30/9/16

Se Ana Pontón tivera fotos en compañía dun narcotraficante non se tería falado doutra cousa na campaña electoral

"Se Ana Pontón tivera fotos en compañía dun narcotraficante non se falaría doutra cousa na campaña electoral. Esas fotos estarían nas portadas de todos os xornais impresos e de todos os informativos de radio e televisión. Se Luís Villares tivera pretendido intercambiar unha sentenza favorable por favores sexuais non se falaría doutra cousa de aquí a Pernambuco. 

Se Xaquín Fernández Leiceaga estivera construíndo un chalé en Moaña con vistas ás Cíes, 354 metros construídos e piscina, os planos dese chalé serían coñecidos polo último habitante de Galicia, de Ferrol ao Padornelo. O PP non anda con bromas cando se trata de reter o poder. Utiliza todos os medios ao seu alcance.

 A infantería mediática que os apoia e sustenta non se para en barras. No entanto, a súa leal oposición non só carece de medios. Carece, tamén, da disposición de ánimo que leva a crer nas propias posibilidades. Se ven o vento de cola, aprovéitao, naturalmente, pero nin un paso máis.

Cando o PP obra así faino, primeiro, porque pensa que pode. Conta sempre coa impunidade que da non só o usufruto pertinaz do poder senón a extensa gama de complicidades sociais. Sobre o que foron as aventuras e desventuras do bipartito poderíanse escribir moitas cousas pero a campaña electoral que determinou a derrota do bipartito estivo articulada sobre catro elementos básicos: 

a) a imposición do galego 

b) un señor subido nun bote 

c) uns asentos 

d) uns coches

A mera enunciación mostra que non se tratou precisamente dunha campaña onde se discutira de filosofía política. Basicamente, a campaña tratou de desacreditar ao bipartito en xeral e a Touriño e Quintana en particular como se a) fosen sátrapas que amaban apousentar o seu cu en luxosas cadeiras en San Caetano e circular en coches dignos de Obama para despois, coma bos fariseos, saltar a un iate en compaña de ricos  e b) líderes soviéticos dispostos a mandar ao Gulag e a perseguir por todos os medios, por terra, mar e aire, a calquera que se atrevese a cuestionar a oprobiosa imposición lingüística que atenazaba a maiores e pícaros fundíndoos nunha lama espesa e parroquial.

Polo demais, non nos enganemos, esa campaña foi conducida dun modo científico, friamente, sen motivos persoais. Do que se trata, nunha campaña electoral moderna, nun tempo no que as identidades políticas e vinculadas á orixe social están moi diluídas é de concentrar o descrédito sobre o adversario, normalmente con acusacións de corrupción, con dúas finalidades: mobilizar aos propios e disuadir aos adversarios, provocar a súa abstención nas urnas. 

A campaña que destruíu o bipartito foi organizada por unha axencia de comunicación, por bo nome Swat, ligada por certo á Gürtel, que organizou o encadre e a historia a ser contada. Pero sería imposible o seu éxito se o que primeiro apareceu en determinados medios afíns –o ABC en particular- non se reproducira despois en bucle por toda a esfera comunicativa para crear unha atmosfera emocional que fixera posible a vitoria do candidato Feijóo. 

Mobilizar aos propios e disuadir ao electores contrarios é o obxectivo de toda campaña electoral, pero máis se, como é o caso en Galicia, e especialmente nesta elección, a vitoria se xoga sobre unha marxe moi estreita e en boa medida sobre o que poda ser o rendemento electoral de BNG e Ciudadanos. 

Hai que lembrar que nas tres últimas convocatorias  para o Parlamento Galego o PPdeG mantívose en torno ao 45% do electorado mentres a oposición parlamentaria oscilou entre o 51% na banda alta en 2005 –cando gañou as eleccións- e o 44 % de 2012-cando non só as perdeu senón que se fixo manifesta a súa crise coa aparición de AGE-. 

Obviamente as eleccións en Galicia gáñanse e pérdense nesa forquita: non abonda con que o PP perda votos, ten que suceder que a suma dos seus opositores con representación parlamentaria se distancie del para que sexa posible que forme goberno.

Nas eleccións de 2012, de feito, o PP perdeu o 16% dos votos, pero iso non só non lle fixo perder as eleccións senón que lle fixo sumar 3 deputados máis. O segredo?, que o PSdeG perdeu o 43% dos seus votos e o BNG o 46%. A aparición de AGE non compensou esas perdas nin en número de votos, nin en porcentaxe. 

A cousa puido ser peor porque hai que presumir que de non aparecer esa coalición entre ANOVA e EU o resultado conxunto da oposición ao PP sería aínda máis probe. O PSOE estaba na altura desacreditado ata profundidades abismais e o BNG era incapaz, unha vez máis, de facer fronte á súa crise estrutural e a un devalo que ven de lonxe. 

Sen AGE a oposición aparecería cunha debilidade sistémica que o éxito de AGE e, moi en especial, a sobre actuación de Beiras, moi eficaz no curto prazo, contribuíron a ocultar. Agora o escenario é aínda máis complicado, coa aparición das Mareas e de Ciudadanos, que fan o resultado aínda máis indecidido e/ou dependente de factores aleatorios, dada a volatilidade comprobada do voto. (...)

  Pero quede que sería de interese da oposición a Feijóo e ao PP tensar a campaña. Non o están facendo. Vaia vostede a saber por que ou se rectificarán neste tramo final.

 Sen embargo, repito, cando a vitoria ou a derrota se xoga sobre marxe tan estreitas e aleatorias como as que son o caso nesta campaña electoral non cabe máis que acudir ao que afirman todos os manuais de ciencia política escritos nas últimas décadas."            (Antón Baamonde, Praza Pública, 15/09/16)

No hay comentarios: