"Unha cousa foi migrar da Cidade de México a Barcelona. Experimentei a
crise de identidade que se suscita ao ser agora vista, primeiro de
nada, como unha migrante máis do sur. Por riba do choque cultural, todo
isto traduciuse corporalmente nunha nova sensación de illamento ao
atoparme de súpeto soa no medio dun lugar do que non sabía nada.
Pero outra cousa foi migrar da vida de cidade á vida rural dunha
aldea galega. Cambiar a contorna de edificios, bares e centros
comerciais que comparten as dúas grandes capitais culturais nas que
vivín, ao de casas de pedra entre os montes verdes e baixo os
espectáculos que ofrecen a diario os ceos de Sabaxáns, en Mondariz.
Eu, que sempre gocei dos privilexios dunha vida urbana de clase
media, nunca me crin capaz de vivir no campo. Pero o destino é unha
cousa estraña. A miña parella -a cal coñecín en México- é descendente
dunha familia de migrantes galegos que hai máis de trinta anos
abandonaron a súa casa na aldea e mudáronse a un piso na gran Cidade de
México na procura de sorte. Nunca voltaron a Galicia.
Cando eu viaxei a Barcelona para estudar, a miña parella veu
visitarme a finais de ano e aproveitamos a súa viaxe para coñecer as
súas raíces culturais. Grazas ás redes sociais, a súa nai aínda gardaba
contacto cos seus antigos veciños e parentes, así que ao chegar
atopámonos con esa familia afastada, e ata entón descoñecida, que nos
recibiu na súa casa con confianza cega e levounos a coñecer a casa que
foi abandonada hai xa tanto tempo.
Esperabamos atoparnos con muros de pedra comidos polo brión e vigas
podrecidas. Pero a casa aínda conservaba o teito, os chans de madeira, a
cociña de ferro, a bañeira… todo estaba case intacto baixo unha densa
capa de po e arañeiras. Incluso a neveira funcionaba!
Foi entón, logo do gran recibimento e de ver as condicións da casa,
que o meu compañeiro decidiu, sen máis pertenzas ao lombo que unha
maleta de roupa para as tres semanas que en teoría duraría a súa viaxe,
non tomar o voo de regreso a México e quedar a vivir na aldea co
obxectivo de levantar a casa da súa familia e facer un cambio radical de
vida. Cando terminei os meus estudos en Barcelona, tras varios
conflitos coas leis racistas de estranxeiría, vin tamén vivir á pequena
casa de pedra en Sabaxáns.
Cando cheguei, non podía crer o que vía. A comunidade axudáralle á
miña parella dunha maneira que nunca vira na cidade. Non só lle
brindaron hospedaxe e lle regalaron roupa mentres o meu compañeiro puido
limpar a casa, senón que toda a aldea cooperou para que puidese pagar a
instalación eléctrica. Por teléfono contárame que lle regalaran un
colchón, unha estufa, unha bombona de butano, un quentador, microondas…
todo o bo que servise e sobrase. Tamén foran os mesmos veciños
instalarlle o quentador, as chaves da auga e a cociña de leña sen
cobrarlle un peso.
Non levaba nin unha semana cando puiden comprobalo en carne propia:
todos os días Rosa traía feixóns, leitugas e tomates do seu horto;
Lourdes axudounos a baixar á cidade e aprendeunos as leccións
fundamentais sobre como vivir no campo; María convidounos a comer sempre
que podía e de cando en vez traía algún que outro pito que mataba;
Margarita prestounos as súas ferramentas…
Chamoume a atención ver moitas máis mulleres que homes. Puiden
constatar que aínda se vive na vella estrutura na que a muller queda na
casa e faise cargo das tarefas de reprodución e coidado dos vellos,
mentres que os homes van ás cidades para traballar ou saen ao monte para
cazar.
Da noite para a mañá os meus días de atravesar a cidade en bicicleta
para tratar de aproveitar o tempo ao máximo, ou o que queira que iso
significase, cambiaron por sinxelas andainas vespertinas polo monte
acompañada polas veciñas maiores. Aos poucos, fun escoitando as súas
historias para descubrir que eran historias de migración. Non hai casa
nesta aldea que non fose tocada pola sombra da morriña. Decateime de que
era unha migrante en terra de migrantes.
O meu compañeiro e mais eu aos poucos fomos comprendendo que o
intercambio de favores e de bens era unha práctica común que facía que
esta pequena parte do mundo funcionase. Deste xeito xéranse relacións
entre veciñas, as cales son moi distintas ás da cidade. Aquí, os
vínculos son case familiares. O apoio mutuo é unha práctica cotiá.
Tamén isto resultou unha sorpresa e volveu a miña mirada máis
complexa, pois sabía que Galiza ten fama de ser na súa maioría unha
comunidade conservadora. Tras varios comentarios políticos -e outros nos
que había unha defensa case cega das tradicións e da relixión-, podo
dicir que non é unha reputación sen fundamentos. Pero asómbrame ver como
é que, a pesar do que se comente sobre a forma de goberno e aínda que
se atope por aí algún que outro comentario con tinturas fascistas, na
práctica, a cooperación que procura o benestar xeral é unha forma de
vivir que nunca vira nas grandes cidades nas que vivín, por máis
progresistas que fosen os seus gobernos.
Na obra El extranjero, de Richard Sennet, puiden ler algo que
relacionaba a migración coa gran xenerosidade que estaba a presenciar, e
que me axudou a comprender un pouco máis o contexto: “O individualismo
económico era o gran perigo da era da expansión capitalista que el vía
nos seus comezos
. Nacionalismo e capitalismo podían marchar de consumo.
(…) Pola contra, as esperanzas nun movemento socialista apoiábanse nos
inmigrantes. O seu mero desprazamento dáballes a experiencia, ou polo
menos a posibilidade, de mirar alén de si mesmos e manter unha relación
de cooperación con quen experimentou un desprazamento similar”.
A opresión económica na que vive gran parte da poboación rural galega
-porque hai que dicir que quen máis nos está a axudar non gozan dunha
excelente posición económica- é o que segue reforzando esta maneira de
vivir, pero tamén o que segue causando que os mozos sigan saíndo, que as
aldeas vaian quedando baleiras e que a emigración milenaria de Galiza
continúe.
Escribo este texto porque vale a pena difundir que hai outras
maneiras de construír a vida. Que hai outros tipos de coñecementos moi
distintos aos “necesarios ou indispensables” nas cidades e viceversa.
Alén diso, o feito de estar a gastar menos cartos e comendo mellor,
porque cultivar a terra e criar animais pode darnos tanto, fíxonos
imaxinar que algún día poderiamos lograr crear un fogar autosustentable e
desligarnos cada vez máis das alienantes lóxicas capitalistas.
Aconteza ou non, este tempo que levo vivindo aquí resulta unha
experiencia curadora e liberadora. O desenvolvemento dunha sensibilidade
aguda do tempo da natureza permitiume facerlle fronte á ansiedade
provocada pola demanda de produtividade que me oprimía o corazón durante
a miña vida urbana.
O campo ofrece valores distintos ao recoñecemento,
ao éxito e á competición que se vive nas cidades. Ensinoume que é
posible vivir doutra maneira, na que se reforzan valores sociais que
benefician a todas, e por iso é indispensable que se deixe de oprimir e
infravalorar os territorios rurais.
Por agora, o meu compañeiro e mais eu queremos colgar unha placa fóra
da casa na que conste que “Esta casa construíuse grazas á axuda da
veciñanza”. A nosa situación migratoria -e polo tanto económica- é
inestable, pero vale a pena apostar por vivir esta experiencia. Para
convencerme disto mentres o escribo, non me fai falta máis que alzar a
vista, mirar o monte verde no horizonte e respirar profundamente o aire
fresco." (Sara Guerrero Alfaro, El Salto, 14/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario