14/4/22

A trama das UTE: como Monbus conquistou a estrada galega con empresas pantalla... con contratos que non se cumpren, e autobuses que nunca pasan

 "O xigante do transporte público válese de pequenas empresas familiares para crear unións mercantís e esquivar a normativa antimonopolio. Dende o sector denuncian que Monbús se apropia de axudas públicas doutras entidades e que a Xunta, consciente da estratexia, segue favorecendo á compañía.

Os connaiseurs do viño saben que a prestixiosa adega Vega Sicilia, a pesar do que suxira o nome, non está en Italia, senón en Valladolid. Probablemente o coñeza tamén Alberto Núñez Feijóo, que entre 2006 e 2013 recibía cada Nadal unha caixa chea deste afamado licor cortesía de Raúl López López, presidente do grupo empresarial Monbús

Quizais López ignoraba que Feijóo, xa nos anos da universidade, era coñecido por non pedir máis que auga nas escasas noites que cambiaba o piso polos bares. Chegaran ou non a descorcharse esas botellas, o certo é que nos últimos dez anos Monbus conquistou o 80% dos contratos públicos de transporte regular da Xunta, segundo datos de Galibus. Unha fazaña empresarial na que a empresa de Sarria se serviu de compañías familiares vidas a menos para cambiar de cara ante a administración e esquivar a súa normativa anti-monopolio.

En Galicia, as liñas de autobús dependen da Xunta, e, máis precisamente, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Cada certo tempo, a administración autonómica saca a concurso paquetes de traxectos agrupados xeograficamente e senta unhas bases para acceder a eles. Nos contratos, claro, vai incluído un límite de axudicacións por empresa. Pero a Monbús, posuída nun 30% por Abanca, sóbranlle fórmulas para burlar este muro.

Un exemplo: en decembro de 2020 a Xunta adxudicou as liñas de Ferrol sur e Betanzos norte á UTE Hércules del Norte. A compañía fora creada poucas semanas antes da licitación, sen dúbida ex-profeso para esta. Sorprende que a Xunta achegara os permisos para exercer en Ferrol a unha entidade con sede social en Vimianzo, é dicir, a máis de 100 quilómetros da cidade naval. O caso repítese en Betanzos sur ou na do servizo XG-847, no Barbanza. En todos os casos atopamos a Monbús tras o entramado empresarial e os labirintos do Borme.

A compañía de López López valeríase deste recurso legal para acumular liñas que non lle corresponderían no caso de se presentar con nome e apelidos. O grupo de Sarria asegúrase de esquivar os límites das adxudicacións botando man das máis de dez empresas que o conforman: La Hispano Igualadina, Castromil, Transportes la Unión, etc. Deste xeito, as posibilidades de ser apercibidos por unha aparición reiterada decrecen. Sobre o papel, non se trata xa da mesma entidade, aínda que en moitos casos estas compañías non conten sequera con páxina web e os seus autobuses conten co logotipo de Monbus.

O PAPEL DA XUNTA

Inquirida por esta estratexia, a Xunta sinalou en ocasións anteriores que os contratos de Mobilidade estaban en regra, apuntando á ausencia de sentencias condenatorias. Pero é que a propia Xunta estaría a xogar un papel importante nesta trampa á administración autonómica, por paradóxico que pareza. 

“En transporte regular houbo tres concesións [nos últimos anos]. A primeira estaba orientada a «empresas ou grupo de empresas». Pero nas seguintes a Xunta sacou esta coletilla, e abriron a porta a que as empresas grandes se fixeran co 100% do mercado”, explica Alberto Paillet, presidente da plataforma Galibus, que agrupa ás compañías máis pequenas dun sector que ameaza con concentrarse en dúas grandes firmas: Monbús e Arriva.

Deste xeito, a empresa estaría a burlar a normativa autonómica apoiándose nos elos máis débiles do sector. A pregunta queda, naturalmente, en que beneficio tiran as sociedades que serven de máscara para a UTE. De acordo con Paillet, é habitual que estas firmas accedan a “asinar un folio en branco” cando se unen a Monbus: “métenos para facer o que a eles non lles interesa; as liñas descolgadas, por exemplo”.

Pero Galicia Confidencial puido contactar cunha destas empresas familiares e rematou recabando unha versión distinta dos feitos. “Nós non damos ningunha liña, todo o servizo é de Monbús”, relata o propietario dunha sociedade afincada en Vimianzo. “Somos convidados de pedra, simplemente”. Preguntado polo beneficio que tiran deste acordo, o home preferiu gardar silencio

O REPARTO DAS AXUDAS

A agrupación en UTEs que tería permitido a Monbús conquistar o 80% do mercado traería consigo un trato cuestionable para as pequenas empresas que acceden a ser fagocitadas. Como toda UTE, estas unións contan cun xestor escollido en liña co nivel de participación na entidade; é dicir, Monbús. Acontece que, á hora de recibir axudas da administración, é tamén a compañía administradora a que as recibe, e, segundo Paillet, estas non chegan ao resto de socios. “As empresas pequenas teñen un prezo pechado por día, así que agora non cobran absolutamente ningunha das axudas que veñan”, explica. 

Paillet destaca que, unha vez se lle comunicou esta circunstancia á Xunta, esta preferiu lavar as mans escudándose no carácter privado de tales acordos, “que é certo, pero debían axudar a todo o sector, non sempre aos mesmos”. Con todo, a plataforma de pequenas e medianas empresas non ten reparo en sinalar a responsabilidade da administración autonómica nesta marea de dificultades para os máis pequenos do sector. 

A cuestión está nos propios lotes de rutas que Mobilidade saca a concurso. Acontece que os ‘packs’ son demasiado amplos como para que unha empresa pequena poida asumir as esixencias do prego. Paillet cifra en até 50 autobuses a frota esixida pola Xunta, cando a dotación habitual dunha entidade do ‘terceiro estado’ non pasa de dez. “No momento en que hai lotes deste tamaño as empresas pequenas quedan fóra de xogo”, valora, unha impresión que comparte Marta, propietaria dunha entidade familiar ao norte de Ferrol."                     

O tamaño dos lotes licitados provoca que as empresas máis pequenas teñan que escoller entre quedar a cero ou aliarse con Goliat para, presumiblemente, recoller as migas que resten de tan proveitoso negocio. Porque Monbús, unha vez conquistadas as liñas, estaría a deixar fenecer moitas delas reducindo drasticamente a cantidade de autobuses e frecuencias.

Entidades veciñais e empresariais xa denunciaron á compañía en reiteradas ocasións por incumprir os pregos dos contratos que a converteron na firma número un do país. Pero esas serán cuestións a tratar na segunda parte desta reportaxe, na que, por certo, non se contou coa versión de Monbús e a Consellería de Infraestruturas. A primeira dixo carecer de tempo a raíz das vacacións, a segunda non dixo nada."          (Iago Codesido , Galicia Conficencial,  13/04/2022)


"A trama das UTE (II): contratos que non se cumpren, autobuses que nunca pasan.

 A comarca de Ferrol denuncia un recorte sen precedentes do transporte público dende a chegada dunha UTE integrada por Monbús. No sector aseguran que as grandes empresas buscan acaparar os contratos da Xunta ofrecendo grandes servizos que, unha vez se fan coas liñas, incumpren.

 Cando en 2011 estalou a Primavera Árabe non foron poucos os gurús tecnolóxicos que quixeron bautizala como “Revolución Facebook”. Cóntase, non en balde, que as redes sociais serviron como canle de axitación na que fraguou o descontento contra os vellos tiranos das poltronas orientais. Dende hai meses, Ferrol vive a súa particular revolución Facebook; neste caso contra un deterioro do transporte público polo que sobran dedos acusando aos responsables.

Día a día, os muros de Facebook de distintas asociacións énchense de queixas contra a UTE Hércules del Norte, constituída, entre outros, por Monbus, se ben a compañía apunta que a súa participación é máis ben minoritaria. Unha explicación que non aclara por que a web da UTE redirixe directamente á do xigante de Sarria e, segundo os veciños, todas as liñas directas veñen rotuladas coa compañía de Raul López López.

“Hai días que [o bus] non vén, hai días que vén antes de tempo... a xente non pode estar agardando na parada sen saber se vai chegar ou non”, laméntase María José Sánchez, da A.VV. de Chanteiro, unha pequena aldea de 250 habitantes a varios quilómetros de Ares. O diagnóstico é semellante da man da Plataforma Transporte Público Digno Ferrol e Comarca, que lidera as mobilizacións pola aparente precarización do servizo de autobús: “xa non é a primeira vez que queda xente en terra”, incide Teresa Vázquez.

A UTE Hércules Norte gañou a adxudicación das liñas de Ferrol sur e Betanzos norte en decembro de 2020, concedidas pola Xunta a pesar de que a esta unión ten a súa sede ben lonxe da Praza de España e a Avenida de Esteiro: Vimianzo. Dende entón, aseguran os veciños, boa parte dos servizos “esenciais” que a anterior concesionaria prestaba con relativa dilixencia foron caendo.

O problema centraríase nas liñas de primeira hora da mañá, particularmente sensibles porque serven para desprazar un gran número de traballadores á Coruña. Até a chegada da UTE, os ferroláns contaban con tres traxectos na alba do día: un ás 6:30 e dous específicos para transportar estudantes universitarios e sanitarios do CHUAC á urbe herculina. Pero a nova

empresa, apuntan, decidiu fundir as tres liñas nunha soa, e aí comezaron os protestas.

“Os autobuses non saen á súa hora, queda xente en terra... algunhas veces nin sequera pasan”, volven incidir dende a Plataforma. Precisamente, foi esta asociación a que a comezos de este ano interpelou á Xunta para recuperar as frecuencias anteriores. Mobilidade comprometeuse entón a falar coa UTE, pero, seguindo a versión dos veciños, non lograron mellorar a situación: “non repuxeron as liñas, senón que cambiaron de hora a que xa había”, explican, unha manobra que non solventaría a escaseza de prazas nin a duración ampliada do traxecto: de 45 minutos a unha hora e media en xornadas puntuais.

A cidade de Ferrol constitúese como unha zona especialmente sensible de cara ao recorte de servizos por estrada polo deficitario do seu tren, unha problemática que se agrava co recente encarecemento dos combustibles e as reticencias a usar o coche particular. Pero os problemas son aínda maiores na pequena aldea de Chanteiro, onde, segundo explica María José Sánchez, teñen que baixar a Ares “para calquera cousa. Para facer a compra, para ir á perruquería... por todo”, incide.

O envellecemento da poboación rural suma un problema engadido a estas zonas da contorna ferrolá. Segundo explica a muller, en 2020 contaban cunha liña proveitosa para desprazarse á vila con regularidade: todos os días tiñan un bus de ida ás 10:00h e outro de volta ao mediodía. A frecuencia foi suspendida pola UTE despois de realizar unha auditoría: “agora só temos o das 7 da mañá, pero non hai forma de volver”, explica.

É por iso que os veciños do lugar se ven obrigados a tomar o taxi ou depender dun familiar. Esta última posibilidade é un recurso obrigado para o caso dos alumnos do IES de Mugardos, que depende tamén do transporte privado. “Teñen un bus ás oito da mañá, pero para volver do instituto non hai nada”, apunta a mesma fonte, que incide tamén nas deficiencias da liña dispoñible: “hai días que non vén, outros chega antes de tempo...”. 

INCUMPRIMENTO DE CONTRATOS

Plataforma e asociación de veciños coinciden na crítica dun servizo “que non é serio” e se aprecia “desorganizado”. Para proba disto último, o día en que Chanteiro recibiu un bus de dúas plantas para recoller un ou dous veciños. “Os horarios están en función dos seus petos, non da necesidade da xente”, incide María José Sánchez. Pero detrás da precariedade denuncia podería haber máis que a simple desidia dunha compañía sinalada día tras día en redes sociais.

Galicia Confidencial xa recolleu o testemuño de Galibus sobre a adxudicación de liñas da banda da Xunta. A plataforma de pequenas e medianas empresas denuncia que Mobilidade licita lotes demasiado grandes como para que as entidades menores poidan conseguir a súa porción do mercado. A problemática estriba en que, de acordo coas mesmas fontes, as entidades que dominan o sector estarían a facer “trampas” para conquistar os contratos con promesas que logo nunca se cumpren.

Para optar a prestar un servizo de transporte terrestre, a Xunta esixe que as adxudicatarias conten cun número mínimo de vehículos e que estes se atopen en determinadas condicións de antigüidade, equipo, etc. Segundo Galibus, é habitual que as compañías máis grandes prometan á administración autobuses novos e equipados ante que logo nunca prestarán servizo.

“Danlles matrículas de frotas que xa están empregando en Madrid e en Barcelona, autobuses novos, e logo aquí operan con outros máis vellos”, incide Alberto Paillet, presidente da asociación. Segundo explica, moitos destes vehículos nin sequera poderían circular en Galicia porque xa forman parte de adxudicacións en distintas comunidades autónomas. Unha problemática que foi posta en coñecemento da Xunta e dos que, segundo Galibus, Mobilidade xa tomou nota. “O que pasa cos expedientes xa non o sabemos”, incide.

Cheguen a castigarse ou non os aparentes incumprimentos de contrato, o certo é que as extraordinarias ofertas que logo resultan en papel mollado teñen deixado fóra dos concursos diversas empresas pequenas que o terán moi difícil para subsistir até a próxima licitación. “Houbo compañías que xa tiveron que pechar porque outras fixeran ofertas desmesuradas. Xa lle dixemos á administración que parece que aquí ofertar non ten consecuencias, porque non obrigan ao seu cumprimento”, incide."             (Galicia Confidencial, 14/04/22)

No hay comentarios: