Itamar Even-Zohar (Tel-Aviv, 1939) está de volta en Galiza. Este mes imparte na facultade compostelá de Filoloxía un seminario tras aceptar o convite do vicerrector de Cultura, Elías Torres. Coñecido pola teoría dos polisistemas e a dos repertorios culturais, entroutras aportacións de interese no estudo das interferencias entre linguas, literaturas e culturas, Itamar resume o seu traballo como investigador na Universidade de Tel-Aviv: "Interésome polas condicións para que unha sociedade teña éxito ou fracase", di. "Estudo as culturas non como bens, senón como modos de vivir".
Das primeiras veces que veu a Santiago, en 1993 e 1994, aínda se lembra a polémica que polarizou entón a intelectuais tan dispares como González Millán e Carlos Casares. Itamar escribía entón que o galego corría o risco de desaparecer como lingua culta "en poucas décadas", e que dominando o castelán "é como o acceso aos recursos parece ser máis prometedor para a maioría dos galegos".Nunca foi intención súa sementar polémica. "Hai unha persoa cerebral e outra privada", explica. "Galiza era un exemplo do meu traballo sobre o xurdimento de entidades políticas como consecuencia do traballo intelectual.
Están Francia, Italia e Alemania, e despois os casos ibéricos... Falta conciencia de que os grupos e as identidades políticas e culturais non son creacións naturais. Xorden nun momento en determinadas condicións, e se nesa masa existe un grupo pequeno como foi o galego, unhas 30 persoas desde o Rexurdimento, mobilízase máis xente".
Even-Zohar lamenta que en Galiza non haxa moito interese en investigar "canta xente necesitamos para que as nosas accións poidan ir adiante". "Non é un problema teórico, senón de dimensións moi prácticas. ¿Por que se reúnen 100 na unificación de Italia e 30 en Galiza? O obxectivo máis importante da planificación da cultura como un conxunto de modos de vida é propoñer solucións tras unha análise da situación, como discute Castelao en Sempre en Galiza".
Itamar ten unha lista de 250 persoas que viven da lingua galega, aínda que poderían ser 1.000, segundo lle contan. Neste punto, di, "hai que preguntarse se é unha actividade cuns obxectivos claros ou se se trata dunha inercia histórica". É consciente dos paradoxos: "En tempos de Castelao o castelán era a lingua do poder. E hoxe, cando a lingua semella o principal problema, non hai ningún diario en galego".
Nunha conferencia en 2003, Even-Zohar comparaba Galiza con outros espazos recurrentes nos seus estudos de campo, desde Terranova ata as Illas Feroe. "A intelectualidade que fala e escribe sobre Galiza concentrouse tanto na lingua como solución que se esqueceron outros ámbitos", di. "Sen a lingua non se tería podido avanzar, mais convén centrarse tamén noutras cousas, porque non hai solucións para sempre".
"Políticamente, unirse con Portugal non ten ningunha vantaxe", afirma, "mais unha intensificación das relacións, sobre todo no que atinxe á lingua e ás industrias de produtos da linguaxe, á mellor protección da lingua, poderían reforzar o estatus do galego". O investigador insiste: "Hai razón para poñer en dúbida a crenza case común de que a lingua é a ferramenta máis importante de Galiza para manterse como unha sociedade que pode controlar os seus recursos.
Quizais se creou confusión entre o valor dun ben simbólico indispensable (o galego) e outras ferramentas que funcionarían mellor non só á hora de crear fronteiras simbólicas, senón á hora de crear a situación desexada para, sequera, non deixar á cultura española que drene as capacidades intelectuais de Galiza, que son a única garantía do seu benestar social e económico".
"O que hai que facer é pensar como mellorar a vida da sociedade en moitos outros aspectos", di. O exemplo "fantástico" para Itamar é Irlanda e o gaélico irlandés, idioma oficial de traballo na UE. "Hai unha identidade irlandesa, a enerxía dos poetas e dos investigadores, e o número de falantes do irlandés hoxe son 77.000 persoas". Sendo "indispensable" o galego, "sequera como símbolo", precisa, "grafar ó ou ao nunca debe ser motivo de polémica". (Itamar Even-Zohar:"Grafar 'ó' ou 'ao' nunca debe ser motivo de polémica". El País, ed. Galicia, Galicia, Luces, 08/06/2007, p. 47)
No hay comentarios:
Publicar un comentario