"O calendario semanal galego suma máis un día de loito. Aos venres negros da TVG únense os martes negros convocados pola Asemblea de Investigadoras da USC (AIC).
O colectivo reclama a fin da fenda salarial que sofre parte do persoal
docente e investigador, a equiparación dos diferentes contratos do
persoal predoutural e o remate da precarización deste sector.
Arancha Nogueira é investigadora predoutural pola
facultade de Filoloxía. “Eu recibín unha bolsa da Xunta de Galicia que
me permitiu asinar un contrato de tres anos coa USC. Este contrato ten
como finalidade principal que eu faga a miña tese, pero conleva unha
serie de obrigas xunto a esta, das que normalmente as universidades se
aproveitan.
Unha é a docencia. Partindo da base de que ás bolseiras nos
toca o que o resto do profesorado non quere, no caso do meu departamento
esta docencia asignase ao chou, non ten que ver coa liña da miña
investigación. Iso repercute en nós (o persoal investigador), que temos
que pasar moito tempo preparando as aulas, pero tamén no alumnado, que
recibe unha docencia con menor calidade”.
O caso de Arancha podería ser paradigmático de moitos
outros no eido dos investigadores predoutorais. Un eido confuso, no cal
é doado perderse entre súas as múltiples variables contratuais. “Hai
moito descoñecemento.
Un dos principais problemas cando empezas unha
carreira investigadora é que non sabes o que vas atopar”, sinala Aldara
Cidrás. Ela e máis Valeria González son investigadoras predoutorais e
forman parte da AIC. “A asemblea é un espazo de debate e defensa dos
dereitos do colectivo de investigación da USC, isto engloba ao persoal
de investigación, de xestión e técnico”, engade Valeria.
Un convenio para rematar coa desigualdade contratual
A desigualdade na carreira investigadora comeza no
propio casilleiro de saída. Existen distintas posibilidades para as
persoas que desexan realizar unha tese de doutoramento: por unha banda,
as bolsas convocadas pola Xunta de Galicia e, pola outra, as convocadas
polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e denominadas FPU
e FPI. En todos os casos a relación contratual é coa universidade, mais
a duración dos contratos é diferente: tres anos para as persoas cunha
bolsa da Xunta e catro para as beneficiarias dunha FPU ou FPI.
As diferencias van máis alá. “No caso das FPU ti
podes solicitalas antes de estar matriculado no doutoramento, e polo
tanto saber se vas ter unha estabilidade laboral ou non. No caso da
Xunta é obrigatorio estar matriculado para solicitar a bolsa”, di
Aldara. A Xunta, non obstante, inclúe nas súas partidas unha destinada
as estadías no estranxeiro que realizan os investigadores, algo que non
fai o Ministerio.
“Tes que participar nunha convocatoria aparte, e o
número de estadías que se conceden é moi inferior ao número de persoas
solicitantes”, explica Valeria. “Queremos unha unificación deste tipo de
contratos. Estamos a realizar o mesmo labor, por que se nos trata de
forma diferente?”, incide a súa compañeira. “Tampouco temos un convenio
propio”, continúa Aldara, “Precarios,
a organización que actúa a nivel estatal, está mantendo esa loita co
Ministerio por un convenio que fixe os dereitos do persoal predoutoral”.
As diferencias son máis acusadas cando se compara a
situación deste colectivo coa doutros do persoal docente e investigador
da USC. “Actualmente a nosa bandeira é a equiparación salarial”, sinala
Aldara. Denuncia que a parte do persoal investigador está a cobrar por
debaixo do salario mínimo, ao non ser beneficiario das recentes subas
salariais. Por exemplo, unha persoa cun contrato FPU ou FPI percibe
actualmente 1.173€ mensuais, setenta menos do que debería segundo a
táboa laboral actualizada, 1.244,91€. Ao ano, isto significaría unha
perda de 1.000€.
Trasladadas as reclamacións á xerencia da USC, a
resposta foi a falta de fondos para cubrir a diferencia salarial. “Os
nosos contratos están integramente cubertos polas axudas da Xunta e do
Ministerio, tamén cobren a seguridade social”, explica Valeria. A
maiores, tras unha petición realizada pola AIC ante a Valedora do Pobo, o
colectivo foi informado de que a USC recibía 1,3 millóns de euros da
Xunta “pola captación de talento investigador”. “Queremos saber a onde
se está destinando esa partida orzamentaria”, reclaman as dúas
investigadoras.
A precariedade na docencia
Na carreira investigadora, en cada final de etapa
agarda un novo contrato por unha serie de anos. O predoutoral, o
posdoutoral, as bolsas concedidas aos equipos de investigación
universitarios e un longo etc. A posible meta, o posto de profesor ou
profesora titular nalgunha facultade, é hoxe practicamente inalcanzable.
Namentres, os investigadores tratan de acumular todos os méritos
posibles. Isto implica non só a propia tese, senón as estadías no
estranxeiro, a redacción de artigos para publicacións de prestixio ou as
horas de docencia.
Outra das diferencias entre contratos predoutorais
que acusa a AIC son as horas de docencia: 240 no caso das FPU, 120 no
caso das FPI e 60 no das bolsas da Xunta de Galicia (xa que o contrato
ten unha duración menor). Na actualidade, estas horas de docencia son
empregadas pola universidade para cubrir as fendas que deixa a falta de
reposición do profesorado.
Manuel Magán é investigador FPU: “O alumnado
fala de tres ou catro predocs nun mesmo ano dando aulas”. “Actualmente o
Ministerio e a Xunta poñen máis cartos para contratar predocs, ti non
tes por que dar as horas de docencia, pero somos cada vez máis, e para
que ti podas competir no futuro, por méritos, o mellor é que as deas”.
Aliméntase así unha dinámica competitiva entre o persoal predoutural." (Raquel C. Pérez, El Salto, 25/02/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario