"Non serei eu quen emita unha pregaria por El Correo Gallego, xornal de Compostela nado en Ferrol, que vén de solicitar a entrada en concurso de acredores coa apertura da fase de liquidación debido ao seu estado de insolvencia.
Nunca fun partidario de realizar oracións de súplica e tampouco de practicar a hipocrisía cando toca velar a un defunto. Intúo que este resucitará cun cambio de propietarios e unha asunción de parte das débedas a cargo do público, que nunca ten límite cando se trata de rescatar a empresas e bancos.
Rozaba eu a maioría de idade cando acudín por primeira vez á redacción deste xornal para deixar unha nota de prensa sobre un festival de rock organizado por unha asociación xuvenil. Alí fun atendido por unha redactora que tivo a ben recoller o evento nas páxinas locais.
Regresei nos anos seguintes por mor desta e outras actividades vencelladas co eido cultural, o activismo e a política. Ningunha das xornalistas que tratei durante aquel tempo permanecen na empresa e algunhas xa non se dedican á profesión. A precariedade, o impago dos salarios durante meses, as represalias, as presións da dirección e a liña editorial tiveron moito que ver.
Os que nunca viviron esa situación foron os máximos responsables deste periódico, cos que me reunín en varias ocasións por cuestións institucionais de Teo e Compostela. As regras do xogo con eles eran doadas, viñan alimentadas pola política arbitraria de medios da Xunta e pouco tiñan que ver co xornalismo. Se equilibrabas con fondos públicos as contas do diario eras un gran xestor, merecente do maior dos recoñecementos nas páxinas do xornal e na gala anual dos 'Gallegos del año'.
Os problemas comezaban cando dicías "non". No meu anecdótico caso, o prezo a pagar foi unha querela arquivada máis unha campaña diaria de censura, difamacións e insultos a min e aos meus durante anos. Pola contra, o aforro desa negativa representou para o erario público da cidade de Santiago preto dun millón de euros.
Máis aló da resultante a gusto do consumidor, fica no ar a seguinte pregunta; ¿quen alimentou dende o poder político este tipo de prácticas que non son exclusivas desta cabeceira histórica?" (
No hay comentarios:
Publicar un comentario