"O cineasta galego de raíces en Monforte, Lois Patiño, acaba de presentar o seu último traballo, Lúa Vermella, na 70 edición da Berlinale.
A película rodouse entre a Costa da Morte (escenario que xa escollera para o seu documental, Costa da Morte) e Ribeira Sacra. Contou tamén con actrices, actores e figurantes destes territorios; así as meigas protagonistas de Lúa Vermella acompañaron ao director na estrea. Falamos con Lois Patiño, despois da presentación de Lúa Vermella na Berlinale.
Satisfeitos coa presentación? Que tal as meigas de Lúa Vermella en Berlín?
Moi ben, a estrea foi nun cinema precioso, que tiña as cortinas
vermellas, o que lle ía moi ben á película. E estaba cheo, cheo ata
arriba; na segunda sesión tamén quedou xente fóra. Todas as sesións
foron moi ben. E as meigas creo que o pasaron moi ben. Son días de
moitas entrevistas, non puiden estar todo o que quixera, pero puideron
coñecer a cidade e recibir o agarimo do público, tanto no escenario,
como despois da proxección e na festa galega que organizou AGADIC.
Para as meigas tamén era a primeira vez que vían o resultado
do seu traballo. Para elas tivo que ser impresionante, que che dixeron
despois de verse?
Si, tanto verse na pantalla como estar neste escenario. O meu cinema é
un cinema que utiliza unha linguaxe distinta; elas sabían do meu
interese cara á paisaxe nesta película, tamén cara aos mitos e a lenda.
Verse tróuxolles moitos recordos da rodaxe. As películas, para os que
están durante o proceso, son imaxes moi evocadoras de recordos; e
acordábanse de cada unha das accións, das localizacións, as anécdotas
que viraban ao redor de cada imaxe da película. É un momento moi bonito
de rememorar. Dicían que unha as experiencias máis incribles da súa vida
foi a rodaxe e agora estaba a ser o viaxar a Berlín a acompañar a
película. Cando a presentemos en España virán tamén a Málaga, será
divertido para elas.
Que próximas citas ten Lúa Vermella?
A estrea en España será no Festival de Málaga, imos saír a salas o 24
de abril e hai unha decena de festivais confirmados en Mexico DF, Nova
York, Cartagena de Indias en Colombia, Portugal, Alemaña, Canadá, Corea
do Sur. O roteiro está medio montado e logo, España. Imos ver que
podemos facer nos territorios protagonistas.
Que é Lúa Vermella?
Unha lenda contada cunha linguaxe cinematográfica contemporánea; é
unha lenda tamén creada ao redor dun personaxe contemporáneo noso, o “Rubio de Camelle”,
que rescatou decenas de cadáveres de náufragos perdidos no mar. A súa
historia é unha historia valente que axudou a moitas familias a superar o
proceso de duelo.
Ten moitos ingredientes para construír unha lenda a
través del e sobre dous puntos sobre os que quería traballar que son o
mar e a morte. Como desde estes dous misterios espértanse distintas
lendas e distintos mitos. Sobre o mar da Costa da Morte, un mar cargado
de dramatismo e de misterio, non só polos naufraxios, se non por esta
idea do océano como o fin do mundo, antes de que se descubrise América,…
e fai que reverberen os mitos.
Lúa vermella, ao final, é unha representación dos mitos e lendas que deron forma ao imaxinario fantástico galego. Un dos principais son as meigas e a santa compaña e este é un modo de axitalos e revivilos.
Volves a Costa da Morte, neste casco cunha ficción. É moi diferente facer documental a facer ficción?
Si, creo que esta película conserva unha parte de documental. Hai
unha vontade de retratar, tanto na rodaxe na Ribeira sacra como na da
Costa da Morte, aos habitantes da zona; por iso esforzámonos moitos nos
castings para atopar rostros singulares para as meigas e para as figuras
paralizadas na imaxe. Lúa Vermella ten esa parte de vontade
documental retratando ás paisaxes como aos habitantes. Tamén ten a parte
documental de traballar en torno ao “Rubio de Camelle”, que se
intepreta a si mesmo na película.
Costa da Morte era máis un documental antropolóxico cunha
mirada singular, traballando desde a distancia a paisaxe, e
reflexionando sobre como se constrúe a identidade dunha paisaxe, desde a
mestura entre historia e lenda. Neste caso, atravesamos a realidade
para observar Costa da Morte e Ribeira Sacra. Construímos un espazo de
ficción que é coma se fose unha aldea costeira, observamos este espazo
desde o mito e a lenda e construímos unha ficción singular.
A película creo que transita entre varios límites, entre documental e
ficción, entre realidade e mito e tamén os personaxes están entre a
vida e a morte. A película transcorre neste limbo entre moitas
realidades contrapostas. Tamén entre a realidade e o soño, observamos a
realidade con extrañamento cunha mirada que o tingue todo de
irrealidade.
Cal o papel de Ribeira Sacra na película?
En Ribeira Sacra gravei moitos momentos atmosféricos interesantes. A
presenza de bosque e toda a espiritualidade que desprenden as zonas
boscosas e de montaña. Eran os ingredientes que buscabamos alí. Ten
moita importancia dentro do relato a presa de Belesar. Gravamos moita
imaxe para despois ir depurando a linguaxe e ao final, moitas
localizacións da Ribeira Sacra caeron. Como o relato transcorre nun
espazo de costa, todo está tinguido polo océano,… todo o material da
Ribeira Sacra trasládase á zona de costa.
Por que o título, Lúa Vermella?
Quería subliñar o carácter lendario. A película adopta a forma dunha
lenda e lúa vermella é moi evocadora. A lúa ten unha presenza
determinante na película, é un elemento dentro do relato moi importante e
transformador. A imaxe da película está toda tinguida de vermello por
esta lúa vermella. Xerábanos a idea de feitizo sobre o territorio. Lúa
Vermella dá rapidamente esa idea dun conto de lenda, un conto mítico.
Ademais de acompañar a Lúa Vermella, que proxectos tes en mente?
Sempre temos proxectos na cabeza e algúns que está xa en marcha.
Estou a editar unha curtametraxe que codirixo co director arxentino
Matías Piñeiro, que tamén ten unha película na Berlinale. Estou a editar
outra curtametraxe que ten forma de vídeo instalación, rodada en Tokio.
E a seguinte longametraxe que vou facer, se todo vai ben, é con Matías
Piñeiro, que será a continuación da curta que rodamos xa. A película
está baseada en “La Tempestad” de Shakespeare, rodada nas Azores e
Galicia." (Ana Belén fernández, Xornal de Lemos, 02/03/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario