"O Ministerio de Facenda concedeu ao Concello de Miño un novo
empréstito de sete millóns, que servirá para pagar os xuros pendentes de
pagamento ás máis de 200 familias que foran expropiadas hai dúas
décadas para construír a urbanización Costa Miño Golf e que aínda non
recibiran todas as compensacións económicas.
O préstamo, que se
une aos dous concedidos con anterioridade por un valor de 15 millóns,
serve para pechar un conflito que levaba 18 anos aberto, que se moveu
polos tribunais e que elevou a débeda do concello ata os 22 millóns de
euros.
"Hoxe é un día moi importante. Con este préstamo hoxe remata
un conflito de 18 anos no que os afectados foron ninguneados polos
sucesivos gobernos municipais, obrigándoos a acudir aos tribunais de
xustiza", destaca o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo
(PSdeG-PSOE), que este luns anunciou a concesión do empréstito
acompañado polo delegado do Gobierno en Galicia, Javier Losada.
Vázquez
Faraldo agradeceu a intermediación de Losada para "axilizar as
xestións" dun préstamo a 10 anos que conta con dous de carencia, polo
que o Concello de Miño terá que comezar a devolvelo a partir do 2023.
Estes cartos servirán para cumprir o compromiso asinado o pasado mes de setembro coas persoas afectadas polas expropiacións.
A través daquel acordo, o Concello comprometíase a pagar os xuros
pendentes antes do 31 de maio de 2020 e, a cambio, os expropiados
aceptaron a liquidación de todos os créditos contra a entidade local,
derivados do procedemento contencioso-administrativo que se executa ante
o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), renunciando a cobrar a recarga de xuros que lles correspondería, ao redor de 8 millóns de euros.
"Quero
agradecerlles o acordo de xenerosidade ao que chegaron hai meses co
Concello, na que foi a primeira ocasión en que un Goberno municipal de
Miño sentaba a falar con eles. Foi un acordo de xenerosidade, pois renunciaron a cobrar unha parte da cantidade que lles recoñeceran os tribunais", sinalaba este luns o rexedor.
"Con isto evitamos que a débeda siga crecendo",
indica o alcalde, que anticipa que as negociación con Xunta e
Deputación para a achega de fondos que axuden a pagar as cotas do
préstamo -uns 700.000 euros anuais- "van por bo camiño". Así mesmo,
salientou a importancia do aprazamento de 10 anos no pagamento das
débedas anteriores contraídas con Facenda.
A situación chegara a ser practicamente insostible, cunha débeda total para o Concello de máis de 22 millóns de euros, unha cifra que case multiplica por catro o orzamento anual da localidade, de ao redor de seis millóns. Miño é o segundo concello de Galicia (só despois de Os Blancos) con máis débeda viva por habitante, uns 2.529 euros por persoa.
A pesar de que a súa poboación é duns 6 mil habitantes, Miño é a cuarta
localidade cunha maior débeda viva en termos absolutos, uns 15 millóns
de euros, só por detrás da Coruña, Compostela e Ferrol, e por diante de
cidades como Pontevedra, Lugo, Ourense ou Vigo.
A urbanización de Costa Anácara, renomeada despois como Costa Miño
Golf, supuña a creación de 1.200 novas vivendas (e un campo de golf) á
beira a AP-9. Impulsada inicialmente por Fadesa no ano 2002, foi
adquirida en 2006 por Martinsa, que en 2008 presentou a maior suspensión
de pagamentos da historia de España. En 2010 o Tribunal Supremo
declarou ilegal a adquisición dos terreos, condenando o Concello de Miño a indemnizar con 25 millóns de euros aos 500 veciños afectados polas expropiación.
O pasado mes de xullo, debido aos impagos, o TSXG emitiu novas
providencias obrigando a engadir un recargo para o pagamento dos xuros
xerados.
O pasado ano o socialista Manuel Vázquez Faraldo acadou a
maioría absoluta, converténdose en alcalde, despois de décadas de
goberno do Partido Popular e, nos últimos catro anos, do tránsfuga
Ricardo Sánchez Oroza (que na campaña por carta solicitara aos demais partidos que non falasen da débeda do concello). Dende a súa investidura, Vázquez Faraldo marcouse como obxectivo a procura dun acordo extraxudicial cos expropiados." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 03/03/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario