27/10/23

Hidróxeno verde: solución e ameaza para a transición ecolóxica

  "Galicia, territorio ideal para a produción de hidróxeno verde” é o título dun dos vídeos da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde. O que pode ser unha oportunidade non debe converterse nunha ameaza. O hidróxeno verde é preciso para abandonar os combustíbeis fósiles dos que Galicia aínda depende tanto. Porén, cómpre acoutar ben o seu papel desde os poderes públicos baixo criterios de racionalidade ecolóxica e interese xeral.   

Fálase cada vez máis do hidróxeno verde, na súa dupla condición de combustíbel e materia prima, como un actor imprescindíbel da transición ecolóxica, mais aínda resulta un grande descoñecido. A súa produción mundial é incipiente e o que temos a día de hoxe é pouco máis que un abrollar de proxectos, fenómeno no que a Península Ibérica está a ser particularmente fecunda.  

Hidróxeno verde e fósil 

O hidróxeno verde ou renovábel non é unha fonte, senón un vector enerxético. Non é un recurso enerxético, como o vento ou o petróleo, senón unha forma de almacenarmos e usarmos a enerxía. Para producir hidróxeno verde necesitamos dispor de recursos enerxéticos renovábeis, transformalos en electricidade e usar esa electricidade para separar o hidróxeno (H2) presente na auga (H2O) mediante electrólise. Este hidróxeno podemos usalo como combustíbel  nunha reacción inversa á da electrólise, na que se combinará co osíxeno para xerar vapor de auga. É verde porque se produce con electricidade renovábel e ao usalo non emite dióxido de carbono (CO2), gas de invernadoiro cuxas emisións humanas de orixe fósil son a principal causa da crise climática global. 

Son necesarios dous pasos para xerar hidróxeno verde grazas a electrólise da auga, a forma principal de o producir. Primeiro hai que obter a electricidade a partir dunha fonte renovábel que, no caso galego, sería fundamentalmente o vento. Despois cómpre fabricar o hidróxeno coa electricidade verde. En cada un deses pasos, en cada conversión (de recurso renovábel a electricidade, de electricidade a hidróxeno) emprégase enerxía e consómense recursos naturais, por exemplo, minerais para fabricar aeroxeradores e electrolizadores, os aparellos usados na electrólise. Polo tanto, é máis eficiente empregarmos directamente electricidade renovábel en lugar de hidróxeno renovábel para substituírmos usos enerxéticos dos combustíbeis fósiles, sempre que iso fora posíbel, que non sempre o é. Un feito moi relevante a termos en conta á hora de se establecer unha xerarquía ecoloxicamente apropiada de usos do hidróxeno verde. 

En Galicia aínda non se produce hidróxeno renovábel, pero si gris. O hidróxeno é un gas incoloro mais desígnase con cores segundo o xeito de produción. Denomínase gris cando procede de gas fósil, tamén chamado gas natural. En Galicia existe unha fábrica de hidróxeno fósil que foi responsábel en 2021, ano máis recente con datos, dun 1% das emisións totais de gases causantes de cambio climático en Galicia, unha achega ben importante para unha única industria. É a planta de Air Liquide en Meicende (Arteixo), situada ben perto da refinaría de petróleo de Repsol, á que abastece, pois o hidróxeno é unha materia prima necesaria no seu proceso produtivo.  

Na propia refinaría tamén se produce hidróxeno fósil, o que contribúe á súa elevada pegada climática aínda que, desde logo, en moitísima menor medida que o uso final dos produtos petrolíferos producidos nela, destinados ao consumo galego e á exportación. Non temos petróleo pero exportamos máis enerxía en forma de produtos petrolíferos que de electricidade. 

Galicia necesita hidróxeno verde 

O noso país tamén precisa de hidróxeno verde para contribuír a descarbonizar a economía e reducir rapidamente as emisións de gases de invernadoiro. A transformación e o consumo de enerxía fósil provoca o 71,1% das nosas emisións. Estas foron en 2021 un 34% inferiores ás de 1990 e en 2030 deberían ser xa un 55-65% menores. E antes de 2040 deberían igualar as absorcións. 

Os combustíbeis fósiles seguen a dominar a realidade enerxética galega, aínda que a tendencia xeralizada a pór o foco só nunha pequena parte desa realidade, a electricidade, favorece a súa ocultación. Na xeración de electricidade os combustíbeis fósiles xa son, desde finais da década pasada, claramente minoritarios. Porén, se ampliamos o foco até os recursos enerxéticos (enerxía primaria), vemos que só o 25,8% dos usados no noso territorio son renovábeis, segundo o máis recente Balance enerxético elaborado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), correspondente a 2021.  

O dato anterior ten a ver en parte co feito de acollermos un potente sector enerxético fósil orientado á exportación, coa refinaría de petróleo á cabeza. Mais se reparamos só no consumo galego, a enerxía fósil segue a ser preponderante. A cota de renovábeis sobre o  noso consumo de enerxía final é do 43,5%. Hai quen suliña o feito de ser relativamente alta no contexto de España e a UE, mais non deberiamos perder de vista que aínda resta por desfosilizar máis da metade do noso consumo enerxético. E que a emerxencia climática esixe facelo rapidamente.  

A nosa cota de renovábeis débese principalmente non só á auga e ao vento utilizados na produción eléctrica, senón tamén á biomasa empregada para xerar calor, que presenta o “pequeno” inconveniente de emitir CO2 na súa combustión, aínda que iso non preocupa nin sequera a quen problematizan máis as enerxías renovábeis que os combustíbeis fósiles. Emisións sen dúbida importantes, mais de contía descoñecida, non incluídas no inventario oficial co argumento de que foron compensadas polas absorcións de CO2 durante o crecemento da biomasa. Mais a mitigación da crise climática pasa non só por minimizar emisións senón tamén por maximizar absorcións. 

O hidróxeno renovábel e os seus derivados non só funcionan como vectores enerxéticos senón tamén como materias primas. Son necesarios para substituírmos as de orixe fósil utilizadas en certos procesos industriais e ese debería ser o seu uso prioritario hoxe. Non fomos quen de obter datos ao respecto, mais seguramente a refinaría de Arteixo/A Coruña é a principal consumidora de hidróxeno no noso país. Debería substituílo por verde no marco da transición ecolóxica, da mesma forma que debería planificar unha redución  progresiva, até cero, da súa produción de derivados de petróleo.  

A xerarquía de usos do hidróxeno verde  

Obviamente, ás empresas privadas interesadas na produción de hidróxeno verde tanto lles ten para que se usar. A súa pretensión é vender canto máis mellor co obxectivo de obteren beneficios. Entre as máis interesadas figuran empresas do sector do gas fósil como Enagás e Reganosa (participada nun 28,6% pola Xunta), que ven no hidróxeno verde unha posibilidade de continuaren a ser protagonistas do negocio enerxético. Mais non se trata de remudar directamente o gas fósil en todos os seus usos actuais por hidróxeno verde. Nin de transformar ou substituír por outra de hidróxeno a sobredimensionada rede de infraestruturas gasísticas, financiada xenerosamente por clientes e contribuíntes.

O hidróxeno renovábel é, ou máis ben será, un vector enerxético de luxo. A súa produción, alén de demandar auga, é intensiva en electricidade renovábel, polo tanto, en consumo de territorio. O seu transporte é difícil e custoso e, no  caso de grandes volumes, require a construción de hidrodutos (ou a adaptación de gasodutos, se iso fora posíbel). Por iso, cómpre usalo só cando fora realmente necesario e perto dos lugares de produción, algo que o sector privado e o mercado non van propiciar. E no que os poderes públicos tampouco semellan moi interesados. 

Nunha xerarquía adecuada de usos para o hidróxeno verde, o prioritario sería o decrecemento da demanda de enerxía e materiais. Logo viría a electrificación directa, pois como xa vimos resulta máis eficiente empregarmos e transportarmos electricidade renovábel que recorrermos ao hidróxeno verde producido con ela. Sen desbotar a achega das renovábeis térmicas ou de biocarburantes, é preciso electrificar moito máis o consumo de enerxía final, que hoxe só representa o 25,9% do total na nosa terra, baseándoo canto antes en electricidade 100% renovábel. Nesta xerarquía, a utilización de hidróxeno renovábel, considerada unha forma de electrificación indirecta, ficaría en derradeiro lugar. O seu papel limitaríase a substituír a enerxía fósil cando non fora viábel a electrificación directa, ademais de remudar o hidróxeno fósil como materia prima na industria. 

O uso enerxético do hidróxeno verde e os seus derivados só semella esencial a día de hoxe para a aviación e o transporte marítimo intercontinentais, e para a obtención de calor industrial a moi altas temperaturas. Carece de sentido, por exemplo, empregalo en turismos e trens ou na produción de calor nos nosos fogares. 

Descarbonizar o país ou exportar hidróxeno verde? 

A canto ascendería unha demanda razoábel de hidróxeno verde en Galicia?. A Xunta non parece moi interesada en responder a esta relevante pregunta ou, cando menos, non o fai na súa Axenda enerxética 2030, na que apunta diversos usos potenciais (adecuados ou non), aposta por facer de Galicia un hub exportador (aí encaixaría o gasoduto/hidroduto Guitiriz-Zamora como parte do proxecto H2Med Barcelona-Marsella) e prevé unha produción máxima de 105.000 toneladas.  Unha previsión que o desenvolvemento das propostas xa coñecidas  podería superar.

Contabilizamos até hoxe 13 proxectos de fabricación de hidróxeno verde e derivados (metanol, amoníaco) no noso país, en diferentes fases de desenvolvemento e, presumimos, con diversas posibilidades de éxito. Con base en informacións de prensa, conclúese que algúns prevén pequenas producións duns centos de toneladas orientadas a usos máis ou menos apropiados na contorna dos seus emprazamentos, como o pensado para o porto de Vigo ou o de Foresa (Finsa) en Caldas, que produciría metanol verde para a industria de taboleiros. Outro grupo de proxectos presenta unha escala ben maior, saltando a súa produción ás decenas de miles de toneladas, mesturándose neles en diferentes proporcións aspectos positivos e negativos. Así, no de Forestal do Atlántico en Mugardos, destinado en boa medida a obter metanol verde para autoconsumo, parecen predominar os positivos. Exemplo do contrario sería o de Reganosa e EDP nas Pontes, que inxectaría hidróxeno verde na rede gasista, devaluando o valor intrínseco do hidróxeno e “ecobranqueando” o gas fósil.       

Os proxectos máis problemáticos son tres iniciativas de grande escala que se asentarían no porto exterior da Coruña. Dúas delas, promovidas polo Grupo Ignis e Fisterra Energy (Blackstone), producirían amoníaco verde para exportar cara ao norte de Europa. A terceira fabricaría metanol verde para usar como combustíbel nos buques de Maersk, unha das maiores navieiras do mundo.

Non hai hidróxeno verde sen electricidade renovábel e non hai descarbonización sen moita máis electricidade renovábel. Producirmos en exceso hidróxeno verde para usos inadecuados e/ou a exportación desviaría electricidade renovábel imprescindíbel para a nosa descarbonización mediante a desfosilización total da produción eléctrica e a electrificación directa de usos enerxéticos en industrias, transporte ou fogares cubertos hoxe por produtos petrolíferos e gas fósil. E non sería precisamente pouca: producir o máximo de 105.000 toneladas previsto na Axenda enerxética da Xunta para 2030 requiriría 4.300-5.800 GWh/ano. Para facérmonos unha idea do que estas cifras representan diremos que todos os parques eólicos galegos xeraron 9.700 GWh no ano pasado.  

Facer de Galicia un país exportador de hidróxeno verde e derivados, ou ben sería un atranco para a descarbonización da nosa economía, ou ben obrigaría a dispor dunha potencia renovábel (eólica) sobredimensionada, cos conseguintes custos socioambientais. Sen dúbida, complicaría máis a transición enerxética, tamén pola vía de fortalecer outro obstáculo, a oposición dunha parte da sociedade aos parques eólicos, en parte xustificada, en parte fundamentada en esaxeros e falacias."                 (Xosé Veiras García, Tempos Dixital, 27/10/23)

No hay comentarios: