"O Xulgado do Contencioso Número 1 de Lugo ordena ao Concello de Mondoñedo "excluír" do seu PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) un xacemento arqueolóxico e retirarlle a súa protección. Faino atendendo a demanda da empresa que xestiona a canteira que durante anos foi destruíndo este castro malia as numerosas denuncias pola súa actuación ou a investigación da Fiscalía sobre a implicación da Xunta no esnaquizamento dun asentamento fortificado, ao pé do Camiño de Santiago e no que non hai moito se atoparon restos da época castrexa e un machado ritual de bronce case único.
Na súa sentenza, do pasado mes de xaneiro e á que tivo acceso Praza.gal, a maxistrada acolle a "petición de exclusión" do catálogo municipal de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos do denominado Castro da Trinidade que fai Canteras Santa Cecilia, que leva quince anos explotando o terreo e sumando denuncias. E argumenta a retirada da protección asegurando que "non existen indicio ningún que determine" que o espazo "siga estando incluído no inventario de Bens do Patrimonio Cultural de Galicia". Pero hai un problema: que si o está.
Así o corroborou o Servizo de Inventario da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais a Mariña Patrimonio, unha das entidades que leva anos loitando pola protección deste castro e contra a súa destrución.
"O Castro da Trinidade, situado no lugar do Chao do Val, na parroquia de Santa María de Vilamor do concello de Mondoñedo, está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia; polo que ten a consideración de ben catalogado", explica este departamento nun documento da Consellería de Cultura ao que accedeu este diario e que contradí o que di a xuíza.
O seu ditame é o último episodio dun longo e polémico conflito sobre un xacemento catalogado e supostamente protexido desde 1995, sobre cuxos danos se advertiu en forma de denuncias ou recomendacións por parte da Valedora do Pobo, que foron investigados pola Fiscalía e que mesmo recoñeceron desde o Goberno galego.
A Xunta asumiu que a canteira ocupou o espazo protexido deste castro en Mondoñedo, que danou o xacemento sen o seu amparo e que mesmo afectou a espazos do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte. Agora, a empresa que explota o terreo consegue que un xulgado ordene que lle retire a protección da que goza no PXOM de Mondoñedo argumentando que xa non está protexido e que nin tan sequera existe para a Xunta, ao contrario do indicado pola Xunta mesma a Mariña Patrimonio.
No fondo, esa foi a intención primixenia dunhas actuacións que sinalan o Servizo de Patrimonio da Consellería da Cultura en Lugo e tamén a Xunta. "Semella que aínda queda unha pequena porción do castro sen destruír, uns 500 metros cadrados, pero está claro que boa parte do xacemento está desaparecido", explica Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio. "Alguén debería explicar como é posible que o Goberno galego non actuase para evitar a desfeita, tendo en conta a cantidade de denuncias que houbo", insiste, tras destacar que "a destrución comezou en 2006, data na que o actual propietario adquiriu a canteira".
O castro está catalogado e incluído no inventario de xacementos arqueolóxicos dende os anos 90, un momento no que se estableceron límites á canteira para protexer a zona arqueolóxica. Porén, iso non impediu que as actuacións de Canteras Santa Cecilia prexudicasen notablemente a zona.
Mariña Patrimonio, que xunto con Adega denunciou en numerosas ocasións ante os tribunais e a Xunta a situación, leva anos insistindo en que o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo buscou sempre "demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico e xustificar as desfeitas provocadas pola empresa". "A descatalogación do xacemento conlevaría uns beneficios económicos moi elevados para a empresa propietaria da canteira e legalizaría a posible situación irregular, derivada da ocupación e explotación dunha zona arqueolóxica protexida", advirten.
A denuncia presentada en 2018 ante a Fiscalía facía fincapé no intento de desprotección do xacemento por parte do Servizo de Patrimonio de Lugo. O outeiro sobre o que se sitúa o castro foi arrasado pola actividade extractiva da canteira. Consumada a desfeita, o Servizo de Patrimonio da Xunta propuxo en marzo de 2016 a "exclusión" do xacemento do pre-inventario malia estar xa catalogadoe reclamou que se excluíse do PXOM de Mondoñedo. Porén o PXOM ratificou finalmente o Castro da Trinidade entre os bens protexidos ata que agora un xulgado de Lugo insta a que se elimine do plan urbanístico e, xa que logo, se retire a súa protección.
Durante tempo, o avance dos traballos da canteira foron ocupando aos poucos non só a franxa do perímetro de protección -duns 200 metros- senón o propio xacemento, ata comelo practicamente por completo. Segundo Mariña Patrimonio, a destrución continúa e non se detén.
Falamos dun antigo castro cuxo valor foi recoñecido por numerosos informes, documentos e imaxes. Xa en 2000, a avaliación do impacto da canteira sobre o castro documenta a existencia do xacemento e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autoriza a explotación da canteira, pero excluíndo o xacemento e a súa área de protección. Mesmo se advirte de que a explotación non pode avanzar na dirección do castro para protexelo.
O arqueólogo municipal de Mondoñedo advertiu xa hai anos que “unha canteira comeu case todo o terreo” da zona norte do castro. Tras unha denuncia presentada no Concello mindoniense, o mesmo arqueólogo insiste en 2008 que o xacemento está sendo afectado polos traballos da pedreira. Tras unha inspección, atopa restos cerámicos, metálicos e óseos da época castrexa entre os materiais remexidos pola compañía, reclama que se suspenda a actividade e se informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) e avisa de que a explotación "excede do ámbito territorial da autorización".
O técnico enviado pola Xunta asegura que o lugar está inventariado e catalogado. É a mesma persoa que logo en 2016 propón que se exclúa dun suposto "preinventario", razón pola que Mariña Patrimonio sempre sinalou a Xunta como un dos actores "favorables á descatalogación do xacemento, paso previo para modificar a actual delimitación do territorio histórico do Camiño de Santiago" e lograr así "a expansión da canteira".
Excepcional machado de bronce
Naquela inspección de 2008 chegárase a atopar un "excepcional machado votivo de bronce", cun torques gravado, unha das pezas arqueolóxicas máis importantes das que se atoparon en Galicia nos últimos anos. Nove anos despois, en inspeccións realizadas para intentar xustificar a descatalogación, Mariña Patrimonio asegura que se volveron atopar pezas de cerámica castrexa.
Tamén en 2016, a denuncia chegou da Asociación Nacional Española de Fabricantes de Hormigón Preparado por terse "invadido o perímetro de protección dos xacementos arqueolóxicos, onde existe un castro celta catalogado". É daquela cando a arquitecta municipal de Mondoñedo elabora un informe no que insiste en que a canteira afecta os terreos onde está inventariado o xacemento. Tampouco pasou nada.
Nese mesmo ano, Adega e Mariña Patrimonio presentan catro novas denuncias ante a DXPC polos danos que terían causado diversos labores mineiros sen autorización no territorio histórico do Camiño de Santiago. En 2020, preséntase outra pola construción dun muro de contención presuntamente ilegal na mesma zona protexida que supuxo a apertura dun expediente sancionador á canteira.
Pero os traballos seguen e as presións tamén. Mariña Patrimonio advirte que a "pasividade reiterada" da Xunta na protección dos bens patrimonios do monte da Trindade, "xunto coa presión que os propietarios da canteira exercen sobre as administracións públicas", acabarán provocando que os xacementos arqueolóxicos desta zona "sexan descatalogados, propiciando que se modifique a actual delimitación do Camiño de Santiago e se favoreza a explotación mineira cara ao devandito Camiño, causando un importante impacto nun ben patrimonial recoñecido como Patrimonio da Humanidade".
Polo momento, unha xuíza xa aposta por retirarlle toda protección e borralo do plan urbanístico malia ser un ben inventariado, catalogado e protexido pola Xunta. "
(Miguel Pardo , Praza Pública, 13/06/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario