"As familias galegas terán que custear as máscaras protectoras dos seus fillos en idade escolar logo de que o PPdeG rexeitase financialas con fondos autonómicos. O PP votou o pasado martes na Cámara en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba que o Goberno galego entregara máscaras ás crianzas que teñen que acucir aos centros escolares e outra do PSdeG que pedía que se fixera cargo dos gastos de limpeza dos centros, tal e como informa a TVG.
Malia que a obrigatoriedade de portar máscaras vén definida polo protocolo da propia Xunta de Galicia, o PP rexeitou a proposta desoíndo as peticións do BNG, que instou ó goberno galego a "facerse cargo" do custo das máscaras ao ser "un elemento imprescindible para garantir o dereito fundamental á educación".
O rexeitamento do PP abrangue tamén a proposta do PSOE que esixía que fora a Administración autonómica quen asumira os "gastos de material, de seguridade e limpeza" derivados da adaptación dos protocolos covid-19 e que están a repercutir "no orzamento dos centros". Este conflito de competencias xa levantou as críticas de multitude de concellos, que no caso da provincia de Pontevedra acudiron á Deputación para subliñar que as competencias da limpeza corresponden á Xunta.
"XA TIVERON QUE ASUMIR ESE GASTO", DI O PP
A negativa do grupo do PPdeG impediu que prosperasen estas reclamacións. O parlamentario 'popular' Ovidio Rodeiro aduciu para rexeitar a proposta que o "impacto económico" que supón o uso de máscaras nas familias é anterior ao comezo da actividade escolar, dado que son obrigatorias en calquera outro contexto.
"Xa o tiveron e xa o teñen que asumir, vaian os nenos á escola ou vaian os nenos facer calquera outra actividade", declarou Rodeiro, que apuntou que sería máis apropiado demandar do Goberno central a "gratuidade" deste elemento de protección ou, polo menos, unha rebaixa do IVE aplicado sobre as mesmas. Neste aspecto cómpre lembrar que o Goberno central xa anunciou a dotación de máis de 800.000 máscaras para Galicia.
"Hai que axustarse máis á realidade das cousas", agregou o deputado nun
rexeitamento que vén de incendiar as redes sociais. Os usuarios de
Twitter non esqueceron que a negativa do PP a financiar as máscaras para
o alumnado chega apenas meses despois de que, en precampaña electoral as regalara. A
medida fora criticada no seu momento porque as máscaras, financiadas
con case un millón de euros, ían envoltas no logotipo do goberno
autonómico." (Iago Codesido, Galicia Confidencial, 23/09/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario