22/3/21

Covid: Detectan un foco nunha granxa de visóns en Compostela

 "Un foco da Covid-19 nunha granxa de visóns americanos para a industria peleteira volve pór de actualidade a preocupación polo risco destas instalacións, debido ao seu potencial de expansión da epidemia, como viñan advertindo as asociacións ecoloxistas desde hai meses.

 Galiza é o territorio do Estado español onde hai máis destas empresas en funcionamento e esta cuarta feira transcendeu publicamente o segundo surto no que vai de pandemia, neste caso en Compostela.

Após o incidente na Baña do mes de xaneiro, a Consellaría de Medio Rural viuse obrigada a comunicar este brote rexistrado polo menos en dous exemplares ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

 Ademais deste trámite burocrático, vanse realizar análises aos animais que están na explotación para determinar que medidas son precisas pois no anterior surto requiriuse o sacrificio dos visóns para evitar posíbeis contaxios ás persoas ou a outra fauna en caso de que escaparan.

Malia que só se sabe de dous casos positivos, na infraestrutura hai 6.554 visóns (a gran maioría femias reprodutoras). Ademais, nas 25 granxas do país están dadas de alta 71.479 femias reprodutoras.

 A detección deste novo foco do virus decorreu no marco dos controis de vixilancia que se realizan no marco do 'Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España', elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade e no que a Xunta di ter un papel de colaboración activa.

Esta nova volve dar visibilidade ás queixas das organizacións ecoloxistas, que xa de antes do coronavirus exixían o feche das granxas pero que incrementaron o seu discurso coa pandemia polos riscos de expansión da enfermidade. A pesar desta alerta, a Administración galega non fixo ningún movemento nin cambio de política neste sentido.

 Hoxe, por exemplo, a Fundación Franz Weber e Tu Abrigo Su Vida incidiron en que xa alertaran de casos posíbeis. As entidades dan xa como feito que será preciso sacrificar aos animais porque en grupos desta especie "o coronavirus pode mutar e mesmo inhabilitar as vacinas actuais".         (Nós, 17/03/21)

No hay comentarios: