Praza.gal, a finais de 2024 o departamento que dirixe Fabiola García tramitou ante o Estado a devolución de 22,3 millóns de fondos europeos de recuperación ao Ministerio de Educación. Fíxoo cando aínda restaba un ano para gastalos na creación das devanditas máis de tres mil novas prazas de educación infantil. "
(David Lombao, Praza.Gal, 30/06/26)
No hay comentarios:
Publicar un comentario