"Científicos galegos veñen traballando no desenvolvemento de técnicas
para conservar as árbores senlleiras de Galicia. A solución pasa pola
clonación e o cultivo in vitro, unha ferramenta útil para a conservación
e propagación de xermoplasma valioso das árbores centenarias.
Investigadores do Departamento de Fisioloxía Vexetal do Instituto de Investigaciones Agrobiológicas de Galicia (IIAG), do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), publicaron recentemente os resultados das súas investigacións neste campo.
Nun estudo titulado 'Clonación y conservación de árboles singulares de Galicia mediante cultivo in vitro', os científicos expoñen os protocolos para a propagación vexetativa de especies forestais usando técnicas de cultivo in vitro e a creación dun banco
de xermoplasma de castiñeiro e carballo no que se conservan varias
árbores centenarias incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.
"A conservación in situ por si soa non é suficiente para salvar as especies en perigo de extinción,
xa que aínda que achega importantes opcións de conservación, o
xermoplasma mantido desta maneira corre o risco de sufrir ataques de
patóxenos, inundacións, tornados, incendios, que poñen en risco a súa
supervivencia", argúen os expertos.
Por isto, defenden a necesidade de dispoñer de copias do xermoplasma natural a resgardo de perigos e afirman que se trata dunha "alternativa práctica e aceptada hoxe en día de forma xeral" no campo da biotecnoloxía.
O IIAG definiu protocolos para a propagación mediante a vía da
proliferación de xemas axilares de moitas especies leñosas, destacando o
traballo realizado con castiñeiros e diferentes especies de carballos
europeos e americanos. Máis especificamente, salientan os casos de árbores
senlleiras como o da Carballa da Rocha, no lugar da Sainza, parroquia
de Touza, no municipio de Rairiz de Veiga (Ourense), e os castiñeiros da
Fraga de Catasós, no concello de Lalín.
"Estes protocolos non só permiten obter miles de copias desas árbores, senón tamén que garanten a súa conservación", destacan.
O IIAG conseguiu así establecer un banco de xermoplasma con máis de 200 xenotipos de diferentes especies leñosas,
sendo a maior parte parte das árbores seleccionadas pola calidade da
súa madeira, resistencia a enfermidades, a idade ou a calidad da
floración.
CRIOCONSERVACIÓN
Unha etapa clave no proceso é a da crioconservación, isto é, o
almacenamento en nitróxeno líquido de material biolóxico, o cal permite o
seu almacenamento de forma indefinida. Esta técnica baséase na
paralización total das divisións celulares e dos procesos metabólicos
como resultado do almacenamento do material en nitróxeno líquido a -196º
C. E dentro da crioconservación, a vitrificación é un dos métodos que
máis frecuentemente se utilizou nos últimos anos, segundo os científicos
do IIAG.
Con este método, explian os investigadores, "os tecidos son
deshidratados con solucións moi concentradas que evitan a formación de
cristais de xeo nas células durante a crioconservación e a posterior
desconxelación". Din que se trata dun método "sinxelo" que "non necesita
de aparellos excesivamente caros". Con el lograron a conservación
de embrións zigóticos de castiñeiro e de embrións somáticos de
castiñeiro, sobreira, aciñeira, ameneiro e diferentes especies de
carballos europeos e americanos.
Os embrións somáticos, proseguen os autores, constitúen un material idóneo para a crioconservación. Mediante esta técnica, o IIAG mantén almacenados máis de 50 xenotipos distintos. Dentro destes mantéñense criconservadas varias árbores da Carballeira de Caldas de Reis, tamén no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
"Pódese afirmar que a utilización das técnicas de propagación in vitro e almacenamento en frío de xermoplasma destes exemplares serve para acometer un plan de conservación de árbores senlleiras. A clonación permite obter duplicados de combinacións xenéticas de especial interese e conservalas", conclúen os científicos.
VANTAXES DO MÉTODO
Noutro estudo do IIAG publicado á par que este, e titulado
'Conservación de germoplasma de árboles singulares de Galicia por
cultivo in vitro', os investigadores destacan as vantaxes deste método,
como é, por exemplo, a dispoñibilidade de material vexetal en calquera momento
do ano para realizar estudos fisiolóxicos, xenéticos e epixenéticos, e
para ser utilizado en eventos de divulgación científica en centros
educativos, feiras da ciencia, etc.
Por outra banda, subliñan que a micropropagación de exemplares de idade
avanzada, como é o caso das árbores senlleiras, pode resultar difícil
debido a problemas como un número limitado de brotes dispoñibles para a
instalación, altos niveis de microorganismos endóxenos e exóxenos, baixa
capacidade de multiplicación durante a prolongada etapa de
estabilización e baixas porcentaxes de formación de raíces.
Por iso, desenvolveron actuacións dirixidas á instalación in vitro de exemplares singulares de nogueira, carballo, sobreira, bidueiro e eucalipto de Galicia,
algúns dos cales están recollidos no Catálogo de Árbores Senlleiras.
Nalgúns deles conseguiuse exceder as fases de establecemento e
estabilización do cultivo e se comezaron ensaios de mantemento en frío,
de enraizamento e aclimatación en laboratorio e invernadoiro." (Galicia Confidencial, 12/02/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario