"Por que agora unha historia sobre a guerrilla antifranquista na Galiza?
Aínda que nunca deixaron de aparecer novas contribucións e perspectivas sobre o asunto, tamén é verdade que a historia da resistencia armada á ditadura militar non chegou a callar como un dos grandes temas da nosa historia contemporánea, especialmente no eido académico.
Ou polo menos non o fixo de xeito proporcional á pegada que a
presencia da guerrilla tivo na nosa memoria colectiva. E antes de que
esa memoria popular da actividade guerrilleira
fique esvaecida por completo, faise máis necesaria aínda a súa
confrontación cos acervos documentais accesíbeis neste momento, que
permiten un coñecemento moito máis acabado e real daquela historia, con
toda a súa pluralidade e complexidade.
Que achega de novo esta publicación ás investigacións sobre a
resistencia armada ao franquismo na Galiza e que prismas diferentes
introduce?
Os artigos que compoñen a publicación non pretenden ofrecer un relato alternativo sobre a historia
da guerrilla, senón que máis ben tentan continuar na liña das
investigacións precedentes, ofrecendo ferramentas para que os lectores e
lectoras poidan compor a súa propia interpretación desta historia. Polo
tanto, unha característica da publicación que consideramos importante é
a de que a visión sexa plural e diversa: non se trata de facer un
manual, senón de artellar un conxunto de contribucións que teñen a
intención de lograr un coñecemento máis amplo do fenómeno guerrilleiro,
de afondar no seu sentido político-social e ao tempo ampliar as
perspectivas xeográficas, ideolóxicas e temáticas desde as que foi
abordado. Pareceunos importante, polo tanto, pór á guerrilla en relación
coa sociedade rural na que principalmente se desenvolveu, incorporar as
novas contribucións da arqueoloxía, saber algo máis da historia da
guerrilla en zonas menos coñecidas como por exemplo a Raia Seca, os
Ancares ou Eo-Navia, recuperar personaxes como Victor García ou Juan
Sorga, e tamén afondar na historia da participación feminina neste
movemento, abordando aspectos onde as mulleres tiveron moita
importancia, como foron a guerrilla do chan ou os desterros. Todo iso
sen esquecer aos grandes personaxes individuais e colectivos do fenómeno
guerrilleiro, achegando no posíbel novos datos e interpretacións que
puideran abrirse paso nos últimos tempos.
Coa perspectiva do tempo, que valoración fai vostede do papel
desenvolto pola guerrilla e da súa contribución á loita contra a
ditadura?
Quizais a pervivencia continuada da resistencia ao golpe militar por case vinte anos sexa unha das grandes historias do país, expresiva tanto da presencia consolidada dos novos movementos de esquerda no mundo urbano como da lonxevidade de movementos de resistencia comunitaria no mundo rural. Nunha mestura complexa e aparentemente contraditoria, galvanizado pola brutalidade da represión franquista, a resistencia da guerrilla na Galiza foi excepcional.
Está fora de toda dúbida de que Galiza foi unha das primeiras zonas en caer en mans dos sublevados de 1936, máis tamén é verdade que probabelmente foi a que máis resistencia colectiva amosou a dobregarse completamente diante do poder abusivo da ditadura militar nacente. En certa medida esa pervivencia da guerrilla estaba fundamentada na súa identificación coas clases populares e no seu papel xusticeiro fronte aos abusos das novas autoridades. Naqueles magoados tempos, a guerrilla era a única representación dunha certa xustiza cando actuaba contra sinalados represores, e tamén se convertía na única defensa das comunidades diante dos abusos de poder dos conglomerados corruptos conformados no novo réxime. Ese papel de contrapeso significou de facto un límite claro á impunidade coa que actuaban represores e as novas oligarquías.
Malia que a guerrilla foi finalmente derrotada, a súa presencia no imaxinario colectivo ben pode axudar a comprender a emerxencia de novos movementos contestatarios nos últimos anos da ditadura franquista, a un nivel descoñecido noutras zonas do Estado. En certa medida pódese dicir que a guerrilla fixo que a vitoria e a paz dos militares sublevados nunca estivera realmente completa na Galiza.
Estamos falando dunha publicación de 36 números, con autores de diversas xeracións, de formación e procedencia diferente, por que o estudo da guerrilla segue a ser un tema incómodo e que merece tampouco atención da historiografía?
Tradicionalmente a filosofía política recolle como un dereito dos pobos o de rebelarse fronte a gobernantes de orixe ilexítima, como claramente era o caso da ditadura franquista. Nese sentido, é evidente o paralelismo da guerrilla galega con tradicións recoñecidas como as da resistencia francesa, os partisanos italianos ou iugoslavos fronte ao fascismo. Mais as circunstancias derivadas da inexistencia dunha ruptura política entre a ditadura e democracia nos anos da transición tiveron como consecuencia a ausencia da reivindicación dunha cultura democrática, ao estilo, por exemplo, da que está presente en institucións como o Museu Nacional Resistencia e Liberdade de Peniche, en Portugal. Dalgún xeito, esta ausencia puido trasladarse tamén aos ámbitos académicos, onde as investigacións sobre a guerrilla non son moi abundantes, de tal maneira que aínda hoxe, a mellor obra de conxunto sobre o tema continúa a ser a do historiador alemán Hartmut Haine, escrita hai case corenta anos. Probabelmente os debates sobre a relación entre o terrorismo e a loita armada contra os Gobernos inxustos puido ser tamén un factor que condicionara negativamente o desenvolvemento de liñas de investigación sobre a resistencia armada contra o franquismo. E malia todo, unha morea de historiadores e historiadoras da máis diversa condición, foron dando a luz traballos como os que compoñen esta publicación, conseguindo abrir camiño para o coñecemento desta parte da nosa historia.
Publican este conxunto de traballos nun momento no que o Goberno do Estado vén de presentar publicamente o seu proxecto dun nova lei de memoria, que valoración fai da mesma e que consideración ten da súa utilidade?
Aínda recoñecendo que a nova Lei de memoria significa un avance sobre a anterior, da a impresión de que estas normas van sempre varios pasos por detrás das reivindicacións e necesidades da sociedade civil, e mesmo das recomendacións de organismos internacionais de dereitos humanos. Un antigo militante das organizacións clandestinas de Ferrol nos anos 40 denunciaba hai xa moitos anos que os Gobernos socialistas lles deran diñeiro polos anos pasados nas cadeas, mais nunca lles fixeron un recoñecemento público. Agora cando dalgún xeito se produce unha tímida reivindicación do seu pasado combatente, tanto el como boa parte das persoas protagonistas xa faleceron. E tamén foron morrendo moitos dos familiares directos que desexaban recuperar os corpos dos seus familiares desaparecidos.
Se á timidez e o retraso dos Gobernos de esquerda na reivindicación da memoria democrática se unen a paralización, os atrancos e os retrocesos dos Gobernos de dereita, o resultado é o importante déficit de cultura democrática que padecemos.
En asuntos relevantes a lei tampouco semella moi ambiciosa, pois non parece que unha simple declaración de nulidade sobre as condenas poida ser abondo, pois recoñecendo a dificultade da condena das persoas responsábeis, si que debería existir tamén unha vontade clara de coñecer a verdade sobre as persoas que promoveron e executaron a represión, e que foron os beneficiarios das incautacións, os espolios, as violacións ou o traballo forzado. No caso da guerrilla, cando a maior parte das accións de represalia foron mesmo por fora da legalidade ditatorial, non parece que as vítimas poidan atopar nin verdade, nin xustiza, nin reparación nesta lei de memoria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario